Peixes cebra expostos durante o simposio da SCA36 celebrado a finais de xuño en Cabana de Bergantiños. Imaxe: R. Pan.

Peixes cebra expostos durante o simposio da SCA36 celebrado a finais de xuño en Cabana de Bergantiños. Imaxe: R. Pan.

Peixes cebra contra a Ataxia da Costa da Morte

Científicas do campus de Lugo estudan a mutación causante da SCA36 nestes modelos animais para buscar solucións á doenza

O NOP56 é a clave. Sábese que aí está a mutación que comparten os afectados da SCA36, a Ataxia da Costa da Morte. Sábese que provoca os síntomas (perda de equilibrio e audición, problemas para camiñar e falar) pero non se sabe cal é o mecanismo polo cal esta mutación causa precisamente estes danos. É como unha gabeta que está avariada e non abre, mais ninguén pode saber aínda cal é a razón pola que non é posible abrila. Porén, hai científicas que traballan para arranxalo. En Lugo, o equipo ZebraBioRes, que dirixe a catedrática de Xenética da USC Laura Sánchez Piñón, está a estudar o efecto do NOP56 en peixes cebra, un modelo animal que ofrece moitas vantaxes para a experimentación.

Peixes cebra empregados polo laboratorio da USC para estudar a SCA36. Imaxe: R. Pan.

Peixes cebra empregados polo laboratorio da USC para estudar a SCA36. Imaxe: R. Pan.

Este peixe, co nome científico de Danio rerio, rexenérase con gran facilidade. Unha capacidade que chamou a atención tamén doutros investigadores galegos, como o equipo de Antón Barreiro, que dirixe o grupo de Bioloxía Funcional da USC e busca posibles solucións ás lesións medulares. O equipo de ZebraBioRes, en colaboración coa investigadora María Jesús Sobrido, unha das descubridoras da SCA36, puxo en marcha esta liña de investigación hai algo máis dun ano.

O peixe cebra comparte o 70% da información xenética co ser humano (e dentro dela, o xene NOP56) e posúe órganos semellantes aos nosos, ten unha alta capacidade de reprodución, a súa fecundación é externa, polo que se poden observar con facilidade todas as súas etapas de desenvolvemento, e son transparentes nos primeiros días de vida. É, por todo isto, unha ferramenta máis barata que outros modelos, como o rato, que ten tamén outras vantaxes.

Por todo isto, o Sanger Institute de Cambridge desenvolveu o Zebrafish Mutation Project (ZMP), un repositorio de liñas mutantes á carta, para poder estudar problemas semellantes en humanos. Mutan os peixes a través da técnica de knockout; é dicir, un KO, inactivan un determinado xene para ver as consecuencias que iso ten. “Contactamos con eles, e vimos que xa tiñan unha liña de peixes co NOP56 desactivado. Así que pedímolos e comezamos a traballar con eles”, lembra Sánchez Piñón. A investigadora remarca que este banco está a disposición “de calqueira investigador que a pida; quen queira, pode traballar con el”.

Embrións de peixe cebra.

Embrións de peixe cebra.

“Chegan ao laboratorio como embrións. Comezamos a alimentalos aos poucos días, e aos 3-4 meses son fértiles. Entón cruzámolos con peixes cebras salvaxes e estudamos o xenotipo, un a un. Cando atopamos o peixe mutante, clasificámolos e volvemos cruzalos. Obtemos así unha liña de individuos homocigóticos, con mutación nos dous pares de cromosomas, e outros heterocigóticos”, resume a catedrática da USC.

Os resultados cos peixes cebra

Despois deste proceso, analízase o fenotipo dos peixes mutados. E os resultados, por agora, parecen indicar semellanzas. “A mutación afecta ao desenvolvemento do embrión, teñen a cabeza máis pequena, algún movemento anormal, e a natación é distinta á dos outros individuos”, di Sánchez. Sobre isto está afondando na súa tese de doutoramento a investigadora Ana Quelle, que estes días presentou no simposio da SCA36 en Cabana de Bergantiños os avances no estudo. A tese codiríxena María Jesús Sobrido e Laura Sánchez.

“Agora temos que saber máis cousas: cal é o efecto cando o xene está mutado, que outros xenes poden verse afectados por esta mutación, como funciona o xene, etc.”. Contestar a estas preguntas abrirá a porta a posibles dianas terapéuticas para fármacos que combatan a Ataxia da Costa da Morte, para a que por agora non hai cura.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.