Venres 29 Marzo 2024

A Universidade de Vigo ultima o seu Centro de Innovación Aeroespacial

A Universidade de Vigo ultima a creación do seu Centro de Innovación Aeroespacial, para o que conta co apoio da Xunta de Galicia, fondos europeos a través do programa RIS 3, e a participación dunha importante empresa de base tecnolóxica, que podería implantarse en Galicia ao abeiro deste proxecto. Así o anunciou o reitor, Salustiano Mato, que destacou que xa está ‘moi avanzado’ o proxecto da nova titulación de Enxeñería Aeroespacial, que desexan que se imparta no campus de Ourense.

Técnicos traballan no satélite Humsat, da Universidade de Vigo.
Técnicos traballan no satélite Humsat, da Universidade de Vigo.

Salustiano Mato explicou que dende a Universidade de Vigo se está contribuíndo á creación en Galicia dun polo de innovación aeroespacial de dúas formas moi claras: dunha banda, a nivel académico, coa creación no campus de Ourense do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, “xa encamiñado” e que formará aos profesionais necesarios para que as empresas teñan persoal suficiente que lles permita entrar nese mercado e, da outra, comezando a traballar na creación dun centro de innovación específico, que responda ás necesidades concretas dese sector.
“É un proxecto no que aínda estamos traballando, que nace baixo o paraugas RIS 3 e para o que contamos coa colaboración da Xunta de Galicia”, recalcou Mato, que adiantou que se negocia tamén cunha importante empresa deste sector a súa participación nun proxecto que cualificou como “distinto aos centros tecnolóxicos clásicos, moi moderno e con cero risco económico”.
Nesta liña, e de cara a posible creación dunha spin-off relacionada con esta temática, Mato subliñou que “primeiro é fundamental saber de que maneira vai quedar e como vai operar ese Centro de Innovación Aeroespacial”, recalcou o reitor, que adiantou tamén que xa se estableceron contactos coas principais empresas do sector “coas que están nestes intres e tamén coas que aspiran a facelo”.
A experiencia da Universidade de Vigo no sector aeroespacial xa é todo un éxito, grazas ao programa espacial de minisatélites desenvolvido polo equipo dirixido polo profesor Fernando Aguado, que ten enviado ao espacio dous satélites artificiais, desenvolvido tecnoloxía para eles e xa asina acordos con outros países para compartir a súa tecnoloxía.

2 COMENTÁRIOS

  1. Non me digas máis, un clúster ao estilo da automoción cunha mesa de xestión de 20 fulanos cobrando 4000 euros e un grupo de centos de rapaces traballando con bolsas Feuga de 600 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos

Inaugurado o edificio do Campus da Auga en Ourense

O novo inmoble, que custou 4,5 millóns de euros, acollerá 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Zona Franca e UVigo crean a Cátedra Ardán de investigación económica

A nova cátedra dotará con 60.000 euros os traballos de análise da realidade da economía galega

A UVigo anuncia o satélite galego ‘Lume-1’ contra os incendios forestais

A Agrupación Aeroespacial lidera o proxecto europeo Fire-RS, dotado con case dous millóns de euros