Martes 16 Abril 2024

Non, non está cambiando a cor do mar en Galicia

Un estudo publicado en "Nature Communications" estudo o impacto do cambio global no fitoplancto, e como podería afectar ao ecosistema mariño

Un equipo de investigadores británicos e estadounidenses publica esta semana en Nature Communications un artigo no que abordan a posibilidade de predicir o impacto do cambio climático a través do cambio na cor dos océanos. Os científicos desenvolveron un modelo informático co que se pretende predicir, mediante imaxes por satélite, os sinais de alteracións no clima a partir do estudo do fitoplancto.

Este conxunto de pequenos organismos é esencial na cadea alimentaria do ecosistema mariño, xa que é a base dos nutrientes para moitas especies. Como organismos vexetais que son, fan a fotosíntese, un proceso no que toma parte a clorofila. Por tanto, as variacións neste pigmento de cor verde utilízanse como unha sinal da maior ou menor abundancia do fitoplancto.

Publicidade

O traballo céntrase na posibilidade de crear un modelo para predicir o cambio climático mediante a cor do mar, e os achados apenas son significativos

“Por iso vemos que nas augas máis produtivas -nas rías galegas temos un bo exemplo- hai un ton máis verdoso, mentres que no medio do océano, onde non hai moitos nutrientes na capa superior da auga, a cor é máis azulada”, explica Francisco Rodríguez, científico do Oceanográfico de Vigo. En ocasións, cando hai crecementos excepcionais dalgúns destes organismos, como é o caso das rías, poden producirse as mareas vermellas.

O traballo de Nature Communications aborda factores como a temperatura, as correntes oceánicas ou a acidez das augas para calcular no modelo o crecemento dos distintos tipos de fitoplancto. E amosa que, segundo estes cálculos, nalgúns casos, podería utilizarse a presenza ou non dos microorganismos vexetais no mar para predicir desde os satélites os cambios no ecosistema.

O traballo analizou a tendencia entre 1998 e 2015, aínda segundo subliña Francisco Rodríguez, “os resultados non son significativos para utilizar este modelo como unha alerta temperá sobre o cambio climático”.

E en Galicia?

Os cambios nas dinámicas oceánicas debido a moitos factores (un deles é o desxeo dos polos, pero hai máis) poderían alterar a distribución do fitoplancto nos océanos. Un aspecto que preocupa en Galicia, que grazas ao afloramento posúe un ecosistema mariño cheo de nutrientes e que xera moitos recursos pesqueiros.

Teremos cambios, entón? Non o parece. “Non se poden ofrecer datos concluíntes, porque inflúen moitas cousas nisto”, adianta Rodríguez. “Podería pensarse que nalgunhas zonas as dinámicas van provocar unha menor presenza de nutrientes e, por tanto, unha cor máis azul, pero é que tamén pode pasar que en latitudes altas se produza o efecto contrario, con máis produtividade. En Galicia tampouco se sabe: algúns estudos apuntan a que podería haber menos afloramento, pero tamén pode pasar que outros factores inflúan no sentido contrario, e a situación sea semellante”.

Aclara o científico do IEO que, con todo, estes cambios non serán visibles ao ollo humano. “Estamos a falar de datos tomados por satélite, que utilizan uns sistemas de medición precisos e que nós non podemos chegar a percibir a simple vista”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro