Sinatura do convenio de creación da Cátedra Ardán entre Zona Franca e UVigo.

Zona Franca e UVigo crean a Cátedra Ardán de investigación económica

Contribuír á creación de riqueza en Galicia a través do estudo e a investigación da evolución económica e dos distintos factores que determinan a competitividade dos territorios e das empresas, son os obxectivos da Cátedra Ardán.

O reitor da Universidade de Vigo e a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo asinaron este mediodía o convenio de colaboración entre ambas as institucións, que permite poñer en marcha unha iniciativa que nace cunha vixencia de catro anos, ao longo dos que o consorcio achegará anualmente 60.000 euros e a universidade outros tantos, en concepto de medios materiais, equipos de coñecemento e experiencia investigadora e docente.

Mato e Pedrosa, tras a firma do acordo.
Mato e Pedrosa, tras a firma do acordo.

Na presentación da cátedra, que Salustiano Mato cualificou de “histórica”, o reitor da Universidade de Vigo destacou a súa importancia estratéxica e “o salto cualitativo que supón na colaboración dos estudos económicos, econométricos e de empresa, que ao longo de 25 anos fixemos Zona Franca e a Universidade”. Pola súa banda, Teresa Pedrosa asegurou que este convenio constitúe “unha alianza estable que mellora a elaboración da información económica e sobre todo do valor engadido da información recollida polo informe Ardán”.

Ao abeiro da cátedra, na que participará a agrupación estratéxica da Universidade de Vigo Ecobas e os grupos investigación GEN e REDE, elaboraranse estudos sobre o desenvolvemento da competitividade da economía galega e sobre a coxuntura económica rexional, así como investigacións sobre factores de competitividade empresarial e medidores do desempeño e a xestión empresarial, orientados á mellora das organizacións.

Outras actividades contempladas no convenio subscrito hoxe son a investigación de actividades emerxentes ou sectores cun alto potencial de desenvolvemento e o seu impacto en Galicia, o deseño de ferramentas de posicionamento competitivo para as empresas, a actualización das bases metodolóxicas de Ardán, así como facilitar o seu uso como ferramenta de investigación de ámbito académico.

A Cátedra Ardán fará estudos tan diversos como da competitividade ou da igualdade

O reitor da Universidade de Vigo explicou que tras 25 de anos de colaboración na elaboración do informe Ardán “nos últimos tempos vimos como xurdían novos produtos e estudos de carácter innovador e isto merecía un salto de nivel e a constitución dunha cátedra porque estabamos a xerar estudos con rigor científico para enfrontar novos retos, como a forma de facer o tránsito á economía do coñecemento”.

Pola súa banda, a delegada do Estado na Zona Franca reiterou a importancia que para o organismo que dirixe ten investir en análise e coñecemento. “A Cátedra vainos permitir afondar no coñecemento da realidade empresarial noutras materias que están de moita actualidade, como por exemplo o índice de igualdade de xénero no que levamos traballando un ano, así como a economía circular, un índice a través do que medir a eficiencia das empresas en cuestións como reciclaxe e reutilización”, explicou Pedrosa.

Mato, que agradeceu o labor de “mecenado directo e moderno” que considera que está realizar Zona Franca, pensa que a Cátedra Ardán establece un marco de traballo “con ventá aberta e fluxo dinámico ao longo dun ano de xeito ininterrumpido, ao tempo que dá continuidade e estabilidade á nosa colaboración”.

Mentres, a delegada da Zona Franca apuntou que, coa posta en marcha desta cátedra “imos ser quen de mellorar o coñecemento da realidade da empresa galega para tomar decisións que supoñan unha mellora da competitividade, da igualdade, da reutilización, da globalización e en resumo da intelixencia de do talento das nosas empresas”, sinalou Teresa Pedrosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.