Venres 19 Abril 2024

Jesús L. Romalde: “A destrución do medio ambiente tamén ten que ver con esta epidemia”

O catedrático de Microbioloxía da USC e membro da Sociedade Española de Viroloxía desbotou que este coronavirus nacese nun laboratorio

O seminario sobre a crise do coronavirus que ofreceu este martes a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) contou tamén coa intervención de Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Sociedade Española de Viroloxía. A partir da pregunta, Que sabemos do SARS-CoV-2?, Romalde foi debullando algunhas das certezas e as moitas preguntas que seguen xirando arredor do virus, toda vez que hai menos de cinco meses que foi detectado na provincia chinesa de Hubei.

Romalde lembrou que este virus pertence á familia Coronaviridae, como o SARS-CoV de 2002, ou o MERS-CoV en 2012. Detívose tamén na razón pola cal o virus e a doenza que causa teñen nomes distintos (SARS-CoV-2 pola súa semellanza co SARS de 2002 e a Covid-19, acrónimo da enfermidade Coronavirus Disease 2019).

Publicidade

A conspiración do virus de laboratorio

O presidente da RAGC, Juan Lema preguntou sobre as palabras do nobel Luc Montaigner, quen dixo que o virus foi construído, para desbotar as conspiracións de laboratorio. “Eu creo que é bastante difícil de asimilar, porque non tería saído tan ben se o deseñaran os humanos. É moi parecido a outros que xa saíran da natureza. Tendo tantos exemplos previos, non hai por que pensar en conspiracións”. Engadiu Romalde que este é “un virus intelixente e eficiente; se matara moito máis non se transmitiría tanto; aí temos o precedente do MERS, no que a xente morría antes de ter maior capacidade de contaxiar a outras persoas”.

Orixe, evolución e medio ambiente

Un dos aspectos que puxo sobre a mesa o microbiólogo foi a relación entre a aparición destas doenzas e a invasión humana de espazos naturais. “O pouco coidado do medio ambiente, coa deforestación e a ocupación de ambientes que non usabamos, tamén ten que ver con esta epidemia. Se hai un maior contacto con animais salvaxes que poden transmitir estes virus, como se fala dos morcegos ou os pangolíns, hai máis probabilidade de que se transmitan as enfermidades“. Mencionou tamén o risco existente en escenarios como os chamados ‘mercados húmidos‘, como o de Wuhan, cuxa seguridade sanitaria “deixa bastante que desexar”.

Alén das posibles orixes, Romalde detívose tamén nas peculiaridades deste virus, como os síntomas (desde os máis habituais como a febre ou a tose, ata outros menos frecuentes como a diarrea ou as náuseas), a elevada contaxiosidade, o aumento da mortalidade debido á confluencia con doenzas previas.

Cara ao futuro, o microbiólogo da USC salientou a necesidade de atopar un perfil de contaxios o máis preciso posible. Exemplificouno coas diferenzas demográficas de afectados dependendo da cantidade de probas realizadas, como aconteceu con Islandia e Países Baixos. Detívose, do mesmo xeito, na importancia dos estudos a través de augas fecais, como o xa comezado na Coruña, e outro no que participa o grupo de Romalde, para axudar a estimar a presenza do virus nunha determinada poboación e anticiparse a posibles rebrotes.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023