As vacinas “teñen efectos colaterais, contraindicacións e moitos efectos secundarios e adversos que poden aparecer despois da vacinación, chegando nalgúns casos a provocar a morte”. Así comeza a pregunta escrita que a eurodeputada Lidia Senra, representante de Anova no Parlamento Europeo, formulou á Comisión Europea.
“Hai un negocio moi grande detrás dos medicamentos e as vacinas”, di Senra
Esta semana, asociacións de científicos e contra as pseudociencias criticaron a actitude de Senra a través das redes sociais e a polémica fíxose notoria. O presidente do Círculo Escéptico, o biólogo galego Vicente Prieto, manifestou a súa indignación en conversa con GCiencia: “Parécenos moi irresponsable que unha eurodeputada faga afirmacións así. As vacinas son dos medicamentos que máis probas pasan para demostrar a súa efectividade e seguridade”.
Prieto lembrou tamén os problemas que están xurdindo nalgúns países de Europa, como Portugal, Romanía, Inglaterra ou Italia, debido ao movemento antivacinas. “Enfermidades que xa estaban case erradicadas están volvendo a causar problemas graves, como o sarampelo”, con focos graves en cidades como Leeds ou Liverpool nas últimas semanas. Así, as autoridades inglesas pediron á xente que quedara en casa en caso de ter síntomas. “Estamos vendo que todos os casos son en nenos e adultos novos que non recibiron a tripla vírica”, dicía unha experta do Servizo Nacional de Saúde inglés.
“Parécenos moi irresponsable”, di Vicente Prieto, presidente do Círculo Escéptico
Lidia Senra tamén respondeu ás cuestións de GCiencia, e explicou os motivos que a levaron a presentar esta pregunta: “O tema vai moito máis alá. Hai xente que se cre Deus e que pode xogar coas persoas, ou que pensan que o único válido e certo é o que eles din”, criticou Senra, en alusión ás empresas farmacéuticas. “Hai un negocio moi grande detrás dos medicamentos e as vacinas, que controlan os que pagan as investigacións. Cando a investigación está na súa inmensa maioría en mans privadas, en laboratorios que se lucran co que producen, non se pode dar por seguro todo o que sosteñen”.
“Liberdade para decidir sobre a propia saúde”
Sobre os posibles efectos secundarios das vacinas, Lidia Senra alude aos casos de supostas afectadas pola vacina do virus do papiloma humano e, sobre todo, á falta de información sobre os supostos danos colaterais da inmunización, de aí que se solicite o consentimento informado. “Todo o mundo debe ter dereito a ser informado, a liberdade para decidir sobre a propia saúde. Eu non son ninguén para dicirlle a ninguén o que ten que facer, pero hai que poñer as cartas sobre a mesa”.
A respecto das críticas recibidas, Senra sinala que “igual os que se molestan pensan que o seu negocio pode sufrir se isto sae adiante”. A respecto do aumento dos casos de sarampelo, lembrou: “eu tamén pasei de pequena o sarampelo, como tanta outra xente”.
O comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria respondeu a Senra en outubro
O comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria , o lituano Vitenis Andrukaitis, respondeu á pregunta de Senra en outubro. Sinalaba na súa contestación que “as vacinas autorízanse unicamente despois de que a súa calidade, seguridade e eficacia fosen avaliadas e se conclúa que hai un balance positivo entre os riscos e os beneficios relacionados co seu uso”.
Engadía o comisario que “tras a autorización, todos os medicamentos, vacinas incluídas, son sometidos a unha vixilancia despois da súa comercialización por parte do titular da autorización de comercialización e as autoridades competentes. Dita vixilancia “inclúe a análise de calquera información nova en materia de seguridade”, e “os indicios de riscos notifícanse a escala da UE e son avaliados pola Axencia Europea de Medicamentos; en caso necesario, adóptanse medidas regulamentarias”. Esta foi a súa resposta íntegra.
A pregunta foi realizada no verán, pero nos últimos días comezou a circular polas redes sociais, despois dun chío do Partido Popular de Galicia no que criticaba a Senra. E foi durante este xoves e venres cando a polémica cobrou forza a través de Twitter.
Durante esta lexislatura, Senra xa fora criticada pola súa postura respecto a outros temas polémicos como os transxénicos ou o virus zika.
Non sei quen asesora a Lidia Senra: fai menos dun mes falou de censura ao charlatán Josep Pàmies por parte do Estado español, cando a verdade é que se trata dun tema de saúde pública, no Europarlamento https://twitter.com/LidiaSenra/status/969520238453755904
Por se aínda queda algunha persoa que non teña claro o sentido da súa pregunta sobre as vacinas.
Paréceme moi preocupante que vos fagades eco de magufadas diversas. Eu teño recomendado este medio en numerosas ocasións e despois de ler isto… En fin…
AGE, IU-Podemos, Llamazares, vacinas. http://ecodiario.eleconomista.es/espana/noticias/4284882/09/12/IU-pide-al-Gobierno-la-retirada-de-la-vacuna-del-papiloma-humano.html