Venres 19 Abril 2024

Joe Fernández: “A xente gastará máis en fármacos para vivir máis”

Ana Hernando/Sinc

Joe Fernández foi unha das estrelas da feira BioSpain, celebrada en Santiago de Compostela. Fillo de santanderino e galega, este emprendedor leva nos EUA case toda a súa vida. Alí, nos 80, creou a súa primeira empresa: Invitrogen, que medrou á calor do proxecto Xenoma cos seus kits de clonaxe. Logo fundou Active Motif, centrada en ferramentas que permitan avanzar no estudo do núcleo das células en 3D, un ámbito que, na súa opinión, vai facer posible desenvolver fármacos cada vez máis precisos. Nos seus anacos libres, inviste en novas firmas de biotecnoloxía para axudalas a crecer.

Publicidade

Vostede fundou Invitrogen, unha compañía que foi pioneira no desenvolvemento e ferramentas para investigación, cando case ninguén sabía o que era a biotecnoloxía. Como lograron que se convertese nun negocio de tanto éxito?

Os meus socios e máis eu creamos Invitrogen en 1987. Viñamos todos do mundo da investigación e non sabiamos nada de economía. Quizais por iso fomos máis ousados e puidemos buscar solucións novidosas e lóxicas para a biotecnoloxía daquel momento. Logo, a medida que fomos medrando, non nos quedou máis remedio que aprender de negocios.

Centrámonos no desenvolvemento e comercialización de algo que por entón ninguén facía: ferramentas de investigación en forma de kit para simplificar a clonación de xenes, a expresión xenética e tamén técnicas de análise de xenes. Todo iso coincidiu co lanzamento nos noventa do Proxecto Xenoma Humano.

Cando fundamos Invitrogen, nunha equisa en Nova York a xente confundía o ADN cun pesticida: o DDT

Como lles miraban cando contaban a súa idea de negocio nunha área daquela tan descoñecida?

Naquel momento a biotecnoloxía era unha rama da ciencia moi nova. Por poñer un exemplo, cando creamos Invitrogen, a canle 10 de radio e TV nos EUA preguntou a persoas que pasaban pola rúa en Nova York se sabían o que era o DNA (ADN en inglés) e respondían que era un pesticida, como o DDT. Era un momento case prehistórico da biotecnoloxía e á xente soáballe estraño.

Eu tiña 28 anos cando fundamos a empresa. Ao principio a idea non lle gustou a ninguén, pero o que estabamos a facer era abrir o camiño para a creación dun sector que logo tivo unha importancia enorme, o das empresas de desenvolvemento de ferramentas para a investigación en biotecnoloxía. No 2000 a compañía saíu á bolsa e foi unha saída ao mercado con moito éxito. A min gústame dicir que unha boa ciencia é sempre bo negocio.

 Logo marchou de Invitrogen e creou Active Motif…

Apetecíame cambiar. O que faciamos en Invitrogen estaba ben, pero era xa un pouco ciencia pasada, quería facer unha compañía especializada en desenvolver ferramentas que axudasen a estudar o que pasa no núcleo das células humanas, que é o cerebro das células. A comezos do 2000 había moi poucos estudos nese campo porque non existían ferramentas axeitadas para investigar ben.

A ciencia cambiou unha burrada, antes era máis plana e agora estamos a lograr ter unha visión da bioloxía en tres dimensións. O que facemos en Active Motif é desenvolver os produtos para que os investigadores poidan ver o que acontece no núcleo da célula en 3D.

Que tipo de produtos desenvolven?

Sobre todo ferramentas de bioloxía celular e de bioinformática que poidan usar os científicos para determinar as funcións, interaccións, e a regulación dos xenes e as súas proteínas codificadas. Os nosos clientes son tanto institucións académicas coma empresas de biotecnoloxía, farmacéuticas, hospitais e laboratorios.

Temos varias patentes. A nosa tecnoloxía de chips permite, por exemplo, localizar con precisión onde vai unha proteína no ADN e no xenoma enteiro. Se unha empresa como Genentech quere saber se os seus novos fármacos se están a expresar correctamente, podémoslle subministrar tecnoloxía que lle permita ler miles de bases e ver onde están metidas as proteínas. Ademais, pódense poñer códigos de barras en diferentes partes do xenoma.

As ferramentas que desenvolvemos fan posible ver iso, pero non só cunha proteína, póñense códigos de barra en diferentes partes do xenoma e pódese ler todo e ver como se expresan dez proteínas no corpo humano e onde tocan o ADN ou o ARN.

“Facturamos 16 millóns de dólares ó ano e temos oficinas en California, Nova York, Bélxica e Xapón”

Canto factura esta empresa?

