Sábado 20 Abril 2024

O 70% da superficie de Galicia supera o máximo legal de radón para evitar efectos canceríxenos

O limiar permitido pola lexislación laboral está en 300 becquerelios por metro cúbico, segundo informaron nun simposio celebrado en Santiago

O radón é un gas radioactivo froito da desintegración do radio e uranio presente en toda a cortiza terrestre, pero especialmente en zonas graníticas como Galicia. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é a segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco. Co obxectivo de analizar máis polo miúdo a situación, este martes celebrouse en Santiago de Compostela o I Simposio Nacional de Radón Laboral. Durante o congreso, os expertos informaron de que o 70% da superficie de Galicia supera os 300 becquerelios por metro cúbico, limiar máximo permitido na lexislación laboral para evitar os efectos canceríxenos deste gas.

Ao evento, organizado polo equipo do investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alberto Ruano, asistiron diversos profesionais do sector. No congreso debulláronse diferentes aspectos deste problema de saúde pública e as súas posibles solucións orientadas nesta ocasión ao ámbito laboral. Segundo a Directiva Europea 2013759/Euratom, o volume máximo por metro cúbico de gas radón no lugar de traballo non debe superar os 300 becquerelios. Con todo, a transposición desta norma ao ordenamento xurídico español tardou case 9 anos e entrará en vigor nun par de meses.

Publicidade

Ante ese baleiro, o grupo de investigación que lidera Ruano, a través do Laboratorio Radón de Galicia, levou a cabo un estudo no que se recollen medicións de máis de 3.000 postos de traballo en España e cuxas conclusións serán publicadas proximamente. Non hai que esquecer que segundo a OMS, a inhalación de gas radon é culpable de entre un 3% e un 14% dos cancros de pulmón. De feito, o propio Ruano nun artigo que el mesmo asinaba para The Conversation e do que se fixo eco GCiencia afirmaba o seguinte: “É sorprendente o pouco coñecemento que existe acerca deste gas por parte da poboación española. Como sorprende tamén a inacción da maior parte de administracións públicas deste país”.

Outros estudos

Na mesma liña de investigación e precisamente para dar resposta á necesidade de realizar medicións continuas nos postos de traballo, a doutoranda e tamén investigadora do IDIS Lucía Martín de Bernardo presentou ao final da segunda sesión do simposio RadónPro, unha ferramenta de software que permite controlar a exposición dos traballadores a gas radón e manter as doses de inhalación baixo as recomendacións sen a necesidade de utilizar dosímetros persoais. Este software é especialmente útil en empresas onde os postos de traballo se establezan en interiores, con elevado número de zonas de traballo e traballadores multizona.

A este simposio acudiron como relatores, expertos de diferentes ámbitos como Marta García Talavera, xefa de Área de Radiación Natural do Consello de Seguridade Nuclear; Luís Quindós, director do laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade de Cantabria; Irene Marín, Subdirectora Xeral para a Coordinación da Inspección do Sistema de Relacións Laborais; Heloisa Fonseca, investigadora de protección da radiación da Axencia Portuguesa de Ambiente; e Lucía Ferrón, do ISSGA, xunto a varios representantes da empresa privada, co catedrático en Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Barros como moderador.

1 comentario

  1. Este elemento en galego non é unha palabra aguda e, xa que logo, non leva acento.
    A forma correcta é radon

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 23% da poboación galega non sabe que o radon é canceríxeno

Un estudo da USC analiza a percepción social deste gas, que é a primeira causa de cancro de pulmón entre non fumadores

Hai relación entre o radon e os tumores cerebrais? Así o estuda un equipo galego

O investigador da USC Alberto Ruano lidera o proxecto Radonbrain para afondar nunha patoloxía "de causas fundamentalmente descoñecidas"

Os galegos, os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo

Un equipo da USC estudou a presenza deste gas en 3.100 centros laborais en España. O 89% están radicados en Galicia

Un estudo atopa exceso de radón nun terzo das aulas de Galicia e Portugal

Tomaron unha mostra de 416 habitacións e a superabundancia foi máis común nas áreas urbanas da Coruña (45%) e as zonas rurais de Lugo (30%)