Venres 29 Marzo 2024

Nace ‘RockArtRoll’ para descobrir a arte rupestre

Os participantes en RockArtRoll nunha réplica dunha vivenda castrexa.
Os participantes en RockArtRoll nunha réplica dunha vivenda castrexa.

Hai 4.000 anos, os nosos antergos non gravaban discos: gravaban pedras. Así que o proxecto RockArtRoll, aínda que soe a música, vai de arte do Paleolítico. E quere achegar ao gran público aquelas escenas da caza do cervo, mapas do mundo e labirintos máxicos talladas nas rochas do país.

Promovido en colaboración coa mancomunidade Terras de Pontevedra, Rockartroll quere solucionar un problema: os xacementos puxéronse en valor, pero moi pouca xente vai velos. Así que a iniciativa ven de nacer con rutas en autobús e de sendeirismo, charlas didácticas e ata obradoiros para fabricar as ferramentas ou as armas dos galegos da Idade de Pedra.

Publicidade

“A arte rupestre é en Galicia unha grande descoñecida”, afirma o arqueólogo Juan Anca, un dos impulsores de RockArtRoll; “a xente non sabe que vivimos nunha concentración de arte rupuestre sen parangón en Europa“. Anca recorda cando escavaba en Campo Lameiro e os investigadores estranxeiros quedaban abraiados. “Viñan de Brasil, de Inglaterra ou de Francia e non daban crédito a tal concentración e tal marabilla de petroglifos”, explica.

En Galicia, na súa opinión, a xente non amosa tanto entusiasmo. Así que dende a recén nacida RockArtRoll (www.rockartroll.com) pretenden sacar rendemento turístico a esta riqueza e formar a poboación. “Facemos excursións para grupos, escolares, asociacións… e, en Semana Santa e verán, rutas para o turismo, porque é unha grande idea para os días sen sol”, resume Anca, que xunto a outros socios dunha empresa de consultoría cultural gañaron un concurso convocado pola mancomunidade Terras de Pontevedra que lles permitiu poñer en marcha a súa idea.

Os depósitos de petroglifos de Galicia son únicos pero non atraen ao turismo

Polo de agora, levan unha soa saída de presentación, realizada o pasado sábado. E farán varias máis en decembro para tour operadores e xornalistas. E comezarán en xaneiro con grupos e colexios.

“Facía falta crear un produto turístico que poña en valor este patrimonio”, asegura Anca, quen afirma que en Europa non hai nada igual: “Os únicos depósitos de petroglifos comparables están en Italia ou en Suecia, pero están moi afastados das poboacións e hai que facer longas rutas e mesmo pasar a noite no monte para visitalos”. Na provincia de Pontevedra están moi preto das cidades.

RockArt Roll ofrece a posibilidade de achegarse á vida de homes e mulleres que gravaron uns extraordinarios deseños sobre as rochas hai 4.000 anos. Poderase saber quen eran esas xentes, como era a súa vida cotiá e cales eran as súas crenzas. Da man de guías especializados e arqueólogos o público poderá admirar tesouros arqueolóxicos practicamente descoñecidos como a Laxe das Sombriñas en Ponte Caldelas, a Laxe das Rodas, ou Laxe das Ferraduras en Cotobade. Ademais poderán visitarse os centros arqueolóxicos situados na Caeira (Poio), Mogor (Marín), Tourón (Ponte Caldelas), e Campo Lameiro. Tamén farán visitas nocturnas.

Así que soa a música pero vai de pedras. De Rock Arte, a arte en rocha dos nosos antergos de hai máis de catro milenios.

A primeira excursión do proxecto RockArtRoll posa para a cámara.
A primeira excursión do proxecto RockArtRoll posa para a cámara.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal compartían no Paleolítico un corpus artístico que revela nexos culturais

Dúas investigacións descobren os paralelismos existentes entre representacións de máis de 9.000 anos de antigüidade en Cova Eirós e o val do Côa

Laxe dos Bolos, un petróglifo referente da arte rupestre en Galicia

Un libro recolle o traballo arqueolóxico coordinado por Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo