Sábado 20 Abril 2024

As 7 claves do Aspergillus, o fungo detectado no novo hospital de Vigo

O Aspergillus é un inimigo íntimo. Porque todos convivimos con este fungo. E inhalámolo con frecuencia, porque está presente no aire, especialmente en sitios poeirentos ou, por exemplo no outono, nas follas secas. Tamén, nos condutos de aire acondicionado. O problema chega cando este patóxeno encontra un humano coas defensas baixas, como adoita acontecer nos hospitais. Entón provoca ‘asperxilose‘, que ten unha alta taxa de mortalidade.

Cando foi descuberto?

A este inimigo íntimo, gran protagonista de infeccións hospitalarias (chamadas “nosocomiais”), coñecémolo de hai pouco. Non foi descrito ata 1729, cando o biólogo italiano Pier Antonio Micheli o incluíu na súa obra “Nova Plantarum Genera”, que o converteu nun dos pais da micoloxía e na primeira grande autoridade sobre os ‘fungi’. Micheli bautizou ao fungo como “Aspergillus” polo seu parecido co hisopo que empregan os cregos para esparexer auga bendita.

Pier Antonio Micheli.
Pier Antonio Micheli.

Publicidade

Onde se atopa?

En calquera parte. Os fungos ambientais oportunistas atópanse amplamente distribuídos na natureza, variando a concentración de esporas e conidias fúnxicas no aire exterior en función das condicións climatolóxicas e ecolóxicas.
Xunto con outros xéneros oportunistas illouse en mostras de aire non filtrado, en sistemas de aire acondicionado, en superficies, en alimentos, plantas ornamentais, celulosa de mobles, papel das paredes e no po doméstico. A súa concentración aumenta durante a realización de obras, o que é un problema nos hospitais. Porque tamén pode aparecer aínda que os traballos non se realicen no interior do centro sanitario, senón nas inmediacións.

Todos son patóxenos?

Non todas as variedades de Aspergillus son patóxenas. Describíronse preto de 900 especies clasificadas en 18 grupos, pero menos de 20 demostráron ser patóxenas para o ser humano: Aspergillus fumigatus (85%). A. flavus (5-10%), A. níger (2-3%-3), A.terreus (2-3%-3), son os máis importantes.
Unha característica importante do Aspergillus é asúa capacidade para medrar á temperatura do corpo humano. Isto diferénciao de moitos outros fungos saprofitos que inhiben o seu crecemento á devandita temperatura. A 37 graos, o Aspergillus vive ás súas anchas.

Unha vantaxe do Aspergillus é vivir a 37 graos, a temperatura do corpo humano

Como afecta ao organismo?

A asperxilose invasora é a infiltración e invasión demostrada de tecidos, ordinariamente estériles, por microorganismos do xénero Aspergillus. Adoitan ter un tropismo particular polos vasos sanguíneos e o seu diagnóstico de certeza é histolóxico, o que conlevaría unha necropsia ou unha biopsia dos tecidos.
Ademais da asperxilose invasora, rapidamente evolutiva (sobre todo en inmunodeprimidos), poden existir formas invasoras de evolución crónica (xeralmente afectando só ao pulmón). Existen enfermidades causadas por Aspergillus non caracterizadas pola invasión xeral, como son a colonización de cavidades pulmonares e a asperxilose broncopulmonar alérxica.

O nome do Aspergillus ven da súa semellanza cun hisopo relixioso.
O nome do Aspergillus ven da súa semellanza cun hisopo relixioso.

Por que é ben coñecido en Galicia?

En Galicia, o Aspergillus é por desgracia tan célebre como que o seu nome é coñecido popularmente. En 1998, no hospital do Meixoeiro de Vigo faleceron 6 pacientes por asperxilose, tras quedar infectado o quirófano número 11 de Cardioloxía. Tres dos mortos foran afectados nas válvulas cardíacas que lles foron implantadas.
En 2012, o Sergas clausurou tamén toda unha planta do hospital vigués do Meixoeiro, tras detectarse unha infestación por Aspergillus. Agora, deu positivo nas análises premilinares no novo hospital Álvaro Cunqueiro, o que obrigou a paralizar o traslado de pacientes. Aínda que a xerencia non especificara o patóxeno, diversas fontes confirman que é este fungo, mentres as obras no centro sanitario continúan, o cal é un elevado factor de risco. O Sergas, que nin confirmou nin desmentiu a nova publicada en primicia por GCiencia, afirma que non se continuará o traslado ata que todas as novas análises dean negativo.

Cal é o seu índice de mortalidade?

A vía de contaxio máis habitual do Aspergillus é a respiratoria, na que, en infeccións hospitalarias, o 37 por cento dos pacientes responden positivamente ao tratamento. Pero en tres dous casos de 1998, ou fungo colonizou ás válvulas cardíacas implantadas nos enfermos. Neste caso, no contacto directo co sangue, a mortalidade en persoas inmunodeprimidas alcanza o 80%.

Que tratamentos hai para a asperxilose?

Para o tratamento da asperxilose empréganse antifúnxicos con nomes non doados de pronunciar. Entre eles, están o voriconazol, itraconazol e a anfotericina B. Este último medicamento, sintetizado dende 1955 a partires dun microorganismo atopado no río Orinoco, manipula a composición da parede das células dos fungos, de xeito que rematan perdendo compoñentes esenciais e morren.

UNHA INVESTIGACIÓN PARA NOVOS FÁRMACOS
A capacidade letal do Aspergillus en pacientes inmunodeprimidos fixo que nos últimos tempos se explorasen novas fórmulas. Unha das máis interesantes a desenvolve en España o laboratorio de Bioloxía Molecular e Patoxénese Fúnxica do Instituto de Bioloxía Funcional e Genómica (IBFG, centro mixto do CSIC e da Universidade de Salamanca). E ten a súa clave nun metal, o cinc, que é un dos obxectivos do Aspergillus cando penetra no corpo humano. O fungo ten unha gran capacidade para obter cinc dentro do organismo hospedador. “O cinc é un micronutriente esencial para todos os seres vivos, incluíndo os fungos patóxenos, porque é necesario para unha gran diversidade de procesos metabólicos e a división celular”, explica José Antonio Calera, do IBFG, centro adscrito ao CSIC.

Aspergillus en 3D ao microscopio.
Aspergillus en 3D ao microscopio.

Curiosamente, apenas hai cinc libre nos tecidos vivos, xa que este elemento aparece unido a proteínas, así que os patóxenos deben obter cinc a partir do hospedador. Para iso, atacan uns determinados xenes. En experimentos con ratos, o fungo é incapaz de invadir os pulmóns de ratos infectados cando lle faltan estes xenes e os animais permanecen sans.
Por outra parte, outros factores do sistema inmune poden ser determinantes para que Aspergillus fumigatus prospere ou non no pulmón. Os neutrófilos, unhas células do sistema inmune encargadas de defender o hospedador, producen unha proteína chamada calprotectina e os investigadores pensan que podería interferir no crecemento de Aspergillus ao ser capaz de secuestrar o cinc, dificultando deste xeito a obtención deste elemento por parte do fungo.
Un artigo de 2014 na revista científica Cellular Microbiology, asinado polos investigadores do IBFG, avanza nestas liñas para crear un novo medicamento que sexa máis eficaz contra o Aspergillus. Aínda que, por agora, a gran batalla contra este inimigo íntimo está na prevención. Os hospitais deben seguir estritos controis para detectar o fungo e observar rigorosas medidas de hixiene e seguridade, en especial en áreas sensibles como Urxencias, UCI ou quirófanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Este fungo é capaz de provocar unha perigosa infección que controla o cerebro

O escenario posapocalíptico que propón a serie 'The Last of Us' é imposible pola complexidade dos nosos sitemas nervioso e inmunolóxico

O fungo que ataca o ourizo e podrece a castaña

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro analiza mostras de 'Gnomoniopsis smithogilvyi', que se puido volver máis virulento a causa das condicións climáticas

O Colexio Médico denuncia o cese dunha xefa por denunciar falta de medios

O organismo considera 'improcedente' o cese dunha médica xefa no Álvaro Cunqueiro por denunciar a situación de risco que viven estes profesionais