Sábado 20 Abril 2024

Despega o Centro de Innovación Aeroespacial

Cinco meses despois da constitución da súa fundación, o Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae, xa dispón dun espazo para desenvolver a súa actividade. Coa Universidade de Vigo e o Consorcio da Zona Franca como membros fundadores e a participación no seu padroado das empresas e entidades privadas Airbus, Consorcio Aeronaútico Gallego (CAG), Deltavigo e a Unión de Empresas Gallegas de Aeronáutica (Udega), este “protocentro tecnolóxico”, chamado a convertese no principal foco de innovación e desenvolvemento do noroeste peninsular para o sector aeroespacial, conta desde hoxe cun lugar propio no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial de Porto do Molle en Nigrán. No inmoble de máis de 6000 metros cadrados, promovido por Zona Franca e o Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa, Incyde, o Centro de Innovación Aeroespacial, que será o único de Galicia coa especificidade que precisan os sectores aeronáutico e aeroespacial, compartirá espazo cun viveiro de empresas tecnolóxicas, así como con empresas privadas.

Momento da inauguración do CINAE, en Porto do Molle.
Momento da inauguración do CINAE, en Porto do Molle.

O acto de inauguración do Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, que estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e no que se deron cita numerosos representantes do sector aeroespacial, así como de entidades públicas e privadas, comezou cun recordatorio por parte da delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, para o comisionado do VigoTecnolóxico e docente e investigador da Universidade de Vigo, José Antonio Vilán, que continúa a súa recuperación tras sufrir un grave accidente cando circulaba en bicicleta por unha estrada de A Guarda. “El, xunto ao seu equipo e ao tamén investigador da Universidade de Vigo Fernando Aguado, é a alma mater deste proxecto. Necesitámolo aquí”, dixo Pedrosa ao inicio do acto de inauguración do edificio, que ten capacidade para máis de 300 investigadores e investigadoras.

Publicidade

Javier Collado, director xeral da Fundación Incyde foi o primeiro en tomar a palabra para destacar que “este proxecto froito da unión de todos non é o final dunha obra, senón o inicio dun proxecto”. A continuación, o reitor da Universidade de Vigo e presidente de la Fundación Cinae, Salustiano Mato, amosou a súa disposición a traballar para encher de talento o novo edificio, que considera supón unha grande oportunidade para Cinae “que quere achegar músculo ao incipiente sector aeroespacial galego”. Mato, que agradeceu a implicación de Airbus no proxecto, asegurou que a Universidade “quere ser motor e alimentar este centro e as súas incubadoras con iniciativas como as que vimos desenvolvendo”, contando coa colaboración de entidades de referencia como a Axencia Espacial Europea.

O centro de Zona Franca e UVigo ten capacidade para máis de 300 investigadores

O presidente da Xunta de Galicia foi o encargado de pechar o acto de inauguración do edificio, no que tamén tomaron a palabra os alcaldes de Vigo, na súa condición de presidente do Pleno do Consorcio da Zona Franca, Abel Caballero e o de Nigrán, Juan A. González, e a subsecretaria do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas, Pilar Platero. Caballero amosou a súa satisfacción por un proxecto global que amosa “que estamos nun territorio no que somos quen de facer calquera cousa”, mentres que Juan A. González asegurou que “hoxe é un día de festa para Nigrán”, ao tempo que augurou “mil primaveras máis para o polígono de Porto do Molle”. Pola súa banda, Pilar Platero incidiu na importancia da fusión público-privada para desenvolver iniciativas coma esta que asegurou “é unha realidade e non un proxecto”.

Algúns dos investigadores da Agrupación Aeroespacial da UVigo.
Algúns dos investigadores da Agrupación Aeroespacial da UVigo.

O presidente da Xunta, que comezou o seu discurso apuntando a incompatibilidade que existe entre a innovación e o cortoplacismo e a improvisación, insistiu na necesidade de que as administracións xeren confianza e un ecosistema innovador, no que ademais de reter e recuperar o talento investigador perdido, se reforcen os centros universitarios e tecnolóxicos. Neste sentido, Núñez Feijóo, destacou que “a Universidade de Vigo plantexou de xeito intelixente o Grao en Enxeñaría Aeroespacial que será impartido no campus de Ourense”, unha titulación que o presidente da Xunta considera unha peza máis no grupo de centros neurálxicos no proceso de construción dun novo sector económico, o aeroespacial, e que completan Nigrán, Vigo e As Rozas. O presidente da Xunta reiterou a aposta da súa administración por facer de Galicia un referente europeo no ámbito aeroespacial, que xerará emprego cualificado, ademais de exercer un potente efecto de arrastre noutros sectores. “Galicia ten a ocasión de construír un novo sector económico”, dixo Feijóo, que parafraseando ao Nóbel de Literatura André Gide asegurou que “hai que afastarse da costa para facer máis cousas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro