Demostran que a vacina da covid fabricada en Galicia protexe do dano cerebral que causa o virus

O estudo, publicado en 'Nature', foi realizado por investigadores do Instituto de Biomedicina de Sevilla do Centro Nacional de Biotecnoloxía

Traballos de fabricación da nova vacina na planta de Biofabri no Porriño. FOTO: M. S.
Traballos de fabricación da nova vacina na planta de Biofabri no Porriño. FOTO: Miguel Sardo

Aínda que a patoloxía do sistema respiratorio é a principal afectación da enfermidade covid-19, causada polo coronavirus SARS-CoV-2, moitos dos pacientes manifestan importantes síntomas neurolóxicos, como a perda do olfacto (anosmia), dores de cabeza, malestar xeral, perda cognitiva, epilepsia, ataxia e encefalopatía, entre outros. Con todo, esta afectación do sistema nervioso por parte do coronavirus non foi caracterizada en detalle e descoñécese se as vacinas desenvolvidas fronte á covid-19 preveñen a extensión do SARS-CoV-2 ao sistema nervioso central e confiren protección fronte ás lesións cerebrais.

Agora, utilizando un modelo de rato susceptible á infección polo coronavirus SARS-CoV-2, un equipo multidisciplinar de investigadores españois liderados polos Dres. Javier Villadiego e Juan José Toledo Aral (IBiS, CIBERNED e Departamento de Fisioloxía Médica e Biofísica da Facultade de Medicina de Sevilla) e Juan García Arriaza (Departamento de Bioloxía Molecular e Celular do CNB-CSIC, CIBERINFEC e PTI Saúde Global do CSIC), en colaboración con outros grupos da Universidade de Sevilla e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), demostran a capacidade do SARS-CoV-2 de infectar distintas rexións do cerebro e producir dano cerebral, e como a vacina do CNB-CSIC, producida en Zendal (O Porriño), protexe completamente fronte a dita infección no cerebro. Estes achados publícanse na prestixiosa revista Nature Neuroscience.

Os investigadores estudaron a evolución da infección viral en distintas rexións cerebrais observando que a replicación do virus ocorre maioritariamente nas neuronas, producindo alteracións neuropatolóxicas como a perda neuronal, activación da glía e dano vascular. “Levamos a cabo un estudo anatomo-patolóxico e molecular moi detallado das rexións cerebrais e tipos de células que foron infectadas polo virus, sendo remarcable como o virus infecta maioritariamente neuronas de distintas áreas”, explica Javier Villadiego.

Unha vez establecido o patrón de infección no cerebro por parte do SARS-CoV-2, os investigadores avaliaron a eficacia da vacina fronte á covid-19 desenvolvida polo CNB-CSIC. Para iso, inmunizaron ratos cunha ou dúas dose da vacina MVA-CoV2-S, baseada no virus vaccinia modificado de Ankara (MVA) expresando a proteína da espícula (S) do SARS-CoV-2, e analizaron a capacidade de protección fronte á infección e o dano no cerebro.

“Os resultados obtidos foron espectaculares, demostrándose que mesmo a administración dunha soa dose da vacina MVA-CoV2-S evita completamente a infección do SARS-CoV-2 en todas as rexións cerebrais estudadas e prevén o dano cerebral asociado, mesmo despois dunha reinfección co virus, o que manifesta a gran eficacia e potencia inmunoxénica da vacina que induce unha inmunidade esterilizante no cerebro”, como indica Juan García Arriaza.

Estes resultados reforzan os datos previos de inmunoxenicidade e eficacia da vacina MVA-CoV2-S en varios modelos animais. “Demostraramos previamente nunha serie de publicacións que a vacina MVA-CoV2-S que desenvolvemos no CNB-CSIC induce en tres modelos animais (rato, hámster e macaco) unha potente resposta inmunolóxica de anticorpos de unión á proteína S do virus e de anticorpos neutralizantes fronte a distintas variantes de preocupación do virus, así como activación de linfocitos T, marcadores esenciais para o control da infección”, apunta Mariano Esteban, investigador do CNB-CSIC implicado no estudo.

Os resultados xerados teñen importantes implicacións a longo prazo para entender a infección causada polo SARS-CoV-2. “Os datos que obtivemos sobre a infección do SARS-CoV-2 no cerebro son compatibles coa patoloxía neurolóxica observada en pacientes con covid-19“, resalta José López Barneo, investigador do IBiS participante na publicación.

“O noso traballo é o primeiro estudo dunha vacina que ten un 100% de eficacia fronte ao dano cerebral producido polo SARS-CoV-2 nun rato susceptible, e os resultados obtidos suxiren fortemente que a vacina podería previr a covid-19 persistente observado en moitas persoas infectadas con SARS-CoV-2”, destaca Juan José Toledo Aral.

“Os datos achegados neste estudo con inhibición completa da replicación do SARS-CoV-2 no cerebro mediada pola vacina MVA-CoV2-S, xunto cos estudos previos publicados polo grupo e colaboradores sobre a inmunoxenicidade e eficacia da vacina fronte a distintas variantes do SARS-CoV-2, avalan a realización de ensaios clínicos de fase I con dita vacina ou prototipos similares para avaliar a súa seguridade e inmunoxenicidade“, subliñan os autores do estudo.


Referencia científica: Javier Villadiego, Juan García-Arriaza, Reposo Ramírez-Lorca, Roberto García-Swinburn, Daniel Cabello-Rivera, Alicia E. Rosales-Nieves, María I. Álvarez-Vergara, Fernando Cala-Fernández, Ernesto García-Roldán, Juan L. López-Ogáyar, Carmen Zamora, David Astorgano, Guillermo Albericio, Patricia Pérez, Ana M. Muñoz-Cabello, Alberto Pascual, Mariano Esteban, José López-Barneo & Juan José Toledo-Aral. Full protection from SARS-CoV-2 brain infection and damage in susceptible transgenic mice conferred by MVA-CoV2-S vaccine candidate. Nature Neuroscience. DOI: 10.1038/s41593-022-01242-

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.