A faba de Lourenzá, a xoia dos legumes galegos

La faba está reconocida con la Indicación Geográfica Protegida desde el año 2008.
La faba está reconocida con la Indicación Geográfica Protegida desde el año 2008.

“Ten forma como de ril, unha pel moi fina, que ao comer apenas se percibe, é tenra e cun sabor amidonado, e unha textura especial, que se distingue con só tocala”, conta Carmen Seijo, produtora da faba de Lourenzá, a raíña dos legumes galegos. É a única dos centos de especies de fabas que gozan da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), o que evidencia a súa enorme calidade. Este Ano Internacional das Legumes é moi importante na promoción e posta en valor do seu cultivo e do seu consumo.

A variedade que se cultiva na Mariña lucense é a Phaseolus vulgaris, tamén coñecida como Faba Galaica. Chegou, como tantos outros produtos da terra, de Latinoamérica e pronto colleu grande sona en Galicia. O Arquivo de Xeografía Xeral do Reino de Galicia xa documenta desde o século XVII a existencia do mercado de Lourenzá, debido “a un terreo fértil e ameno”, que os cronistas catalogaban coma o “xardín da provincia”. As súas condicións son idóneas para o crecemento desta legume: terra fértil, temperaturas suaves durante todo o ano e precipitacións moderadas.

Posiblemente, o apelido de Lourenzá é produto da celebración de dito mercado, pero o certo é que a IXP esténdese por quince concellos da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove). A distinción chegou en 2008, pero os produtores xa levaban moitos anos defendendo o valor da faba, en especial desde a celebración da primeira Festa da Faba, no ano 1990. “Esta sempre foi terra de labrar fabas”, conta Carmen, que é unha das vicepresidentas do Consello Regulador e ten a súa propia empresa, Xoias do Val. Un nome que define perfectamente o cariño co que o val de Lourenzá trata ao seu manxar.

Está documentada a existencia do mercado de fabas en Lourenzá desde o século XVII

O proceso de produción segue sendo artesanal. ” Seméntase a unha distancia entre liñas de dous metros, e uns quince centímetros de faba a faba. Sáchanse, entutóranse (sostéñense) con postes e redes e despois vólvese a sachar. Dánselle varios laboreos na temporada. Vixíase e cando empeza a secar, empeza a colleita”, explica Carmen. A bonanza da terra de Lourenzá tamén propicia a aparición de fungos e outros organismos dañinos para a faba, polo que os coidados son constantes e custosos. Finalmente, selecciónanse os mellores exemplares, tanto pola súa calidade como pola súa apariencia exterior.

Na liña da mellora xenética traballa a Misión Biolóxica de Galicia, un organismo do CSIC que é un referente europeo no estudo da xudía. A Misión mantén unha estreita colaboración co Consello Regulador na procura de conseguir unha faba máis resistente ás enfermidades e unha comercialización máis efectiva.

As propiedades da faba son tan boas como o seu sabor. “Ten case todos os nutrientes esenciais— conta Carmen—: proteínas, hidratos de carbono, vitaminas, minerais, fibra… E ten baixo contido en graxa”. “¿E con que combina mellor?”, pregúntolle a Carmen. “Con todo. Ensaladas, carnes de caza, verduras, peixe, setas, en salpicón… E claro, en fabada. Aínda que con chourizo e lacón, xa non hai baixo contido en graxa”, conclúe Carmen, aproveitando para facer a brincadeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.