A Universidade de Vigo segue a camiñar da man coa Cátedra Gas Natural Fenosa (GNF) na procura dun desenvolvemento sostible con novos proxectos sobre a mesa. Nos vindeiros meses, esta alianza servirá para afondar na investigación en economía da enerxía e do medio ambiente coa incorporación dun investigador de posdoutoramento especialista en economía e coa cooperación multidisciplinar entre o grupo REDE con outros equipos de investigación como EPhysLab, que fará as súas achegas dende o campus de Ourense. Para poder difundir todos os avances acadados, tanto entre o tecido empresarial como á sociedade en xeral, Universidade e cátedra organizarán tamén un evento anual en Vigo ou en Ourense enfocado á transferencia do coñecemento neste eido. En ambas actividades colaborará o Centro Internacional de Excelencia Hidráulica (CIEH) de GNF, que ten a súa sede na Cidade Tecnolóxica de Vigo.
Estes novos proxectos déronse a coñecer durante o acto de apertura da oitava edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS), “tamén respaldado economicamente pola Cátedra GNF“, como explicou o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, durante o acto de inauguración, no que estivo acompañado polos codirectores da cátedra e coordinadores do mestrado, Xavier Labandeira e Alberto Gago, e polo director de Hidráulicas e do CIEH de Gas Natural Fenosa, Manuel Menéndez. “Esta cátedra non só achega recursos monetarios ao máster, senón tamén moita especialización coa colaboración desinteresada de expertos en diversas materias relacionadas”, recordou Labandeira.
Deste xeito, a Cátedra GNF cumpre co seu obxectivo de promover actividades de formación, investigación, innovación e divulgación nas áreas da enerxía, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible e complementa a colaboración que a compañía enerxética mantén coa Universidade de Vigo en materia de I+D+i no seu centro de excelencia situado en Citexvi. Nacido en decembro de 2011 “coa misión de promover e canalizar iniciativas de I+D en materia de aproveitamento de enerxía convencional e mariña”, como asegurou Menéndez, o CIEH ten impulsado ao longo deste tempo 25 proxectos de investigación cun investimento total en Galicia de 14 millóns de euros.
O Centro Internacional de Excelencia Hidráulica (CIEH) colaborará nas investigacións
Estudantes procedentes de toda España, Albania, Colombia, Estados Unidos, Portugal ou Serbia e das titulacións máis diversas (dende Dereito, Ciencias Políticas, Enxeñería Industrial ou Xornalismo) participarán na oitava edición do MXDS, “unha titulación con multiplicidade de enfoques que debe gran parte do seu éxito aos seus 43 profesores, o 60% expertos de fóra da Universidade de Vigo”, como sinalou Alberto Gago. Co gallo do acto inaugural do curso, os organizadores quixeron contar coa presenza de Teresa Ribera, directora do Instituto de Desarrollo Sostenible y Relaciones Internacionales (IDDRI) de Francia e unhas das protagonistas do vindeiro Cumio sobre o Cambio Climático que se celebrará no mes de decembro en París e que terá como un dos seus piares fundamentais acadar que, “por primeira vez, cada un dos 192 países que participan identifique o seu nivel de compromiso para manterse na franxa segura dos dous graos centígrados de aumento das temperaturas”.