María José Alonso, catedrática da USC. Foto: Paula Martínez Graña.

María José Alonso, catedrática da USC. Foto: Paula Martínez Graña.

A catedrática María José Alonso recibe un novo recoñecemento internacional

A científica da USC é a primeira muller premiada co 'Founders Award' da Controlled Release Society, sociedade da que xa é presidenta

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso acaba de recibir o prestixioso premio Founders Award, a máis alta distinción que outorga a Controlled Release Society (CRS), considerada a sociedade científica máis relevante do mundo en sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. A entrega deste recoñecemento celebrouse esta pasada fin de semana en New York durante o encontro anual da CRS, no que a profesora Alonso tamén toma posesión como presidenta da mesma sociedade. 

Alonso é a primeira muller que recibe o Founders Award nunha lista que integraban 36 homes

A Controlled Release Society concede o seu Founders Award anualmente a un dos seus membros recoñecidos internacionalmente polas súas sobresalientes contribucións á ciencia e á tecnoloxía no ámbito da liberación controlada. María José Alonso convértese na primeira muller que recibe o recoñecemento a súa destacada carreira investigadora e incorpórase a unha lista que integran outros 36 científicos dende a instauración do premio en 1982.

Ademais deste recoñecemento, Alonso foi dobremente distinguida pola CRS ao elixila membro do seu College of Fellows, o máis alto grao dentro do CRS, ao que pertences so 102 especialistas de todo o mundo. O College of Fellows recoñece aos membros do CRS que teñan destacado polas súa achegas científicas durante un mínimo de dez anos.

O da CRS é o terceiro gran recoñecemento internacional que suma a catedrática da USC en datas recentes, logo de ter sido elixida membro da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixio ‘College of Fellows’ do American Institute for Medical and Biological Engineering de Estados Unidos (AIMBE). O laboratorio da profesora Alonso na USC foi pioneiro en numerosos descubrimentos en tecnoloxía nanofarmacéutica. Ademais, foi coordinadora de varios consorcios de investigación internacionais pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en sete proxectos internacionais, cinco deles financiados pola Comisión Europea.

A científica graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. Realizou estancias nas universidades de París XI e Angers (Francia) e no Massachusetts Institute of Technology, MIT (Estados Unidos). Entre 2006 e 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Nos últimos anos consolidouse como a científica española máis influínte no eido das Ciencias da Saúde. Suma máis de 235 contribucións científicas e con máis de 11.600 citas, e é artífice de 19 familias de patentes. En xuño deste ano recibiu a Medalla Castelao, un dos máis recentes recoñecementos á súa traxectoria, na que tamén destacan o premio María Josefa Wonenburger (2013) e o premio Novoa Santos (2011). 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.