Unha ferramenta informática galega para a diagnose de electrocardiogramas

O enxeñeiro e profesor da UVigo Víctor Mondelo deseña unha plataforma que facilita o traballo do persoal sanitario na toma de decisións

Un sistema informático de apoio á diagnose de electrocardiogramas que facilite o traballo do persoal sanitario na toma de decisión. Así se presenta Ecgdt, unha ferramenta “sinxela e intuitiva” creada polo enxeñeiro informático e profesor da Universidade de Vigo Víctor Mondelo e posta a disposición da comunidade científica en aberto.

O desenvolvemento de Ecgdt, indica o seu responsable, naceu tendo en conta como as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte a nivel mundial, especialmente nos países desenvolvidos, e como a cardioloxía tamén se pode beneficiar dos avances da tecnoloxía, a través da informática, na detección, diagnose e tratamento de enfermidades. A creación da ferramenta contou coa colaboración de membros do Grupo Lia2 da Universidade de Vigo, ao que pertence o seu autor, e foi realizada no marco da tese de doutoramento de Mondelo, presentada este curso académico na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense co título Sistema de Apoio á Diagnose de Electrocardiogramas, dirixida por María José Lado e Arturo José Méndez.

Publicidade

“Considerando a elevada incidencia das enfermidades cardiovasculares, a relativa sinxeleza coa que un electrocardiograma permite obter gran cantidade de información sobre o funcionamento do corazón, e tendo en conta que na actualidade existen varios sistemas de monitorización de electrocardiogramas pero menos alternativas de diagnose”, apunta o investigador, “pareceunos interesante desenvolver un sistema de apoio á diagnose de electrocardiogramas como Ecgdt”. Estes sistemas, detalla, poden emitir “unha diagnose que despois ten que ser supervisada e validada polo persoal sanitario”.

O sistema estará a disposición da comunidade científica en aberto. Fonte: Duvi.
O sistema estará a disposición da comunidade científica en aberto. Fonte: Duvi.

Funcionalidade e deseño

Segundo explica Víctor Mondelo, é posible identificar a presenza de doenzas cardíacas a partir da análise dos patróns de normalidade dos latexos presentes no sinal. “A automatización destas tarefas nun sistema capaz de identificar de forma automática os latexos dentro do sinal, e as ondas dentro dos mesmos, xunto coas súas características esenciais, pode supor unha axuda ao traballo do especialista médico, aforrándolle unha cantidade considerable de tempo”, apunta o investigador.

Publicidade

O traballo que sustenta esta ferramenta informática, comenta o seu autor, partiu “do desenvolvemento dun sistema base que permite ler rexistros de electrocardiogramas, procesalos, representalos e exportalos”. Sobre esta base, engade, incluíu as funcionalidades necesarias para detectar latexos nos canais de forma individual, e sobre ditas funcionalidades aquelas necesarias para levar a cabo unha detección multicanal coa que obter unhas posicións máis precisas para os latexos mediante a combinación das posicións obtidas en todos os canais do rexistro. “A partir disto, engádense as funcionalidades que se necesitan para identificar as posicións das distintas ondas dentro de cada latexo e delinear as ondas sobre o sinal”, detalla o profesor.

Finalmente, detalla o enxeñeiro informático, a partir da información obtida previamente, incorpóranse no sistema ferramentas para obter diagnoses sobre a saúde cardíaca do paciente. O sistema resultante, Ecgdt, é, explica o seu creador, unha ferramenta estruturada, de forma que calquera usuario con coñecementos en análise e diagnose de electrocardiogramas pode empregala, independentemente do nivel de coñecementos informáticos dos que dispoña. Así, indica Víctor Mondelo, Ecgdt conta cunha interface “amigable e intuitiva, de fácil manexo e coas funcionalidades necesarias en cada momento sempre a man”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Dende o can de palleiro ata o guicho: radiografía das razas de can autóctonas de Galicia

O declive da gandería de pequenas explotacións pon en risco a supervivencia do animal de pastoreo por excelencia da tradición histórica galega

Existe un mapa das cóxegas? Un estudo analiza esta sensación tan familiar

Unha investigación con 448 participantes revela que esta percepción fisiolóxica transcende culturas e podería ter unha razón evolutiva

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral