Probióticos: clave para o tratamento da depresión?

As "bacterias boas" poden axudar á saúde mental dos pacientes, sempre que estean acompañadas polo tratamento de antidepresivos

O estudo demostrou que o tratamento con probióticos afecta a diferentes facetas da depresión
O estudo demostrou que o tratamento con probióticos afecta a diferentes facetas da depresión

Os probióticos, que a miúdo se asocian con respostas positivas para a saúde, poderían desempeñar un papel importante no tratamento da depresión, así o indica un novo estudo no que participaron ata 47 voluntarios que estaban a experimentar episodios depresivos. Os participantes da investigación, que tomaron suplementos probióticos ademais de antidepresivos, mostraron unha melloría significativa dos seus síntomas depresivos en comparación con aquelas persoas que tomaron un placebo, no transcurso dun período de 31 días.

Os investigadores tamén notaron cambios provocados polos probióticos na flora intestinal de quen os tomaba: un aumento de bacterias produtoras de ácido láctico. Con todo, un seguimento despois de catro semanas mostrou que os niveis destas bacterias volveron diminuír durante ese tempo. “Pode ser que catro semanas de tratamento non sexan suficientes e que a nova composición da flora intestinal tarde máis en estabilizarse”, explica a psiquiatra Anna- hiara Schaub da Universidade de Basilea, en Suíza.

O intestino e a mestura de bacterias que contén poden desempeñar un papel importante na nosa saúde mental

Desta forma, a investigación aproveitou algo que os científicos xa sabían: que o intestino e a mestura de bacterias que contén poden desempeñar un papel importante na nosa saúde mental. O equipo tamén analizou outro vínculo previamente explorado, entre a depresión e a forma que temos de procesar as emocións que atopamos nos demais. Nas persoas con depresión, certas rexións do cerebro manexan este procesamento de maneira diferente e, a miúdo, pódese medir observando as respostas ás expresións faciais. Este estudo adoptou o mesmo enfoque, utilizando escaneos fMRI para ver como os participantes reaccionaron ante rostros neutrais ou medorentos.

Resulta que os probióticos tamén tiveron un impacto neste contexto: naquelas persoas que tomaron as bacterias ‘boas’, os procesos cerebrais que adoitaban ser anormais terminaron por normalizarse. A pesar de que as razóns polas que isto sucede aínda non son concluíntes, si se puido demostrar que o tratamento afectaba a múltiples facetas da depresión. “Aínda que o eixo microbioma-intestino-cerebro foi obxecto de investigación durante varios anos, os mecanismos que actúan neste proceso non están claros”, comenta Schaub .

Os probiótios non funcionarían como un tratamento por si sós, sen os antidepresivos

Os beneficios para a saúde dos probióticos non se coñecen con exactitude. Ademais, neste ámbito, continúan as investigacións sobre se estas bacterias son tan boas como se pensa ou non. Con todo, segundo esta pequena mostra, parece que teñen polo menos certo potencial cando se tratan persoas con depresión. O equipo investigador tamén destaca que os probióticos non funcionarían como un tratamento por si sós, sen os antidepresivos, e será necesario seguir investigando para observar os efectos de certos tipos de bacterias vivas nunha mostra maior de persoas.

Actualmente, ao redor de dous terzos das persoas que reciben antidepresivos receitados non mostran unha resposta significativa a longo prazo. É posible que na procura de tratamentos máis personalizados e efectivos, os probióticos poidan ter unha función importante que aínda non atopamos. “Con coñecemento adicional do efecto específico de certas bacterias, pode ser posible optimizar a selección das mesmas e usar a mellor combinación para apoiar o tratamento da depresión”, di Schuab.


Referencia: Clinical, gut microbial and neural effects of a probiotic add-on therapy in depressed patients: a randomized controlled trial (Publicado en Translational psychiatry)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.