Triaxe, temperatura e tempo: os tres ‘tes’ contra a Covid-19

A odontoloxía afronta co coronavirus un novo reto que xa viviu no pasado, con outras infeccións como o VIH ou a Hepatite C

As especies que sobreviven non son as máis fortes, nin as máis rápidas, nin as máis intelixentes; senón aquelas que se adaptan mellor ao cambio.

Esta afirmación atribúese a Charles Darwin e non podemos evitar vernos reflectidos como propia especie, como cultura, como pobo e, por último, como profesión.

Este novo virus, o SARS Cov-2, presenta un reto unha vez máis á profesión odontolóxica como fixeran, nos anos 80, o VIH e a Hepatite C.

“Pola súa elevada probabilidade de contaxio, a Hepatite C e o VIH obrigaron a mudar os procedementos clínicos normais daqueles anos e, inevitablemente, os protocolos establecidos de esterilización e desinfección”, lembra a doutora López Prieto, médica e odontóloga.

Este novo virus reta unha vez máis á profesión odontolóxica como fixeran nos anos 80 o VIH e a Hepatite C

Seguro que moitos lectores aínda se lembran dos vasos de cristal nas cuspideiras dos sillóns dentais ou as xiringas de cristal e as agullas non desbotables.

Aqueles foron retos que nos obrigaron a introducir cambios que xa temos aceptados como parte importante da nosa normalidade. Cambios que, xa daquela, supuxeron unha inversión económica moi importante en termos loxísticos. Como o resto de servizos sanitarios, as clínicas dentais déronlle a benvida ós materiais desbotables e aos procedementos estandarizados de esterilización como eixo da loita contra eses virus; agora semella que teremos que facer o propio co SARS Cov-19 e incorporar as modificacións axeitadas no noso día a día que minimicen as probabilidades de contaxio e contaminación cruzada nas nosas instalacións.

“Estamos a recuperar unha nova normalidade e, canto antes nos deamos de conta que existe a posibilidade de que teña chegado para ficar entre nós, mellor será para todos”, afirma o doutor Pardiñas Lopez, especialista en cirurxía oral.

É unha cuestión de responsabilidade social atopar as maneiras de, respectando os máis altos niveis de control para evitar a propagación dos contaxios, poder seguir proporcionando á poboación as atencións médico-dentais que precisa.

Se é ben certo que para todos nós a Covid-19 é unha novidade, a comunicación científica a nivel global está a ser exemplar e as organizacións médicas non deixan, dende o primeiro momento, de compartir as súas actualizacións sobre o coñecemento sobre o coronavirus e as maneiras de combatelo.

“No noso caso particular, ser a primeira clínica dental galega en cumprir cos esixentes requirimentos da norma ISO 9001 dende o ano 2003, fai que o procedemento de adaptación á nova normativa sexa un pouco menos traumático se cabe”, explica o Dr. Pardiñas.

“Os estándares de limpeza e desinfección que seguimos sempre son punteiros, polo que os maiores cambios que temos que adoitar son os correspondentes aos equipos de protección individual (EPIs) e á normativa que, dende as autoridades nacionais, autonómicas e locais ditan con respecto a aspectos administrativos como son o uso dos espazos comúns, o volume máximo de ocupación das instalacións, ou a obriga de atender unicamente a pacientes con cita previa”, engade Pardiñas.

Ese derradeiro punto é un dos tres detalles fundamentais para combater os contaxios fortuítos na nosa práctica diaria como odontólogos. Son os chamados 3T.

  • O primeiro T e de triaxe: é preciso manter uns criterios sólidos para discriminar a atención ou non dos pacientes, sostidos nunha serie de preguntas claras que rebaixen enormemente a posibilidade de que unha persoa contaxiada ou con unha alta sospeita de poder estalo vaia ser atendida na consulta, no medio de pacientes sans.
  • O segundo T é de temperatura: non se atenderán pacientes que teñan unha temperatura corporal maior de 37,5ºC, xa que é un signo suxestivo dunha viriase.
  • E o terceiro T é de tempo: procurarase que os pacientes pasen o menor tempo posible nas instalacións da clínica, se ben é certo que hai casos particulares nos que está recomendado concentrar tratamentos nunha única cita para reducir os desprazamentos do paciente á clínica dental e optimiza-las súas visitas.

“O risco de contraer a enfermidade nas nosas instalacións é case nulo”, remarca o doutor Pardiñas López

“Se a estes tres tes lles unimos as barreiras de protección persoal e interpersoal, as medidas de limpeza e desinfección avaliadas polos máis altos estándares, e a formación constante, disciplina, profesionalidade e compromiso de tódolos integrantes do grupo humano que formamos a Clínica Médico Dental Pardiñas, poden estar seguros de que o risco de contraer a enfermidade nas nosas instalacións é case nulo”, remarca o Dr. Pardiñas López.

Como colectivo, a odontoloxía sempre prestou especial atención á loita en contra das infeccións cruzadas e, desta volta, está preparado para asumir esa responsabilidade unha vez máis.

Os pacientes poden sentirse seguros se os seus dentistas reabren as súas clínicas; se non estivesen seguros de poder atallar a propagación dos contaxios, non o farían.

O único que deben facer é seguir as novas normas e indicacións que se lles dean con paciencia, sabendo que están feitas para proporcionarlle a mellor atención no entorno máis seguro posible.

Non se esquezan de que é moi posible que, como dixo Darwin, sobrevivimos porque nos adaptamos mellor ós cambios.

Fagámolo xuntos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.