Hai sete anos, por iniciativa de cinco cofundadores e inversores, nacía Nanoimmunotech, unha empresa spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza, disposta a ocupar un nicho existente nese intre no ámbito a nanotecnoloxía. “Todos os anos de investigación en inmunoloxía, xunto coa experiencia adquirida no ámbito dos anticorpos monoclonais, biosensores e nanotoxicoloxía, pensei que podían ser usados fóra do laboratorio e tras identificar un mercado de oportunidades creouse un equipo multidisciplinar de investigadores altamente expertos e recoñecidos internacionalmente”, recorda a catedrática da Universidade de Vigo África Gónzalez, promotora xunto a Christian Sánchez, Ricardo Ibarra, Jesús M. de la Fuente e Valeria Grazú de Nanoimmunotech.

A empresa, que a día de hoxe integran 20 persoas, localizadas en Vigo, Zaragoza e Madrid e que acadou en 2016 uns ingresos de 0,6 millóns de euros, recibía nas últimas horas a placa de honra da Asociación Española de Científicos que esta entidade outorga a científicas e científicos, profesionais da ciencia e empresas e institucións que destacan polo seu labor a favor da I+D+i en España.
No caso de Nanoimmunotech, a Asociación de Científicos Españoles argumenta a entrega deste galardón “por tratarse dunha empresa líder en caracterización e funcionalización de sistemas nanométricos e con forte potencial en investigación e innovación, a partir do deseño de nanopartículas, nanomateriais e nanosistemas complexos mediante bioconxugación e recentemente en deseño de biosensores altamente competitivos, permanecendo en continua innovación”.
África González foi a encargada de recoller, nun acto celebrado nas últimas horas en Madrid, o recoñecemento da Asociación, que considera “todo un orgullo” e destaca de xeito especial o fincapé dos promotores do galardón na innovación constante, “un dos elementos cruciais na empresa e que está a acadar grazas a un material humano moi experto, multidisciplinar, novo e con moitas ideas e ganas de traballar”.
A Asociación Española de Científicos, fundada en 1971 e que aglutina ás e aos investigadores científicos españoles e a todas as disciplinas científicas, outorgou, ademais de a Nanoimmunotech, placas de honra este ano ao científico do Instituto de Química Orgánica Xeral do CSIC Bernardo Herradón; á catedrática da Universidad Miguel Hernández de Elche Juana Gallar; á doutora en Ciencias Físicas e profesora de investigación no Instituto de Óptica do CSIC Susana Marcos; á sección de Ciencias do xornal ABC e á Asociación Española de Emprendedores Científico-Tecnolóxicos.
Nanoimmunotech é líder na caracterización e funcionalización de sistemas nanométricos
Nanoimmunotech, que a día de hoxe desenvolve e comercializa produtos e tamén ofrece servizos á carta, con distribuidores e clientes en máis de 40 países, céntrase na actualidade en catro áreas principais: Heatsens, un biosensor moi específico para a detección rápida de diversos analitos nos ámbitos clínico e agro-alimentario; a medicina rexenerativa; os estudos de biocompatibilidade de nanomateriais e a oferta de servizos para unir a nanomateriais elementos como anticorpos, enzimas, elementos fluorescentes e o deseño de nanoestruturas como nanopartículas magnéticas recubertas de ouro, que son únicas no mercado.
“Xunto aos outros catro promotores, crimos na idea desde o principio e non nos equivocamos. Sabiamos tamén que non ía ser fácil, xa que é unha empresa biotecnolóxia que require de moito investimento, pero o mercado da nanotecnoloxía estaba aí, esperándonos e só había que ir a buscalo”, lembra África González, que asegura que, aínda que era difícil ver ata onde podían chegar, sempre foi moi positiva, incluso na época máis dura da crise económica en España.