Xoves 28 Marzo 2024

Despega a Fundación do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia despega para converterse nunha realidade. Será un lugar deseñado como o principal foco de innovación e desenvolvemento dos sectores aeronáutico e espacial en todo o noroeste peninsular. Esta idea, convertida xa nun proxecto de negocio real ao que se uniron as principais empresas galegas do sector, deu un paso adiante coa aprobación en Consello de Goberno da Universidade de Vigo da creación da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, un ente con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar no que, ademais dos patróns de carácter público –Universidade e Zona Franca de Vigo- ,se incluirán como membros fundadores outros catro integrantes de carácter privado -Airbus, Delta Vigo, o Consorcio Aeronaútico Galego (CAG) e a Unión de Empresas Galegas de Aeronaútica (Udega)-.

O reitor Salustiano Mato, no Consello de Goberno que aprobou a fundación aeroespacial.
O reitor Salustiano Mato, no Consello de Goberno que aprobou a fundación aeroespacial.

“Imos a ter con nós a todos os actores importantes deste sector en Galicia e a un ente internacional tan importante como Airbus”, recalcou durante a sesión o reitor, que explicou que estarán adscritos a este centro todos os grupos de investigación de AtlantTIC e das escolas de Enxeñería Industrial e Minas. “É unha iniciativa que vai abrir todo un espazo de oportunidades para o desenvolvemento dos nosos grupos de investigación do ámbito tecnolóxico en xeral e, máis concretamente, daqueles que están mais próximos a responder ás demandas que vaian facendo os socios empresariais”, recalcou Mato, que avanzou tamén que, como socio fundador, a Universidade investirá no proxecto “unha cantidade bastante simbólica”, que neste caso cifrou en 24.000 euros.

O centro conta coa experiencia do éxito dos tres satélites da Universidade de Vigo

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, que se instalará nas instalacións de Zona Franca en Porto do Molle (Nigrán) nace, segundo expuxo o reitor na súa intervención ante os membros do Consello de Goberno, apoiándose no Know-how e recursos humanos xa existentes na Universidade, onde xa se lanzou con éxito un terceiro picosatélite, o último en colaboración coa Axencia Espacial Brasileira, e co apoio dun importante tecido industrial relacionado sobre todo coa mecánica de precisión e os materiais avanzados no sector da automoción, polo que, “nin moito menos” se parte de cero.
Coa Universidade e Zona Franca como membros fundadores, a esta iniciativa uníronse as principais empresas deste tipo radicadas en Galicia, destacando pola súa facturación Coasa e Delta Vigo, que xa dispoñen dos seus propios departamentos de I+D, máis centrados en cuestións de desenvolvemento e non tanto de investigación, así como outras empresas máis pequenas que se agruparon en Udega, e inclúen firmas como Hispamoldes, Tromosa, Tune Eureka ou Laser Galicia, todas elas con certificación aeroespacial UNE-EN 9100 de AENOR.
Doutra banda, a posta en marcha do centro suporá tamén, segundo expuxo o reitor, a posibilidade de especializarse e dar servizo á hora de conseguir para o sector importantes proxectos con financiamento europeo dentro do programa Horizonte 2020 e o RIS3 galego.
Ao respecto do financiamento do centro o reitor informou que unha vez se constitúa o centro, a previsión é “asinar un contrato programa de arranque coa Xunta de Galicia que nos permitirá fichar a un director xeral de prestixio externo e financiar tamén os salarios do equipo técnico co que arranque o centro”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos

CoVPSA: a vacina universal anti-covid eficaz fronte a calquera mutación

Un equipo de investigadores españois deseña mediante métodos matemáticos unha nova candidata para loitar contra o coronavirus e todas as súas variantes

Forte descenso da carga viral nas augas residuais da Coruña

"Espérase que continúe á baixa, mentres que na tendencia das variantes haxa maior variabilidade”, declaran dende o proxecto CovidBens

A UVigo anuncia o satélite galego ‘Lume-1’ contra os incendios forestais

A Agrupación Aeroespacial lidera o proxecto europeo Fire-RS, dotado con case dous millóns de euros