Entre 15 e 16 millóns de dólares ao ano cun equipo de 90 persoas. Temos sede en California e oficinas en Nova York, Bélxica e Xapón.

Como ve o sector de biotecnoloxía agora?

Creo que está no seu mellor momento porque a riqueza e a complexidade da información que estamos a conseguir agora en cada experimento é tan grande que estamos a empezar a enlazar enfermidades cos datos que están a saír dos laboratorios, e hai anos non era así.

Nos 90 e ata os comezos da pasada década gastáronse moitos cartos en biotecnoloxía, pero o retorno en canto ao desenvolvemento de fármacos foi horrible. A xente gañou moito diñeiro porque se sacaron compañías a bolsa e foi case como o que aconteceu coas firmas de internet, un boom que logo estourou. Houbo moito bluf, non saíron fármacos de biotecnoloxía nesa época, nin en terapia xenética nin en nada.

Agora é totalmente diferente e a investigación que se está a facer está máis orientada ao desenvolvemento de fármacos cada vez máis personalizados e dun xeito moito máis eficaz que en calquera outro momento.

Cando se produciu este cambio de tendencia?

Un bo índice é o número de fármacos que están a entrar para a súa aprobación pola Axencia de Alimentos e Medicamentos (FDA, polas súas siglas en inglés). Dende 2010-2011, o número está a crecer dunha forma incrible e o máis importante é que agora estamos a empezar a entender como podemos curar algo dun xeito moito máis específico.

E iso por que?

Grazas á bioloxía 3D, pódense facer cousas moito máis específicas no organismo e reducir os efectos secundarios dos medicamentos. Ao ter unha visión en tres dimensións da célula, por exemplo, pódese cambiar a linguaxe da histona ou do ARN sen afectar a outras partes da célula, pero esta intervención localizada pode marcar a diferenza entre que unha persoa desenvolva ou non un cancro. E ademais, ao ser intervencións máis específicas, lógranse reducir os efectos adversos. A porcentaxe de éxito de novos fármacos está a aumentar grazas a toda esta nova información, o que fai posible que as compañías aforren diñeiro e que o tempo que transcorre entre a investigación e o desenvolvemento de fármacos se acurte radicalmente.

Antes nun experimento liamos un xene ou o ARN, agora facemos secuencia da célula humana completa. En 1995-96 rematou a secuenciación do xenoma humano e investíronse enormes cantidades de tempo e de diñeiro. Agora, no noso laboratorio e en case todos os bos laboratorios do mundo estanse a ler 4.000 millóns de bases cada cinco ou seis horas.

“Os investimentos en Biotecnoloxía van ir a máis, porque os resultados son cada vez máis rápidos”

E na próxima década, cara a onde cre que se dirixirá o sector?

Cara a unha medicina personalizada. Cada vez hai máis vellos e a xente vai querer gastar máis en medicinas para vivir máis, os que se poidan permitir o gasto, claro. A principios do século XX viviamos ata os 60 anos, agora superamos os 80 e esta cifra segue aumentando. Os investimentos van subir máis e máis, sobre todo agora que se ve que estes desembolsos en biotecnoloxía se traducen en novos medicamentos dunha forma moito máis rápida.

Haberá un momento en que se poderá ver se o teu xenoma está a cambiar e se poderá ler e saber o que está a pasar. Un día poderase saber cunha simple análise de sangue, vendo os anticorpos que unha persoa está a producir, que enfermidade vai ter porque talvez aínda non desenvolvese un tumor, pero o corpo xa sabe que ten células de cancro.

Ademais de emprender vostede tamén actúa como anxo de investimento de novas compañías…

Si, investín nunhas cantas e sigo tendo participacións de 10% ou o do 15% en varias novas empresas de biotecnoloxía nos eidos de ferramentas e screening de fármacos, por mor de que son campos que coñezo e nos que podo axudar para que sigan adiante. Teño participación en firmas como Blueshift, Expedeon e Sygnis. O diñeiro moitas veces é o de menos. Cando se abre unha compañía o importante é a idea e o traballo que hai detrás.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

MC1R, o xene dos roibos: así acurralou a xenética o asasino de Narón

*Un artigo de Estes últimos días saltou á prensa o caso...

Desenvolven virus artificiais para aplicalos en terapias xenéticas

Investigadores de EEUU crean nanomateriais prometedores para o tratamento de enfermidades raras e cancro, así como de medicina personalizada

Que desvela o estudo xenético da momia da infanta Leonor de Castela?

Descubrimos cal era o aspecto físico, a cor do cabelo, pel e ollos dunha das fillas do rei Afonso X o Sabio, cuxa apariencia era descoñecida ata o de agora

Algúns humanos herdaron narices máis altos dos neandertais

Un estudo internacional identifica un trazo que puido axudar os nosos antepasados a adaptarse a climas máis fríos