José Gómez Rial: “Coas vacinas evitaremos que o sistema inmunitario colapse”

O inmunólogo do CHUS explica que boa parte dos casos graves de Covid-19 débense a unha excesiva resposta de defensa que se solucionará coa inmunización

Xa son preto de 200.000 as doses da vacina contra a Covid-19 administradas en Galicia. E case 60000 persoas recibiron xa a súa pauta completa, polo que o seu organismo xa desenvolveu, ou desenvolverá nos vindeiros días, a inmunidade precisa para impedir que o SARS-CoV-2 lles cause unha enfermidade grave. Mais pouca xente describiu a súa propia experiencia co rigor e a exactitude coa que o fixo José Gómez Rial, inmunólogo do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) e membro do grupo de investigación GENVIP. Como persoal sanitario, Gómez foi describindo na súa conta de Twitter, día a día, o que estaba acontecendo a nivel microscópico despois de recibir o 12 de febreiro a primeira dose da vacina de ARN mensaxeiro. Está explicando o proceso desde que se comeza a fabricar a proteína S propia do coronavirus ata que o seu sistema completa o recoñecemento deste novo ‘convidado’ e , deste xeito, xeran unha resposta específica que, na hipotética presenza do SARS-CoV-2, protexerá moito mellor o organismo. A historia, con todo, aínda non terminou, xa que terá que agardar uns días despois da segunda dose para que a vacina complete o seu cometido.

Como inmunólogo, Gómez explica na conversa que boa parte dos casos máis graves de SARS-CoV-2 están causados pola resposta defensiva exacerbada que desenvolve o organismo ao entrar por primeira vez en contacto cun novo virus. No caso das persoas de maior idade, cunhas ‘defensas’ menos adestradas para recoñecer patóxenos novos, e noutros casos en persoas máis novas, pode xerarse “un incendio” inmunitario, en palabras de Gómez, que en cuestión de días pode levar a alguén a coidados intensivos. Fronte a isto, insiste na gran esperanza que supoñen as vacinas, na medida na que adestran as defensas do organismo e impiden estas perigosas reaccións. E lamenta o “egoísmo” que, ao seu xuízo, supoñen as reticencias a recibir a inmunización ou a querer escoller unha ou outra vacina.

Publicidade

– Fálase da necesidade de manter baixo o nivel de transmisión para evitar a aparición de novas variantes; como explica isto?

– Creo que se están mediatizando moito as novas variantes que están xurdindo, e que hai intereses xeopolíticos tamén de botarlle a culpa do que está pasando. Os virus adoitan mutar, algunhas veces con maior impacto e outras con menos. Si que é certo que algunhas variantes poidan ser máis transmisibles, pero de aí a dicir que as vacinas non van protexer contra elas… Iso xa é especulación.

Publicidade

O que vimos ata agora é que as vacinas serven para evitar a enfermidade grave e a mortalidade, independentemente das variantes. Que determinada vacina sexa máis eficaz contra unha ou outra variante, sempre aconteceu.

E ademais temos que ter en conta unha cousa: estamos secuenciando unha parte moi pequena dos casos, polo que pode haber máis variantes transmitíndose. Está claro que hai que facer vixilancia epidemiolóxica, pero ter coidado de non asustar á xente, de non dicirlle que hai unha variante perigosísima, que a vacina non os vai protexer, que hai que pechar fronteiras, etc. Hai que poñer todo en contexto.

O obxectivo si que ten que ser deter a transmisión, porque agora o virus está campando pola poboación. Temos que darlle menos oportunidade a que faga máis réplicas e, por tanto, evitar acumule mutacións que o fagan completamente distinto.

– Podería facer falta unha vacina nova cada ano, como pasa coa gripe?

– O virus da gripe é moi diferente, porque é extremadamente mutable. Por tanto, non temos unha diana que poidamos atacar e permaneza sen cambios dunha temporada para outra, de aí que haxa que modificar as vacinas. Creo que é moi pronto para dicir que se vai comportar así.

Ademais coa gripe acontece algo distinto: é un virus que causa máis dano polo seu propio efecto: pode causar problemas pulmonares e noutros tecidos. Mentres, a gravidade do SARS-CoV-2 asóciase á resposta inmunitaria. Nisto acontece algo semellante co virus respiratorio sincitial (VRS), que se dá todo na etapa infantil: moitos nenos pásano de forma asintomática, outros coma un catarro, e algúns ingresan na UCI, precisamente pola resposta inmunitaria que se produce.

“Os casos máis graves da Covid-19, moitas veces, non son tanto polo efecto da infección que causa o virus, senón pola mala resposta inmunitaria dalgunhas persoas”

E aquí estase esquecendo outra cousa que solucionaremos coas vacinas: os casos máis graves, moitas veces, non son tanto polo efecto da infección que causa o virus, senón pola mala resposta inmunitaria dalgunhas persoas contra o virus. Xa se demostrou que a Covid-19 grave ten moito que ver con isto, cun colapso na resposta inmunitaria, e hai varias razóns. A idade provoca que a resposta inmune sexa menos áxil, e iso vémolo cos nenos: teñen un sistema inmune habituado a responder a patóxenos novos para eles, que os protexe mellor. Pero nas persoas maiores, un virus novo pode causar serias complicacións, como está pasando, e o seu sistema non sabe como responder, e prodúcese unha especie de ‘incendio’ que dana os tecidos.

Isto coas vacinas imos arranxalo: un sistema inmune de 60 ou máis anos, cando reciba as instrucións que contén a vacina, vai saber responder ao SARS-CoV-2, sexa a variante que sexa. E por tanto a resposta vai ser controlada, haberá moitísima menos probabilidades de que se desenvolvan casos graves: nalgunhas situacións pasarase de forma asintomática, e noutras teremos algo parecido a un arrefriado, pero ningunha complicación seria. O que conseguiremos coas vacinas é xerar memoria celular, e evitarán que o sistema inmunitario colapse.

– Ten a sensación de que non se explicou moi ben o concepto de inmunidade?

– Simplificouse moito o funcionamento do sistema inmunitario. Estase falando moito de anticorpos, pero a base do noso sistema inmune é a memoria celular. Os anticorpos son unha arma máis, pero a memoria é esencial. Cando me preguntan adoito poñer un exemplo: un neno sentado no sofá, se lle dis que se erga e se poña a correr, vaino facer rápido. Pero a unha persoa de 60 ou 70 anos probablemente lle custe máis. Ese é o símil para saber o que lle pasa a un sistema inmune que reacciona peor.

Esta situación vese nos tratamentos: o que mellor está funcionando en casos críticos son os corticoides, fármacos que anulan a resposta inmune. Bastante mellor que os antivirais. Sábese que a Covid-19 ten unha fase viral, e logo unha fase inmunolóxica, cando se agravan os casos nos hospitais, mesmo con necesidade de osíxeno e ventilación. Aí é cando os corticoides actúan.

E isto xa se viu nos ensaios clínicos que se fixeron. O problema é que se simplificaron as porcentaxes de efectividade sobre formas graves. Pero ou moito me equivoco ou a pouca xente lle importaría pasar a Covid-19 coma un catarro, e iso é o que podemos conseguir: aínda que non evitemos a transmisión, poderemos evitar os casos máis graves.

“Os anticorpos son unha arma máis do sistema inmunitario, pero a memoria celular é esencial”

– Que lle parecen as dúbidas que se alimentan sobre algunhas vacinas?

– Verase co tempo, pero conseguir en menos dun ano que xa se estean administrando varias vacinas diferentes no mundo é un tremendo éxito da ciencia. Iso quedará como un fito para a Humanidade. E ver que a xente se poña ‘exquisita’ para recibir unha ou outra, vendo que en países menos desenvolvidos terán que esperar aínda moito tempo para recibila… A verdade é que fai perder un pouco a fe na especie humana.

A xente ten que comprender cal é o obxectivo das vacinas, e saber que unha vez que está vacinada, se reducirá moitísimo a probabilidade de que acabe no hospital ou morra. Poden producirse algúns efectos secundarios, como é lóxico, porque son vacinas moi potentes que causan unha lixeira sensación de malestar. Pero creo, sinceramente, que isto paga a pena para reducir a mortalidade que pode sufrir tanta xente.

Fálase tamén do risco das reinfeccións, e creo que tamén se lle está dando un eco mediático esaxerado. Son casos illados e sempre leves, agás excepcións moi pouco frecuentes. Polo que xa contei: se o noso sistema inmune recoñece o SARS-CoV-2 (aínda que sexa outra variante), non se vai ‘incendiar’.

– Hai tamén confusión co efecto das vacinas na transmisión.

– Aquí hai tamén un problema. A xente pensa que por ter pasado a enfermidade, ou por vacinarse, xa non contaxia. E ás veces mesmo di que a máscara non lle fai falta porque non hai risco. E isto non é así. Hai que entender como funciona este virus. Replícase nas mucosas respiratorias, e aí o sistema inmune, que vai de dentro cara a fóra, tarda un pouco en actuar. Pero mentres non se neutraliza, eu podo ter o virus replicándose nas mucosas e por tanto, se estou en contacto con outra persoa, podo estar transmitíndolle as copias do virus suficientes para que se infecte.

Coas vacinas, o que se consegue é reducir o período de infectividade, polo que se reduce o risco de transmisión. Pero segue habendo un certo risco de que, se entramos en contacto co virus, poidamos transmitilo a outra persoa antes de que o noso sistema inmune reaccione. E isto hai que telo moi en conta, de aí a necesidade de manter as medidas de prevención de todas formas.

A miña reflexión e que isto reflicte, en certa medida, o egoísmo que amosan algunhas mensaxes. Dicir que “dá igual vacinarse ou non, porque teremos que seguir coa distancia social e coa máscara”, ou ver os casos de xente á que lle dá igual saír a rúa sendo positiva, que organiza festas multitudinarias, amosa como nestes tempos afloran tamén as miserias do ser humano.

“Dicir que dá igual vacinarse ou non reflicte o egoísmo e as miserias do ser humano”

– Existen condicionantes xenéticos para unha maior ou menor gravidade?
– Nós levamos bastantes anos estudando estes factores xenéticos que inflúen en como se manifestan as enfermidades transmisibles, e temos un lema: o patóxeno non infecta a quen quere, senón a quen pode. Está claro que hai determinantes que predisponen: na Covid-19 observamos, por exemplo, que as persoas que teñen algunha alteración no sistema do interferón teñen unha maior probabilidade de desenvolver un cadro grave. Pero isto explica só unha pequena parte dos casos. Cremos que outros condicionantes, como a idade ou as chamadas patoloxías previas, si que poden influír en maior medida.

– Como imos vivir os vindeiros meses?

– Eu son optimista porque veo que dimos coa chave, conseguindo ter vacinas. E ademais imos ter unha vantaxe co clima: a radiación ultravioleta e as temperaturas van reducir a transmisión. Pero hai que acelerar a vacinación, centrarse nela. Os gobernos teñen que concienciarse que canta máis xente teñamos inmunizada, máis preto estaremos de ter vida ‘normal’. Sería mellor non facer propaganda con prazos irreais de vacinación, e centrar os esforzos en facelo canto antes, sobre todo ás persoas en situación de risco.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025
93040