Tecnoloxía desenvolvida en Galicia que ten premio. O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) ven de obter un premio na categoría Car to Car, centrada na comunicación entre vehículos para mellorar a súa seguridade.
O recoñecemento chega do Salón do Automóbil de Barcelona, que galardoa así a CTAG, radicada no Porriño, polos traballos realizados no marco do proxecto SISCOGA (Sistemas Cooperativos Galicia), un corredor de cooperación intelixente que integra máis de 100 km en estradas interurbanas en colaboración coa DGT e tramos urbanos en colaboración co Concello de Vigo.
O obxectivo deste corredor permanente, aberto no ano 2011 e pioneiro en Europa, é realizar probas operacionais sobre os novos sistemas de comunicación vehículo a vehículo e vehículo infraestrutura.
Este corredor úsase tanto en proxectos de investigación (Field Operational Tests) coma en proxectos de desenvolvemento e posta a punto de sistemas cooperativos e converteuse nun dos lugares de ensaios de comunicación entre vehículo e infraestrutura de referencia en Europa.
CTAG participa en dous proxectos piloto europeos de seguridade
Actualmente forma parte de dous proxectos piloto europeos apoiando a estratexia de despregamento deste tipo de tecnoloxías: O primeiro é Compass4D, que ten como obxectivo mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética para unha mobilidade sostible en ámbitos urbanos, especialmente en escenarios de interseccións.
O segundo é Co-GISTICS, onde se analiza como mellorar a loxística de camións en cidades en termos de eficiencia enerxética grazas ao uso sistemas cooperativos.

Os Premios Salón Internacional do Automóbil de Barcelona, aos que se presentaron unha trintena de candidaturas, recompensaron tamén a Redbend e ao grupo Volkswagen-Audi España en recoñecemento ás súas innovacións para mellorar a conectividade dos vehículos. O obxectivo dos premios é o de promover a innovación e a excelencia na industria da automoción fomentando o automóbil como un medio de transporte eficiente, alcanzable, seguro e sostible.