Venres 29 Marzo 2024

Nace a Fundación do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia

A Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia é desde agora unha realidade. Os representantes dos patróns fundadores de carácter público, Zona Franca e Universidade de Vigo, e os privados, Airbus, Consorcio Aeronaútico Gallego (CAG), Deltavigo e a Unión de Empresas Gallegas de Aeronáutica (Udega), asinaron ante notario a constitución dun centro chamado a convertese no principal foco de innovación e desenvolvemento do noroeste peninsular para o sector aeroespacial. Radicado no edificio tecnolóxico de Porto do Molle, que abrirá as súas portas o vindeiro ano 2016, o Centro será o único de Galicia coa especificidade que precisan os sectores aeronáutico e aeroespacial, así como un complemento para o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (Lugo) e unha imaxe de marca propia para as empresas do sector.

Edificio de Porto do Molle que acollerá o Centro de Innovación Aeroespacial.
Edificio de Porto do Molle que acollerá o Centro de Innovación Aeroespacial.

A presidenta do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, xustificou a participación do organismo que dirixe porque “queremos contribuír á industrialización, creando emprego e innovación” e ao tempo “para retirar pedras no camiño ao mundo empresarial”.
“O que pretendemos é achegar as capacidades dos nosos científicos e tecnólogos para responder á demanda do sector, para que podan ser atendidos para ser máis competitivos e crecer como sector”, explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que confirmou a participación de 500 investigadores da institución académica, integrados en grupos que compoñen a agrupación estratéxica de industria e enerxía, así como do Centro de investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións, AtlantTIC. Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Facenda, Francisco Conde, incidiu na colaboración público-privada, como un elemento distintivo e un valor engadido desde centro que está chamado a ser “un actor importante dentro do desenvolvemento da política industrial de Galicia”.

Pedrosa: “Queremos contribuír á industrialización, creando emprego e innovación”

O Centro conta cun capital social inicial total de 100.000 euros, achegado nun 52% polos patróns fundadores de carácter privado en un 48% polos patróns públicos. Trátase ademais, segundo explicou Salustiano Mato dun deseño de centro de innovación diferente cun modelo de negocio a risco cero. “É un protocentro tecnolóxico que busca traballar no que demanda a empresa e que neste intre non ten o noso ecosistema de innovación”, sinalou o reitor da Universidade de Vigo.
O director de márketing de Airbus, Antonio Rodríguez, e o presidente do Consorcio Aeronáutico Gallego, Enrique Mallón, en representación dos patróns fundadores de carácter privado, deixaron constancia da relevancia desta iniciativa, na que, segundo Rodríguez “a administración pon os alicerces e o tellado e nós temos que amoblar a casa, é dicir, crear emprego”. Rodríguez, para quen a industria “ten pouco que dicir e moito que facer”, lembrou a importancia e o constante crecemento do sector aeronáutico, ao tempo que destacou a relación que a empresa española de referencia mantén coa Universidade e algunhas firmas galegas.
Pola súa banda, o presidente do Consorcio Aeronáutico Gallego, Enrique Mallón, lembrou os inicios deste ente no ano 2007, así como os fitos máis destacados da súa evolución e manifestou o seu compromiso de impulsar a innovación mediante a achega de ideas e a xestión privada para poñer a Galicia no mapa aeronáutico e aeroespacial. “Tomamos este proxecto moi, moi en serio”, asegurou o presidente do Consorcio, para que a presenza de Airbus constitúe unha imporante motivación.

Publicidade

Zona Franca lidera ós patróns públicos e acolle o centro en Porto do Molle

Coa Universidade e Zona Franca como membros fundadores, a esta iniciativa uníronse as principais empresas deste tipo radicadas en Galicia, destacando pola súa facturación Coasa e Delta Vigo, que xa dispoñen dos seus propios departamentos de I+D, máis centrados en cuestións de desenvolvemento e non tanto de investigación, así como outras empresas máis pequenas que se agruparon en Udega, e inclúen firmas como Hispamoldes, Tromosa, Tune Eureka ou Laser Galicia, todas elas con certificación aeroespacial UNE-EN 9100 de AENOR.
“Hoxe asumimos un compromiso para camiñar cara a unha Galicia que mire ao ceo como unha oportunidade de ciencia, emprego e futuro”, dixo o conselleiro Francisco Conde, que se amosou convencido de que Galicia debe configurar un núcleo de innovación “coa vontade da Universidade de Vigo e a implicación do sector privado”. Conde incidiu na oportunidade de diversificación para a industria do país que constitúe este centro, que permitirá consolidar o sector aeronáutico xa existente, así como actuar de arrastre doutros sectores e servizos e completar a rede de centros tecnolóxicos e de innovación.
A posta en marcha do centro suporá tamén, a posibilidade de especializarse e dar servizo á hora de conseguir para o sector importantes proxectos con financiamento europeo dentro do programa Horizonte 2020 e o RIS3 galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.