Martes 23 Abril 2024

Nace Digalego, o máis completo dicionario de galego en Internet

Un novo dicionario dixital máis actualizado e con máis de 65.000 entradas. Así é Digalego, realizado pola editorial ‘Ir Indo’ e que a Xunta vén de poñer a disposición de toda a cidadanía, con acceso gratuíto. Trátase dunha das obras máis completas e actualizadas do mercado lexicográfico galego. A iniciativa é posible grazas ao acordo acadado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a editorial Ir Indo, para unha obra que levou 20 anos de traballo e investigación e que agora pasa a propiedade da Administración autonómica. O acceso está xa dispoñible no enlace digalego.xunta.gal, así como a través do Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

O conselleiro, Román Rodríguez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o editor de Ir Indo, Bieito Ledo; presentaron o proxecto, que pretende ser unha ferramenta para os colectivos que a necesiten para o desenvolvemento do seu labor profesional, facilitando o uso correcto do galego na súa actividade diaria a empresas e sectores produtivos. “É dicir favorecemos a presenza do galego no tecido empresarial e profesional–dixo-, tal e como estamos comprometidos a facelo a través do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico”, dixo o conselleiro.

Publicidade

O dicionario inclúe un ‘repertorio de formas incorrectas’ con voces non admitidas en galego

Como segundo obxectivo da publicación en aberto do Digalego, está a proxección exterior do galego e a súa difusión internacional. Neste sentido, e dado que o dicionario ofrece equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán, facilítase que os falantes de todas esas linguas poidan aprender galego a través dun recurso gratuíto ao que se accede desde calquera punto do mundo a través da internet.

Cabe salientar que, con máis de 65.000 entradas, o Digalego segue as regras ortográficas e morfolóxicas acordadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en xullo de 2003, e toma como base léxica o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa).

Respecto das súas utilidades cómpre destacar que desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe “Repertorio de formas incorrectas”) unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias neses mesmo idiomas ademais de en chinés.

6 COMENTÁRIOS

  1. Sodes inxustos. Porque non dicides que o Estraviz é o mellor e mai completo dicionario galego de internet? Podese usar en calquera normativa, ademais…. Sodeis moi inxustos. E sabedelo.

  2. será o que queirades, pero o lexico deportivo segue a estar recolhido de jeito anetótico e o peor, tomado diretamente do espanhol, incumprindo as Normas Ortográficas da RAG do 2003 que especificam claramente que para a formação de neologismos devem ter-se em conta primeiro as soluções do português.

  3. Exactamente, como di Xosé, os que pagabamos a suscrición anual quedamos con cara de paspáns cando perdemos a metade dos cartos polo peche súpeto e sen que nos desen explicación ningunha.

  4. Xa era sen tempo que «volvera», porque non naceu agora. Os que pagabamos por ter acceso a el quedamos sen servizo durante meses e sen resposta da editorial Ir Indo

  5. Non nace, senón que volve, que xa existía hai anos. E sobre o de ser o máis completo… depende. En número de entradas o Estraviz ten máis de 130.000, o dobre. Mesmo así, é unha moi boa nova para a lingua. 🙂

  6. O agradezo moito xa que a min me virá de maravilla posto que na escola non mo ensiñaron,Aqui poderéi sair de moitas dúbidas como teño as veces.Asi que mil grazas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se ve a constelación de satélites de Elon Musk

Máis de 4000 obxectos orbitan arredor da Terra para vender unha tarifa de datos que proporciona acceso universal á rede

Caída masiva de internet nas principais compañías móbiles en España

Numerosos usuarios quéixanse de dificultades para acceder á rede e incluso chamar, pero non transcendeu que impacto tivo en Galicia

Un enxeñeiro galego crea un mecanismo para acelerar as conexións a internet no móbil

Esta proposta da tese de Pablo Fondo, do atlanTTic, é compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración

“Detrás dunha imaxe inocente pódense intercambiar ficheiros de pornografía infantil”

O investigador da UVigo David Vázquez participou esta semana na reunión anual de Uncover, un proxecto europeo para loitar contra o cibercrime