Martes 16 Abril 2024

Unha galega, entre os autores dun relevante estudo xenético do cancro de mama

A científica Laura Fachal, do instituto Sanger, asina o traballo no que se expoñen case 200 xenes que poderían ter relación coa doenza

Foi un traballo de moitos anos, xa que se compilaron máis de 200.000 mostras de persoas, tanto pacientes de cancro de mama como sans, para obter os resultados que esta semana publica a revista Nature Genetics. E como primeira autora do traballo, xunto a máis dun cento de científicos de todo o mundo, aparece a galega Laura Fachal, que actualmente exerce no instituto Wellcome Sanger do Reino Unido. A investigación supón o mapa xenético mais comprensivo sobre o risco dos tumores de mama feito ata o momento.

Esta investigación dá continuidade así a outros artigos publicados en 2017, nos que se identificaron 150 rexións do xenoma que poderían ter relación cunha maior posibilidade de padecer esta doenza, unha das maiores causas de mortalidade feminina no mundo. Agora afínase o coñecemento destas rexións. “O que facemos é ir máis ao detalle, conectar o coñecemento destas rexións cos xenes, e isto abre a porta a validar, no futuro, terapias concretas contra a enfermidade”, explica a GCiencia Laura Fachal. Así atoparon 350 variantes e 191 xenes candidatos a gardar relación coa aparición de tumores mamarios.

Publicidade

A científica galega, que traballa desde 2014 no Reino Unido, detalla que ao obter un mapa de maior detalle, observáronse feitos sorprendentes. “Vimos, por exemplo, que a maior parte das variacións que poderían ter relación co risco de cancro non están dentro dos xenes, senón que aparecen nas zonas que regulan a súa expresión; é dicir, nas partes do xenoma no que se activan ou desactivan os xenes. E isto é un detalle a ter moi en conta para enfocar a investigación a partir de agora”.

Fachal engade que a maior parte destas variacións nos xenes localizados están vinculadas ao tumor do tipo estróxeno receptor positivo, mentres que só un 15% están asociadas ao estróxeno receptor negativo. Por exemplo, segundo explica Fachal, nove das variantes regulan o mesmo xene receptor de estróxeno (ESR1), e moitas outras afectan a zonas do ADN onde a proteína do receptor do estróxeno únese con el e, ao tempo, regula outros xenes distintos. Deste xeito, o achado remarca a importancia do ESR1 e as proteínas implicadas na súa expresión para investigar o seu papel no cancro de mama.

 

Así, o avance ofrece un importante impulso á localización destas alteracións xenéticas que poderían inducir o cancro desde dúas perspectivas. Por unha parte, abre o abano de xenes a identificar, xa que menos dunha quinta parte destes 191 xenes localizados estaba recoñecido como de risco. E por outra banda, poder enfocar a investigación en puntos concretos do xenoma permitirá aos científicos centrar os seus esforzos nestes lugares.

Ademais de Fachal, o traballo tamén está asinado por outros cinco científicos galegos que colaboraron na parte clínica e de análise dos datos: José Castelao do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, con base en Vigo, Víctor Muñoz, do departamento de Oncoloxía do Meixoeiro, tamén en Vigo, e Manuela Gago, Marta Santamariña e Ana Vega, da Fundación Pública de Medicina Xenómica, con sede en Santiago.

De cara ao que está por vir, o coñecemento adqurido co traballo que asina Fachal axudará a ver “como podemos integrar as variantes localizadas nos modelos de predición do cancro, para coñecer, por exemplo, o risco que ten unha persoa de padecer o tumor mesmo antes de que apareza”. E desde a súa liña persoal de investigación, a científica galega explica. “O meu traballo está enfocado, en concreto, a comprender biolóxicamente como funcionan estes xenes, o que poderia axudarnos a desenvolver posibles fármacos nun futuro que permitan afrontar o maior risco”.

Fachal leva toda a súa carreira, desde que se doutorou na USC en 2013, baixo a supervisión de Ana Vega e Ángel Carracedo, estudando as variables xenéticas de diversos tumores, como o de próstata, pulmón ou mama. En 2015 recibiu o premio da Asociación Española de Xenética Humana á mellor investigadora nova do ano.


Referencia: Fine-mapping of 150 breast cancer risk regions identifies 191 likely target genes (Publicado en Nature Genetics).

2 COMENTÁRIOS

  1. de hecho hay “varias gallegas” entre los autores (más de 300) de este estudio, como Marta Santamariña, Ana Vega y Manuela Gago. lo extraodinario de Laura es que no está “entre” los autores del estudio, sino que “ha liderado” el propio estudio desde una de las cunas de la investigación genómica. bravo Laura!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue