Moita madeira, pouco negocio

Bosque gallego.
O sector forestal xera 70.000 empregos en Galicia.

O 55% da madeira que se produce en España sae de Galicia, que, pola contra, só representa o 13% do volume de facturación e do número de postos de traballo que xera este sector no conxunto do Estado, como se constata nun informe elaborado pola Fundación Barrié. As conclusións deste traballo, que propón medidas concretas para incrementar a competitividade desta industria, foron presentadas estes días na Escola de Enxeñaría Forestal, no primeiro dos actos organizados con motivo da Semana Forestal Europea.

Ana José Valera, directora xeral de Investimentos da Fundación Barrié e Alberte Piñeiro, membro da xunta directiva da asociación de bolseiros desta institución, presentaron as conclusións do informe, que recomenda fomentar o asociacionismo, combater o abandono dos montes ou a creación dun consello de investigación forestal que vertebre o I+D+i nun sector moi importante en termos de emprego e sociais. A súa conferencia, titulada Como mellorar a capacidade forestal de Galicia?, forma parte da programación da Semana Forestal, na que colaboran Confemadera Galicia a Confederación Galega de Empresarios da Madeira e da propia Fundación Barrié.

O forestal é, como subliñou o director do centro, Enrique Valero, un dos “sectores estratéxicos para o futuro de Galicia”, dada a súa vinculación ao que se coñece como “economía verde” e as súas “tremendas” potencialidades de desenvolvemento. De aí que incidise na importancia dun estudo que busca coñecer “como desbloquear” o sector en Galicia.

O sector da emprego a 70.000 persoas e supón o 3% do PIB da comunidade autónoma

Preto de 70.000 empregos están ligados nesta autonomía a un sector que supón aproximadamente un 3% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, como sinalou Ana José Varela, quen explicou que o obxectivo do informe que o pasado mes de xullo presentaron ao Goberno galego, a iniciativa do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, é buscar como “duplicar” esa contribución ao PIB.

Porque en Galicia, relatou, existe un 30% de superficie forestal desaproveitada, unha “porcentaxe moito máis elevada ca de calquera outro país”. Prodúcese pois un “problema de rendemento forestal” no que inflúen factores como o minifundismo, un sector do moble “pouco competitivo” ou o problema dos incendios nos montes, que está ligado precisamente a cuestión empresarial. De feito, arden “principalmente as zonas onde o bosque é pouco rendible”, subliñou Varela, quen incidiu en que o 60% dos lumes concéntranse nun 10% das parroquias.

Para mudar esta situación e promover “un cambio relevante no sector forestal”, abóganse neste informe por dez medidas cuxo impacto económico foi cifrado en 2.700 millóns de euros. Así mesmo, estiman os seus responsables que cun investimento de 485 millóns poderíanse xerar aproximadamente 21.000 postos de traballo ao longo da cadea produtiva vinculada á madeira.

O 60% dos lumes concéntranse nun 10% das parroquias de Galicia

Estas medidas abordarían cuestións como combater o “minfundismo” mediante a cooperación local e a mellora do “atractivo” desa cooperación. A este respecto, Alberte Piñeiro sinalou a necesidade de abordar medidas no ámbito da fiscalidade, dado que actualmente un vendedor que forme parte dunha asociación paga máis tributos que un individual, segundo relatou.

O terceiro piar desta relación sería “combater o abandono do monte”, levando a cabo iniciativas como a desgravación do IRPF por investimentos neste eido ou a bonificación do imposto de doazóns polas parcelas, para así incentivar o relevo xeracional. Así mesmo, Piñeiro tamén recalcou a necesidade de instruír procedementos sancionadores ás persoas propietarias de terras abandonadas que non optasen nin pola asociación ou a cesión, dado que isto trae consigo un problema “gravísimo” como son os incendios forestais.

No relativo á xestión, este informe defende promover unha maior eficiencia nas comunidades de montes veciñais, impulsar “novos usos” do bosque e mellorar o nivel de certificación da madeira, que actualmente é só do 7% en Galicia.

Outro dos piares deste informe é promover un I+D+i “eficiente”, o que podería constituír o “gran impulso do sector”, na opinión de Piñeiro. De aí que entre as propostas defendidas neste informe estea a creación dun consello de investigación forestal, coordinado pola Xunta, no que estean representados os diferentes axentes do sector, tanto públicos como privados.

O 30% das persoas empregadas no sector forestal dependen da fábrica de pasta de papel de Ence en Pontevedra, segundo un estudo elaborado pola consultora KPMG, que cifra en 459 millóns de euros a achega ao PIB de Galicia da planta. O informe, que foi presentado nos actos da Semana Forestal, sitúa por riba de 5.000 os postos de traballo directa ou indirectamente vinculados a esa planta.

1 comentario

  1. Sería moi longo debullar tódalas falacias e verdades a medias que contén este artigo,con un tema do que,por outra banda,se está machacando ós medios dende hai tempo. En primeiro lugar,o monte que non está producindo madeira non é monte “improductivo”,senón terra que se está facendo para a súa posible conversión en terra de cultivo cando se precise. Non se pode dicir o mesmo da inmensa superficie de eucaliptal que ocupa hoxe terras agricolas de primeira. Pero,en xeral,o texto e o estudo ó que se refire está cheo dos eufemismos de sempre ” novos usos”,”competitividade”,”sector estratéxico” ( tódolos sectores especulativos se denominan así: o enerxético,as piscifactorías etc…) que significan básicamente o que todos sabemos: EUCALIPTOS ( como moi ben se insinúa no párrafo final ). PD.: Ainda que sería unha interesante pista de investigación policial para desvelar tramas posibles , o que se dí de que o monte rendible non arde,é absolutamente falso; vivo nun concello onde só hai especies de crecemento lento caducifolias e os incendios son prácticamente descoñecidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.