Dolores Cortina, profesora de Física da USC e asesora científica de Intera. Imaxe: Intera.
Dolores Cortina, profesora de Física da USC e asesora científica de Intera. Imaxe: Intera.

Nace Intera, unha spin-off da USC para detectar e reducir o gas radon

Un equipo de investigadores do Laboratorio de Análise de Radiacións da USC (asociado ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) e a empresa de enxeñaría Inous uniron as súas forzas para crear Intera (Innovaciones Tecnológicas del Radón) unha empresa nacida ao abeiro da universidade que ten por obxectivo ofrecer solucións de mitigación do gas radon nos edificios.

Esta spin-off, segundo explican os seus impulsores, “dispón das técnicas máis avanzadas e os equipos tecnolóxicos máis sofisticados de medida de radiacións ionizantes para a detección do gas”, así como de persoal cualificado para interpretar os resultados.

A empresa ofrecerá solucións personalizadas para cada edificio

Entre os membros de Intera están Dolores Cortina, profesora de Física da USC e José Benlliure, catedrático de Física Nuclear na universidade compostelá, que serán asesores científicos da empresa; Juan José Llerena, licenciado e diplomado en Estudos Avanzados en Físicas pola USC, que exercerá de director de calidade; Pablo Costas, licenciado en Enxeñaría Industrial pola UVigo, como director de operacións, e Elena González, licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Cardiff Bussiness School, como directora xeral.

O Laboratorio de Análise de Radiacións (LAR) da Facultade de Física conta con máis de 15 anos de experiencia na investigación sobre gas radon e a súa presenza no aire, auga e materiais, e participou en máis de 3.000 proxectos de medición. “Dispoñemos dos ollo que ven o gas radon”, sinala Dolores Cortina, profesora de Física da USC e responsable do LAR, que será asesora científica de Intera.

Intera ofrecerá aos clientes solucións “idóneas” para a mitigación do radon en interiores, xa que, segundo explican, “non existe unha solución perfecta para que funcione en todos os casos. Así, tras varias colaboracións entre o LAR e a empresa Inous, xurdiu o proxecto para dar servizos integrais que van desde o asesoramento e execución de medidas preventivas nos novos edificios ata a medición, deseño e desenvolvemento de solucións ou a formación e consultoría.

O proxecto busca dar resposta á preocupación social polo radon

A empresa ofrecerá detectores de filtro de carbón para vivendas unifamiliares, o que en 48 horas permite determinar con “gran fiabilidade” se hai niveles de concentración superiores ao establecido pola normativa. Conta tamén con detectores de trazas, para facer un seguemento máis amplo no tempo, de ata tres meses. Do mesmo xeito, para determinar os puntos de entrada do gas nos edificios, e acometer as posibles solucións, Intera dispón tamén de medidores de continuo, que rexistran a concentración de gas en tempo real, ao tempo que a presión atmosférica, a temperatura do edificio e a humidade relativa do ambiente.

Deste xeito, Intera pretende dar resposta á preocupación social que xurdiu polos efectos das elevadas concentracións de radon en interiores. Numerosos estudos científicos sinalan que a inhalación deste gas é a segunda causa de cancro de pulmón, por detrás do tabaco. Desde o pasado 6 de febreiro, unha directiva europea establece que o nivel de concentración deste gas radiactivo non pode ser superior a 300 becquerelios por metro cúbico.

 

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.