O equipo galego que desafía a diabetes tipo 1: “O diagnóstico é demoledor”

O equipo de Iria Gómez Touriño investiga as causas da enfermidade autoinmune e busca novos fármacos orais

A diabetes tipo 1 é unha gran descoñecida. É unha enfermidade autoinmune que nada ten que ver co excesivo consumo de azucre nin co sedentarismo. Sábese que o sistema inmunitario ataca as células do páncreas que producen insulina, pero a súa causa aínda é un misterio para a ciencia. En Galicia hai preto de 18.000 persoas con diabetes tipo 1, segundo o informe Máis alá da insulina publicado en 2024. Ademais, é a terceira comunidade autónoma —por detrás de Cantabria e Estremadura— con maior prevalencia desta enfermidade, que pode afectar a outros órganos como os riles, os ollos e o corazón. No Día Mundial Contra a Diabetes, que se celebra este venres 14 de novembro, é máis importante ca nunha poñer esta doenza no foco.

Dende Santiago, o equipo da bióloga molecular Iria Gómez Touriño está a desafiar a diabetes tipo 1 na busca de novos fármacos e na investigación dos mecanismos que desencadean a enfermidade. “O diagnóstico é demoledor. Primeiro, porque non se coñece moito a doenza. A xente pensa que fixo algo mal, pero non é así. Segundo, porque implica tomar moitas decisións diarias e limitadoras: Podo comer iso? Podo facer deporte?”. A enfermidade, continúa a bióloga, adoita diagnosticarse na infancia, na adolescencia e en adultos ata os 40 anos. O único tratamento dispoñible a día de hoxe son as inxeccións de insulina, aínda que un novo fármaco aprobado en Estados Unidos e Reino Unido para estudos iniciais abre unha vía de esperanza para os pacientes.

Publicidade

Un fármaco prometedor

“É un tratamento que se administra durante dúas semanas e atrasa a aparición da enfermidade uns 10 anos. Non pode impedir que apareza a doenza, pero non é o mesmo diagnosticar a un neno de 4 anos que a un de 14″, sostén Gómez Touriño, investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) e no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Este novo tratamento, que aínda non foi aprobado na Unión Europea, é un avance significativo. Canta máis idade teña o paciente, mellor. O páncreas dun adolescente de 14 anos é máis grande que o dun neno de 4, tivo máis tempo de medrar, de desenvolverse e de ter máis células.

A busca de novos tratamentos e fármacos é imprescindible para a mellora da calidade de vida, pero tamén para ofrecer máis solucións a un número crecente de pacientes. “A incidencia está aumentando. Non sabemos se é o medio de vida, os alimentos, as infeccións víricas do inverno… Dende logo, a nivel de xenética non cambiamos tanto en 50 ou 100 anos”, apunta Gómez Touriño.

Publicidade

A importancia dos cribados

“A enfermidade non comeza cando se recibe o diagnóstico. Cando se detecta é xa unha forma grave, con síntomas como ter moita sede, cansazo extremo e perda de peso. Nese momento, moitas células do páncreas xa morreron. A doenza avanza pouco a pouco“, explica a investigadora do CiMUS e do IDIS. Ante a falta de máis tratamentos e da imposibilidade de previr a diabetes tipo 1, Gómez Touriño apela a unha iniciativa que cada vez ten máis pulo: os cribados. Por un lado están os familiares, cando un dos membros xa ten diagnosticada diabetes tipo 1. Non obstante, a bióloga molecular detalla: “Non ten unha carga xenética tan importante como outras enfermidades. O 90% dos casos son espontáneos”.

O outro tipo de cribados son os poboacionais, que se están a levar a cabo de maneira piloto en hospitais europeos e estadounidenses, pero aínda non se realizan en España. Esta medida iría dirixida a nenos de 2, 6 e 10 anos durante as súas revisións pediátricas periódicas. Cunha análise de sangue pódese medir a cantidade duns auto-anticorpos, é dicir, uns anticorpos que produce o propio corpo contra as proteínas do páncreas. “Non son os que matan as células pero si nos serven como bandeira; como sinal de que algo está pasando neste órgano”, explica Gómez-Touriño. As persoas que presenten estes auto-anticorpos teñen unha probabilidade moi elevada de desenvolver a enfermidade. Polo tanto, isto permitiría actuar con antelación, facer un seguimento máis exhaustivo do paciente e conseguir que teña unha mellor calidade de vida.

Un gran de area dende Santiago

Dende o laboratorio dirixido por Gómez Touriño tratan de poñer o seu gran de area para enfrontarse aos desafíos da diabetes tipo 1. Para iso desenvolven dúas liñas principais de actuación: unha busca novos fármacos e, a outra, céntrase en estudar os mecanismos que causan a enfermidade. “Traballamos con medicamentos pequenos que poidan ir por vía oral, tendo en conta que moitos pacientes son nenos. Buscamos que o fármaco reduza as causas iniciais, a inflamación”, salienta a investigadora do IDIS e do CiMUS. Xa están a traballar con modelos animais, administrándolle terapias experimentais e determinando se desenvolve diabetes de forma espontánea, canto tarda en facelo ou cal é o seu estado de saúde en xeral. Os procesos de desenvolvemento de medicamentos son moi longos e custosos, pero imprescindibles.

A outra liña de investigación baséase en comprender os mecanismos que teñen lugar no páncreas e como iso acaba desencadeando a enfermidade. “Algo ocorre coas células que producen insulina. É como se brillasen; como se lle dixesen ao sistema inmunitario: Ola, estou aquí!”, detalla a bióloga molecular. Nun artigo publicado en 2024 na prestixiosa revista Nature Communications describiron un mecanismo esencial na aparición da diabetes tipo 1. “O timo é un órgano que está enriba do corazón e onde se producen a maior parte de linfocitos T. Son eles os que detectan as nosas proteínas e células e distinguen o estraño do propio. O que vimos neses estudo é que as células xa saen mal adestradas dese centro de adestramento e predispostas a matar células do páncreas cando non deberían”, explica.

Os dous proxectos que lideran Gómez Touriño dende Santiago buscan un halo de esperanza para os pacientes de diabetes tipo 1 representados, por exemplo, na Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia). É un dos colectivos que traballa incansablemente para mellorar a concienciación sobre unha enfermidade aínda descoñecida e para impulsar o financiamento de liñas de investigación como as de Gómez Touriño. A investigadora do IDIS e do CiMUS non descarta que, no futuro, se poida atopar unha cura. Pero apela ao realismo e ás circunstancias actuais: continuar investigando para mellorar a vida dos 18.000 galegos e galegas cunha enfermidade sobre a que aínda existen moitos tabús.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional