Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson da USC, liderado por Jose Luis Labandeira. Foto: USC.

Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson da USC, liderado por Jose Luis Labandeira. Foto: USC.

Unha científica galega descobre novos mecanismos relacionados co Párkinson

A investigadora da USC María Alicia Costa Besada afonda na súa tese na comprensión das disfuncións mitocondriais que causan a doenza

A investigadora María Alicia Costa Besada, que traballa no grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson liderado polo profesor da USC Jose Luis Labandeira, acaba de presentar a súa tese de doutoramento, na que afonda na descrición de mecanismos que axudan a comprender o Párkinson. En concreto, a científica demostrou a existencia dos receptores de anxiotensina a nivel mitocondrial, e que modulan a función mitocondrial no sistema nervioso central. Ademais, a investigación tamén proba que estes receptores están implicados na disfunción mitocondrial e nos procesos intracelulares relacionados co envellecemento e a enfermidade do Párkinson.

María Alicia Costa Besada.

María Alicia Costa Besada.

O Párkinson é un trastorno neurodexenerativo que afecta o movemento das persoas. Prodúcese debido á perda ou dexeneración de neuronas situadas na substancia negra, unha estrutura que se atopa na parte media do cerebro. Esta perda provoca falta de dopamina, un neurotransmisor esencial para a función motora do organismo. Os enfermos adoitan sufrir tremores, rixidez muscular e problemas de equilibrio e coordinación. Trátase dunha enfermidade que prexudica o sistema nervioso de forma crónica e progresiva.

E precisamente unha das características da patoloxía é a disfunción mitocondrial; é dicir, o mal funcionamento das mitocondrias nas células do paciente. Un aspecto no que afonda a tese de María Alicia Costa. As mitocondrias son elementos da célula onde se produce a respiración celular para a produción de enerxía do corpo. Estudios previos demostraron que o sistema renina-anxiotensina, encargado da regulación da presión sanguínea, ten un papel fundamental a nivel cerebral no inicio e progresión da enfermidade do Párkinson.

A investigación describe como os receptores de anxiotensina están relacionados coas disfuncións mitocondriais

A investigación pon de manifesto que estes mesmos receptores de anxiotensina tamén están presentes no núcleo celular, e non só nas mitocondrias. Isto significa que cando os receptores se activan desencadean mecanismos que protexen a célula contra os efectos da anxiotensina extracelular. O problema é que, ao envellecer, perdemos este mecanismo protector, o que permite a aparición de patoloxías como o Párkinson.

Ademais, foron identificados novos compoñentes protectores coñecidos como anxiotensina 1-7 e o seu receptor nas áreas cerebrais implicadas na enfermidade do Párkinson, tanto en modelos animais como en células de pacientes.

En conclusión, os resultados desta tese doutoral demostran a necesidade de ter en conta o funcionamento do sistema renina-anxiotensina cerebral e o sistema renina-anxiotensina intracelular co obxectivo de deseñar novas estratexias terapéuticas para o tratamento da enfermidade do Párkinson.

Unha resposta a “Unha científica galega descobre novos mecanismos relacionados co Párkinson”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.