Venres 19 Abril 2024

O tren fumigador reabre a polémica do glifosato en Galicia

A imaxe repítese a estas alturas do ano en numerosas estradas do país. Equipos de operarios cortan a vexetación que medrou durante a primavera nas gabias das estradas. En moitos casos, para aforrar unha nova rolda de limpeza, aplícanse herbicidas. E en bastantes ocasións, emprégase o glifosato, o herbicida máis utilizado no mundo, tamén usado na agricultura e no sector forestal. Estes días, o composto volve estar na axenda pública debido ao debate que mantén a Comisión Europea sobre a prórroga da autorización do seu uso, que expira a finais deste mes de xuño. Polo de agora, hai un bloqueo europeo.

No medio do debate, Adega vén de denunciar a utilización de “comboios fumigadores” por parte de ADIF para eliminar a vexetación nos marxes das vías férreas de Galicia. Un destes trens foi filmado esta semana ao seu paso por Teixeiro, no municipio coruñés de Curtis. Desde a asociación ecoloxista sinalan que este vehículo pode acadar os 70 quilómetros por hora e fumigar con glifosato ambas beiras da vía ata unha distancia de 30 metros.

Publicidade

Mentres, o debate en Europa segue marcado pola incerteza. O pasado luns votouse, por terceira vez no que vai de ano, a proposta para prorrogar a autorización deste herbicida. E por terceira vez, non houbo acordo. Unha mostra do receo que teñen algúns gobernos sobre a súa posible toxicidade. Greenpeace sinala como “moi revelador” que non se chegue a un acordo. De feito, a proposta de prórroga reduciuse desde  os 15 anos iniciais ata os 18 meses dos que se falou o pasado luns, debido á dificultade de acadar un apoio suficiente. Aínda así, países como Alemaña, Francia ou Italia manteñen bloqueada esta prórroga coa súa abstención. Esta prolongación está condicionada, iso si, a que a Axencia Europea dos Produtos Químicos (ECHA), elabore un novo informe técnico sobre a carcinoxenicidade do glifosato.

Un informe apoiado pola OMS afirma que o glifosato é “probablemente canceríxeno”

As reticencias cara os herbicidas non son novidade nos organismos europeos. Unha directiva da UE emitida no 2009 recomendaba “a redución, na medida do posible, ou a eliminación” do uso de praguicidas en estradas, liñas de ferrocarril, superficies permeables ou infraestruturas próximas ás correntes de auga ou sumidoiros. E no pasado mes de abril, xa en pleno debate sobre a prórroga do glifosato, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución non vinculante na que se pedía á Comisión que esa nova concesión se limitara ao “uso profesional”, evitando empregalo “dentro ou preto de parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns públicos”.

A chama de alerta sobre este herbicida prendeuse en marzo do 2015, cando a Organización Mundial da Saúde respaldaba un informe da súa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), no que se clasificaba ao glifosato como “probablemente canceríxeno“, dentro do grupo 2A. O informe citaba estudos realizados desde 2001 en Estados Unidos e Canadá. Estes traballos amosaron evidencias de cancro de pulmón e linfoma non-Hodgkin en persoas expostas ao glifosato en traballos de agricultura, así como de danos no ADN.

Roundup, herbicida que contén o glifosato como principio activo.
Roundup, herbicida que contén o glifosato como principio activo.

A resposta non se fixo esperar. O lobby do sector agrobiolóxico, encabezado por Monsanto, saiu ao paso deste informe presentando numerosos estudos nos que pretendía botar por terra as supostas propiedades tóxicas do glifosato. Non en van, o Roundup, un dos produtos máis vendidos por Monsanto, utiliza como principio activo este composto. Na súa web, a empresa sostén que a calificación do herbicida no grupo 2A sitúao nunha posición de risco similar á que poden ter as persoas que traballan en contacto con tinturas de cabelo ou alimentos fritidos. A propia OMS manifestou noutro informe publicado en maio deste mesmo ano que era “improbable” que o glifosfato fose canceríxeno, pero o estudo só se cinguía ás persoas que inxerían produtos tratados co herbicida, e non ao contacto directo. Monsanto ten tamén intereses no glifosato porque desenvolveu unha soia transxénica que é resistente a este herbicida, co que se pode empregar masivamente en cultivos. Tamén existe algodón e maíz resistentes. E se resulta prohibido estes productos de enxeñería xenética xa non terían o mesmo valor, porque o seu cultivo non daría esta vantaxe.

O certo é que a controversia está sementada. En Galicia, amais de Adega, numerosas entidades veñen reclamando nos últimos anos a restrición de fumigacións, sobre todo no referente aos espazos públicos. Algúns concellos, como Ponteareas, declaráronse como “libres de glifosato”, mentres que na Coruña empezouse a empregar vinagre nos xardíns públicos en substitución deste herbicida. Noutras rexións, como Castela e León, o Procurador del Común, o equivalente ao Valedor do Pobo, instou aos concellos a eliminar o uso do glifosato nas estradas.

O glifosato (N-fosfonometilglicina, C3H8NO5P) é un herbicida non selectivo de amplio espectro. É dicir, elimina herbas e arbustos, en especial os perennes, sen ningún tipo de discriminación. É absorbido polas follas e transmítese ao resto da planta. A súa aplicación mata aos vexetais debido a que inhibe unha enzima que é clave para a creación de aminoácidos necesarios para o desenvolvemento da planta.

6 COMENTÁRIOS

  1. ¿Pode confirmar ADEGA que o vídeo ao que fai referencia é unha fumigación e non, por exemplo, “hidrosemente” das marxes da vía? Gustaríame que mo aclarasen.

  2. isto é unha noticia de ciencia? isto é un portal de ciencia serio? onde está a informaciión cientifica? faltanvos as fotos de ratos con tumores

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor