Martes 19 Marzo 2024

Tecnoestrés: un fenómeno real pero evitable

As tecnoloxías facilitan a nosa vida, pero o uso descontrolado pode afectar á saúde. Adaptación e organización son as chaves para protexernos

Traballar, facer a declaración da renda, pedir comida, distraerse, controlar os latexos do corazón ou atopar a parella ideal. As novas tecnoloxías forman parte hoxe da nosa vida cotiá. Pero a medida que elas se instalan no funcionamento esencial da sociedade, tamén cobra protagonismo o chamado tecnoestrés. Estudado desde principios deste século, Ana López, profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, ofrécenos a definición deste concepto: “Fai referencia ao estrés que está relacionado ou que se ve incrementado pola sociedade da información na que estamos mergullados”.

O estrés, en xeral, pódese traducir nunha sensación de desbordamento, de incapacidade de afrontar as demandas externas. Podemos ter dor de cabeza, sentirnos irritados, sufrir insomnio, cansazo ou inapetencia. “Cando lle engadimos o elemento da tecnoloxía o que fai referencia é a que estamos continuamente en contacto co medio dixital, que cada vez non están esixindo máis nos nosos traballos, por exemplo, con menos tempo e máis perfeccionismo. O problema é esa necesidade de estar continuamente conectados, por unha banda. Pero por outra, temos á xente que está sufrindo dificultades non tanto polas esixencias que implican estas tecnoloxías, senón porque non son capaces de estar sempre ao día”, asegura López.

Publicidade

Xornadas de correos e redes sociais

Segundo estatísticas da UE publicadas en decembro, un 93% dos fogares europeos tiñan acceso a internet en 2022. Moitos deses fogares transformáronse en oficinas improvisadas durante a pandemia da covid-19 que comezara dous anos antes e, sobre todo, un lugar onde pasar moito tempo. Aumentou o número de compras na rede, os cursos online e máis da metade dos europeos procurou información relacionada coa súa saúde.

Ana López, profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela

Ana López alerta, por exemplo, do uso excesivo que se fai hoxe dos correos electrónicos no traballo e da consulta incesante no noso teléfono móbil en busca de reforzo, é dicir, dunha estimulación que nos faga sentir ben, como o fin da ansiedade pola tarefa pendente cando recibimos resposta. Unha procura que se intensifica no que se refire ás redes sociais onde o reforzo é social. “É unha maneira de recibir atención por parte dos demais. Antes da era dixital iamos a unha festa, ou mesmo na clase cos amigos, o feito de que che fixesen caso ou che dixesen que boa idea tiveches, xa era un reforzo. O que acontece é que hoxe podemos recibilos as vinte e catro horas do día e é moi complicado poñerlle freo a iso”, afirma.

O medo ao cara a cara

Os informes europeos máis recentes subliñan tamén que un 95% da xente moza de entre 16 e 29 anos, fixo uso da rede a diario no ano 2021, en plena pandemia. A profesora de Psicoloxía advirte do emprego excesivo das redes sociais, e do dixital en xeral, por parte das persoas máis novas, pero lembra que á hora de establecer límites, os pais tamén deberían mostrar o exemplo. “O problema que está tendo a xente moza é que o seu xeito de relacionarse está moi fundamentado no tema dixital, para eles é esencial, é a súa liña de desenvolvemento a nivel das relacións sociais e isto está provocando problemas na comunicación cara a cara, por exemplo”.

López resalta a sondaxe que realizou entre os estudantes da súa propia facultade preguntándolles se preferían relacionarse cos seus amigos por mensaxería instantánea, con audios ou por teléfono. “A maioría responderon por mensaxería porque deste xeito, explicáronme, un sempre pode rectificar ou eliminar o que se dixo se se pensa mellor a resposta. Sorprendeume moito, a verdade. Ademais, a comunicación non verbal, como a cara ou o ton da voz, pérdese case totalmente no dixital”, asegura a científica da USC.

A culpa non é só da tecnoloxía

A nomofobia, outro dos termos asociados hoxe ao mundo dixital, é a preocupación de estar lonxe, chegar a perder ou manterse desconectados durante un tempo do noso teléfono móbil. Unha situación de estrés que poderíamos controlar buscando, por exemplo, alternativas para pasar o noso tempo libre. “A tecnoloxía pode ser unha causa máis, pero nunca a única do noso estrés– afirma Ana López. A culpa non a ten tanto o ordenador ou o teléfono senón o que deixamos moitas veces de facer por culpa diso. Deixamos de ter un tempo libre, un tempo dedicado a coidarnos, a descansar, a comer axeitadamente. Todo depende da maneira na que utilizamos eses recursos”.

López asegura tamén que falar de “pandemia dixital” non é correcto porque, en realidade, hoxe todos estamos obrigados a utilizar os medios dixitais, como na nosa relación coa administración. “Teñen moitas cousas boas pero ou segues ese camiño ou quedas illado e ese pode ser o caso de moitas persoas adultas que non están simplemente ao día coa tecnoloxía”, lémbranos a profesora.

A oportunidade de desconectar

Aprender a relacionarnos co mundo dixital parece ser a mellor receita segundo Ana López, que tamén é coordinadora do Mestrado de Psicoloxía Xeral Sanitaria na USC.

Establecer tempos concretos para xestionar o noso correo electrónico, buscar alternativas para gozar do noso tempo de lecer e, sobre todo, darnos a nós mesmos a oportunidade de desconectar, son algunhas das pistas que nos ofrece a científica. “Non nos temos que sentir culpables por dedicar un tempo a comer axeitadamente, a facer exercicio físico e a durmir porque iso é o que vai permitir que poidamos afrontar o día e as esixencias do ambiente. Sempre temos algo ao que adaptarnos ou acostumarnos e isto é un novo paso máis que temos que dar”, remata López.

2 COMENTÁRIOS

  1. Moi interesante. O incrible é que estamos tan imbuídos que nin nos damos conta da situación á que estamos expostos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira
00:05:35

É a intelixencia artificial unha ameaza para a humanidade?

O frenesí dos últimos anos leva a moitos a preguntarse polo verdadeiro alcance dunha revolución con riscos, pero con moitos beneficios se se seguen as normas
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento