Factores como a instalación de aire acondicionado influíron no descenso da mortalidade. Imaxe: Lucas Kuriger - Flickr.

Factores como a instalación de aire acondicionado influíron no descenso da mortalidade. Imaxe: Lucas Kuriger - Flickr.

Descenso drástico das mortes por vagas de calor en España

Dous estudos publicados en datas recentes constatan que a prevención e as melloras socioeconómicas diminúen a mortalidade

Este verán está sendo atípico na maior parte de España pola escasa frecuencia de episodios extremos de calor, ao contrario do que acontece en latitudes máis septentrionais, como Reino Unido ou Escandinavia, onde os termómetros están batendo récords. Porén, os problemas de saúde pública causados pola calor son frecuentes todos os veráns na Península.

Pero, ao parecer, están diminuíndo nos últimos anos. Así o sosteñen dous estudos publicados recentemente por investigadores do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e o ISGlobal, que constatan un descenso “drástico” da mortalidade polas vagas de calor, o que suxire que a poboación española se está adaptando a estes episodios, alén dos avances en prevención e en factores de carácter socioeconómico.

Os estudo do ISCIII constata que a mortalidade descendeu na última década do 14% ao 1%

Un dos traballos, asinado por científicos da Escola Nacional de Sanidade do ISCIII e publicado en Environmental International, constata que a mortalidade descendeu na última década do 14% ao 1%. A investigación fíxose en colaboración con técnicos da Aemet de Castilla-La Mancha.

Os autores analizaron un período de 30 anos, entre 1983 e 2013, en dez provincias españolas, dividindo en tres os períodos de análise. Na última das fases (2004-2013) coincide coa posta en marcha do Plan de Prevención ante os Efectos das Altas Temperaturas que desde 2004 desenvolve o Goberno.

Julio Díaz, xefe de área do departamento de Epidemioloxía e Bioestatística do organismo, e autor do estudo, explica que “os resultados obtidos mostran que a nivel de todo o país, o incremento da mortalidade por cada grao no que se supera a temperatura de disparo da mortalidade por calor en cada provincia analizada, pasa dun 14 % nas dúas primeiras décadas a pouco máis do 1 % na última. Este descenso da mortalidade asociada á calor tamén se observou noutros estudos realizados tanto a nivel mundial como en lugares máis específicos como Estados Unidos ou Australia”.

Segundo os especialistas este descenso da mortalidade asociada á calor non ten unha única causa senón que pode explicarse por diferentes procesos, entre eles destacan a aclimatación da poboación á calor, a existencia de plans de prevención ante altas temperaturas, factores de carácter socioeconómico, melloras nos servizos sanitarios e nas infraestruturas dos fogares como a instalación do aire acondicionado.

Para Cristina Linares, científica titular da Escola Nacional de Sanidade, “estes resultados son especialmente importantes porque sinalan certo optimismo ante o aumento das ondas de calor, tanto en frecuencia e intensidade, que se están producindo a nivel mundial. Hai máis ondas de calor e máis intensas pero a mortalidade asociada é menor”.

No caso do estudo do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), os resultados suxiren que a poboación española foise adaptando para reducir a súa vulnerabilidade ás altas temperaturas estivais. A investigación, publicada en Plos Medicine, analizou as temperaturas e as defuncións diarias rexistradas en 47 capitais de provincia españolas nos veráns comprendidos entre 1980 e 2015. Os resultados revelan a existencia de dúas tendencias opostas: dun lado, un aumento progresivo da temperatura estival media a razón de 0,33 º C por década e, do outro, un decrecemento paulatino do risco de mortalidade asociada á calor. Ambos os factores, considerados en conxunto, supuxeron unha leve diminución da mortalidade atribuíble á calor, da orde de medio punto porcentual por década.

Os resultados do ISGlobal amosan unha menor vulnerabilidade da poboación

“Adóitase dar por sentado que o cambio climático irá acompañado dun aumento na mortalidade asociada á calor, especialmente en sociedades nas que a idade media da poboación é cada vez maior. Con todo, no noso estudo observamos que isto non ten que ser necesariamente así se ao mesmo tempo se produce, como no caso de España, un descenso xeral e sostido da vulnerabilidade ás temperaturas moderadas e extremas”, explica Hicham Achebak, primeiro autor do estudo e investigador do ISGlobal e da universidade Autónoma de Barcelona (UAB).

Outro dos autores do traballo, Joan Ballester, explica que “somos menos vulnerables á calor grazas a unha adaptación da sociedade ás temperaturas elevadas e tamén ao desenvolvemento socioeconómico experimentado durante as últimas décadas. Factores como as melloras no parque de vivendas, a popularización do aire acondicionado, os avances nos servizos de saúde e a realización de campañas de concienciación poderían contribuír á tendencia observada”. Engade Ballester que, con todo, “aínda non sabemos se esta tendencia á baixa manterase no caso de que o cambio climático se agudice no futuro”, engade.

Fenda de xénero

O estudo do ISGlobal sinala que a tendencia xeral é á baixa, tanto en mortalidade atribuíble á calor como en vulnerabilidade fronte a temperaturas elevadas, pero hai unha excepción: as mortes por causas respiratorias, que non deixaron de aumentar desde 1980, sobre todo no caso das mulleres. “O envellecemento da poboación e o incremento na incidencia de determinadas enfermidades crónicas son algunhas das causas que poderían explicar esta tendencia”, apunta Hicham Achebak.

A análise por sexos amosou tamén a presenza dunha fenda de xénero, xa que as mortes atribuíbles á calor son máis altas no caso das mulleres que dos homes, así como tamén a súa vulnerabilidade a temperaturas moderadas e extremas. Aínda que esta fenda de xénero se reduciu en magnitude, persistiu de forma sistemática cada ano ao longo do últimas catro décadas.

Actualmente, os investigadores traballan nunha réplica deste estudo con datos de toda Europa. Prevese que os resultados estean dispoñibles nos próximos meses.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.