Xoves 28 Marzo 2024

Os dez problemas dentais máis frecuentes

Unha das principais preocupacións dos profesionais médicos durante o estado de alarma debido á pandemia da Covid-19 foi a dos problemas de saúde non vinculados directamente co virus, pero que podían agravar outras patoloxías se non se reacciona a tempo. Tamén a saúde bucodental, vinculada aos hábitos desaconsellables que se poden adquirir no confinamento, corre risco de verse resentida. Dor de moas, sequidade na boca, mal alento… Por moito que se coide a hixiene e saúde oral, a boca é unha das partes do corpo humano que máis desgaste sofre, polo que é fácil desenvolver afeccións. E hai dez problemas bastante frecuentes que poden afectarnos:

1. A dor de moas

A propia linguaxe dá conta do habitual deste problema na sociedade. Un dor de moas é algo ou alguén que nos incomoda en exceso. E iso é precisamente o que provoca esta patoloxía dental. “Adoita indicar que existe unha carie, aínda que tamén podería ser debido a unha enfermidade das enxivas ou a un absceso dental, explica Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas. O absceso dental é unha infección causada por unha fractura no dente, unha carie ou a enfermidade periodontal, que permiten que as bacterias entren na polpa (o tecido interno do dente que contén nervios, vasos sanguíneos e tecido conectivo) e conduzan á súa morte.

Publicidade

O absceso dental: síntomas e tratamento

Ademais da dor de moas, o absceso dental pode provocar inchazón, arroibamento das enxivas, mal sabor de boca e mesmo febre. O tratamento desta afección dental depende da gravidade da infección, pero pode ser mediante antibióticos, drenaxe da infección, limpeza do espazo entre o dente e a enxiva ou a endodoncia.

2. A sensibilidade dental

A sensibilidade dental é unha molestia ou dor nos dentes causada polo contacto destes con determinado tipo de substancias ou pola temperatura destas substancias. “Nos dentes e nas enxivas sas, o esmalte e o cemento protexen, respectivamente, á dentina, unha capa interior que contén túbulos microscópicos”, explica Pardiñas. Pero se a dentina perde a protección do esmalte ou o cemento, estes túbulos permiten que a calor e o frío ou os alimentos ácidos ou pegañentos cheguen aos nervios e células dentro do dente, xerando sensibilidade.

Causas e tratamento da sensibilidade dental:

Son moitas as razóns que poden xerar unha sensibilidade dental e, por tanto, son moitos os tratamentos posibles. Entre as causas máis comúns están as caries, os dentes fracturados ou con fendas, o desgaste dun empaste ou do esmalte, e a enfermidade de enxivas ou a recesión da mesma. Entre as posibles solucións están as pastas de dentes desensibilizantes, o xel de flúor, obturación ou incrustación, o enxerto de enxiva ou a endodoncia.

3. O sangrado de enxivas

Unha boa parte da poboación padece de forma constante ou intermitente sangrados nas enxivas. “Se o sangrado é pequeno ou moi esporádico, non debería preocuparnos, pero se é algo frecuente ou excesivo require poñerlle remedio canto antes”, advirte Simón Pardiñas. Entre as causas máis comúns están:

Causas do sangrado das enxivas:

A) Xenxivite: a etapa máis temperá da enfermidade periodontal pode estar moi conectada co sangrado de enxivas.
B) O embarazo: en estreita conexión co anterior, algunhas mulleres embarazadas desenvolven unha xenxivite xestacional, con todas as consecuencias xa mencionadas.
C) A hixiene dental: un vasoirado demasiado intenso ou con cepillos moi duros pode provocar sangrado. Tamén pode causalo o empezar a usar o fío dental.
D) Os anticoagulantes: o uso deste tipo de medicación pode xerar sangrado de enxivas.

4. Chagas na boca

As chagas na boca son outro problema moi estendido na poboación. Segundo destacan os profesionais, os tipos de chagas varían na súa gravidade e causas, e inclúense aftas, herpes labial, leucoplasia e candidiase. As chagas poderían ser o síntoma dunha enfermidade sistémica; infección por bacterias, virus ou fungos ou como resultado de irritación causada por aparellos de ortodoncia, dentaduras postizas ou o bordo afiado dun dente roto ou empaste. É importante consultar co seu dentista e examinar calquera chaga que dure 14 días ou máis.

5. Halitose ou mal alento

A halitose ou mal alento é unha condición desagradable que pode provocar vergoña e problemas sociais. As causas deste problema poden variar, do mesmo xeito que os seus tratamentos.

Causas e tratamento do mal alento:

Entre as causas máis comúns da halitose atópanse:

a) A alimentación: determinado tipo de alimentos, sobre todo se a hixiene non é a axeitada, poden provocar halitose. Tamén causan mal alento algunhas dietas.
b) A enfermidade das enxivas: o mal alento pode ser outro dos signos desta enfermidade tan estendida.
c) A boca seca: a saliva axuda a manter a boca limpa, polo que se temos problemas neste sentido tamén podemos desenvolver halitose.
d) O tabaco: ademais de manchar os dentes e causar moitas enfermidades, o tabaco adoita xerar mal alento.
e) Condicións médicas: as infeccións sinusais ou pulmonares, a bronquite, a diabetes e algunhas enfermidades hepáticas ou renais poden estar asociadas á halitose.

Para solucionar o problema de mal alento, é fundamental levar unha boa hixiene bucal diaria, incluíndo colutorio, fío dental e a limpeza da lingua. Tamén son fundamentais as revisións no dentista e as limpezas profesionais.

6. Dor de mandíbula

Moitos adultos sofren dor crónica en mandíbula e cara. Algúns síntomas comúns son a molestia en ou ao redor do oído, sensibilidade da mandíbula, dor ao morder ou cefaleas.

Causas e tratamentos da dor de mandíbula

Non sempre é fácil determinar as causas desta dor, polo que se recomenda unha revisión exhaustiva por parte do dentista, que pode incluír radiografías. Entre as causas máis frecuentes están os problemas sinusais e dentais, a enfermidade periodontal, a infeccións, a artrite, o bruxismo e os problemas coa articulación temporomandibular.

Dependendo da orixe da dor, hai distintas opcións de tratamento que pasan pola férula bucal, os relaxantes musculares, exercicios específicos para a ATM, antiinflamatorios, antibióticos, endodoncia ou outros tratamentos para a carie, o tratamento periodontal e a extracción dental.

7. Boca seca

A boca seca, tamén chamada xerostomía, é o resultado dun fluxo inadecuado de saliva. “A saliva é a principal defensa da boca contra a carie dental, xa que esta degrada os alimentos e outros refugallos, neutraliza os ácidos producidos polas bacterias na boca e proporciona substancias que combaten enfermidades en toda a boca”, aclara Simón Pardiñas.

Problemas relacionados coa sequidade de boca:

Algúns dos problemas comúns asociados coa sequidade de boca inclúen a dor de gorxa costante, a sensación de ardor, dificultade para falar e/ou para tragar, a ronqueira e a sequidade  nas fosas nasais.

Nalgúns casos esta sequidade tamén pode ser un indicador da síndrome de Sjogren, un trastorno autoinmune crónico no que o sistema inmunitario do corpo ataca por erro as súas propias glándulas produtoras de saliva e bágoas, así como outros órganos.

8. Infección por piercings orais

Aínda que o uso de piercings orais é unha forma popular de autoexpresión e identidade. Porén, a outra realidade é que este tipo de elementos poden causar moitos problemas de saúde, especialmente na boca, advirten os expertos. Entre as afeccións máis frecuentes atópanse as infeccións que provocan, os danos nas enxivas e dentes por mordelos ou xogar con eles, a hipersensibilidade ou alerxia aos metais, o dano aos nervios tras a súa colocación, o exceso de salivación e os problemas na fala, mastigación e deglución.

Coidados e recomendacións para os piercings orais

Se xa ten piercings en beizos, fazulas ou lingua e quere mantelos, é fundamental ter un coidado especial para evitar os problemas mencionados. Para iso recomendamos manter unha hixiene especial, non movelo nin xogar con el, comprobar o seu estado frecuentemente, protexelo durante a práctica do deporte e consultar ao seu dentista ante calquera afección.

9. Dentes fracturados ou rotos

As roturas ou fendas nos dentes poden producirse por moi diversas razóns. “Aínda que estas lesións poden ser invisible a primeira ollada e mesmo a raios X, pode ser incriblemente dolorosa”, expón Simón Pardiñas. Entre os problemas máis comúns deste tipo están:

a) Dentes avulsionados: Se un dente definitivo resulta arrincado de raíz, mantéñao húmido en todo momento. Se non ten un produto específico para mantelo hidratado, tente colocalo no alvéolo sen tocar a raíz ou, polo menos, mantéñao entre a fazula e as enxivas e contacte co seu dentista.
b) Dentes fracturados: No caso de sofrir unha fractura dental, enxaugue inmediatamente a boca con auga morna para limpar a área. Poña compresas frías na cara para manter evitar calquera hinchazón.
c) Dentadas en lingua ou beizos: Ao morder a lingua ou o beizo bruscamente, límpea con auga e aplique unha compresa fría.
d) Restos entre os dentes: Para os restos atrancados entre os dentes, trate de quitalos suavemente con fío dental, pero nunca tente quitalo con instrumentos afiados.

Para evitar este tipo de problemas recoméndase o uso de protector bucal durante as actividades deportivas, e evitar mastigar elementos duros ou usar os dentes para cortar cousas.

10. Manchas nos dentes

Co tempo, os dentes poden mancharse e cambiar de cor, provocado, xeralmente, por determinados tipos de alimentación, ao tabaco, o envellecementos, lesións ou golpes, o uso de determinados medicamentos e a unha cuestión xenética.

Branqueo dental, unha solución aos dentes manchados:

Para branquexar os dentes ou recuperar polo menos o seu brillo orixinal, existen distintas opcións de branqueo que poden ser domésticos ou en profesionais. O seu dentista daralle a mellor opción:

a) Branqueo en clínica: o dentista aplicaralle un axente branquexador aos dentes e podería utilizar unha luz especial ou láseres para mellorar o resultado.
b) Branqueo na casa: os branquexadores que conteñen peróxido en realidade branquean o esmalte dental. Adoitan vir nun xel e colócanse nunha férula bucal.
c) Pastas dentais branqueadoras: este tipo de pastas teñen axentes químicos ou elementos especiais que proporcionan eficacia adicional á eliminación de manchas.

Hai que ter en conta que, nalgúns casos, os tratamentos de branqueo non corrixen todos os tipos de perdas de cor. Se ten empastes, o branquexador non afectará a cor destes materiais, polo cal poden destacar no seu sorriso recentemente branquexado, e pode ser necesario ter que modificar eses empastes. Existen tamén outros procedementos cosméticos máis invasivos como as facetas ou coroas de porcelana ou resina.

Como comentabamos ao principio do artigo, estas son as dez afeccións e problemas bucodentais máis frecuentes. As causas e, por tanto, tratamentos de todas elas son diversas, aínda que a boa hixiene dental e as revisións continuas por parte do dentista sempre axudan a combater estas complicacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pouca coñecida relación entre a boca e a saúde mental

As persoas con depresión, trastornos da conduta alimentaria, esquizofrenia ou autismo teñen peor saúde bucodental

Carie: os dentes non só caen se abusamos do azucre

A enfermidade periodontal tamén causa a perda de pezas dentais e pode producir por unha mala hixiene oral e o abuso de alimentos ricos en azucres

Os riscos do ‘piercing’ na boca e como evitalos

Este tipo de perforacións están de moda, pero non son inofensivas, poden causar numerosas complicacións e lesións

Un estudo busca atopar a relación entre e a saúde bucodental e a do resto do corpo

A Fundación Clínica Pardiñas busca pacientes con periodontite para participar nun traballo sobre a eficacia de diferentes enxaugues bucais para a súa prevención