Sábado 20 Abril 2024

Destinos Starlight en Galicia: xanelas abertas para contemplar o ceo

O macizo de Trevinca e o Parque Nacional Illas Atlánticas dispoñen de condicións moi axeitadas para a observación astronómica

A Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto  Astrofísico de Canarias, creou un sistema de certificación, mediante o cal se acreditan aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación.

Son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico e fomentan á súa vez o turismo de observación das estrelas. Este sistema de certificación está apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (UNWTO) e a Unión Astronómica Internacional (IAU).

Publicidade

Os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural.

En Galicia, na actualidade, existen dous destinos Starlight: O macizo de Trevinca, no municipio ourensán da Veiga, que conta cun flamante observatorio astronómico, e o Parque nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Trevinca

A contemplación das choivas de estrelas das Perseidas, en agosto, e das Xemínidas, en decembro; a marcha nocturna “Entre Lobos e Estrelas“ coincidindo coa lúa chea de setembro; as xornadas de “AstroTrevinca” (outubro); ou os choco-anoiteceres e concertos musicais “Nanas para Trevinca” desde o Miradoiro Estelar do Rañadoiro, constitúen as principais actividades anuais organizadas baixo o paraugas do Destino Turístico Starlight. O verdadeiro eixo que vertebra o Destino Turístico  Starlight Trevinca, é a Vía Láctea e o Camiño das Estrelas.

Vía Láctea desde a lagoa das Tablillas, no Macizo de Trevinca. Foto: Turismo de Galicia.
Vía Láctea desde a lagoa das Tablillas, no Macizo de Trevinca. Foto: Turismo de Galicia.

O Destino Turístico Starlight é un espazo triangular limitado polos vértices da Tablilla das  Lagoas, Pico Maluro e O Rañadoiro, dentro do Espazo Natural Protexido de Pena Trevinca, declarado zona ZEC e ZEPA, no municipio da Veiga, colindando co Parque Natural de Sanabria, en Zamora. Trevinca goza de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados por estar afastado dos grandes núcleos de poboación e pola súa altitude.

Illas Atlánticas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está situado nas Rías Baixas e está composto de catro arquipélagos: Cortegada e Sálvora na ría de Arousa, Ons fronte á ría de Pontevedra e Cíes, que pechan a ría de Vigo. As espectaculares noites das illas permiten unha contemplación inmellorable do ceo estrelado.

Vista do Destino Starlight das Illas Atlánticas. Foto: Turismo de Galicia.
Vista do Destino Starlight das Illas Atlánticas. Foto: Turismo de Galicia.

Por outra banda, grazas á súa riqueza (tanto faunística como vexetal) e á espectacularidade das súas paisaxes, estas illas constitúen un patrimonio, cultural e natural único no litoral español.

O destino Starlight acolle actividades nos seus Centros de Interpretación relacionadas coa observación e protección do ceo nocturno, con dúas estacións que miden o seu brillo, ademais de accións sobre o terreo nas illas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente