A ortodoncia é un recurso ás veces estético, pero que tamén pode previr algunhas patoloxías. Imaxe: Clínica Pardiñas.
A ortodoncia é un recurso ás veces estético, pero que tamén pode previr algunhas patoloxías. Imaxe: Clínica Pardiñas.

Ortodoncia: as claves para frear a tempo un problema que non fica na boca

Os tratamentos para conseguir unha correcta oclusión nos dentes teñen obxectivos non só estéticos, senón tamén de saúde

Adoitan asociarse os tratamentos ortodóncicos a cuestións meramente estéticas, para corrixir a posición das pezas dentais na boca. Mais o asunto non se cingue só a isto. De non corrixirse, a mala aliñación dos dentes pode acelerar a aparición de problemas que repercuten na saúde alén da cavidade bucodental. “Hai outras razóns para realizar un tratamento de ortodoncia, aínda que o motivo fundamental que se demanda é normalmente o estético”, expón Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas. O odontólogo responde aquí a dúbidas e preguntas frecuentes sobre estes tratamentos.

Cales son as causas dos problemas ortodóncicos?

Un problema ortodóncico prodúcese cando hai unha falta de oclusión axeitada. Algúns exemplos destas situacións poden ser os dentes que faltan, máis dentes dos normais, maxilares non aliñados, ou dentes que non crecen rectos.

A maioría das faltas de oclusión hérdanse, aínda que tamén se poden adquirir. As faltas de oclusión adquiridas poden ser causadas por accidentes, perda temperá ou tardía dos dentes de leite, ou succión de dedos durante un tempo prolongado.

Por que é necesario acometer o tratamento?

Alén dos motivos estéticos, hai importantes razóns de saúde. Por exemplo, en caso de amontoamento dentario, para evitar ter unha menor susceptibilidade ante a carie, no caso de dentes protuídos para evitar traumatismos, para evitar agravar problemas periodontais, evitar problemas dixestivos por non poder realizar unha boa mastigación e deglutición no caso de maloclusións importantes, ou para que non se xeren ou perpetúen problemas articulares ou musculares na articulación temporomandibular, que poden acabar estendéndose.

Cal é entón o obxectivo dun tratamento ortodóntico?

O fundamental é conseguir unha correcta oclusión. En contra do que xeralmente se demanda, nunha consulta de ortodoncia a estética non é o obxectivo fundamental para o ortodoncista, senón conseguir unha boa funcionalidade. De calquera maneira, ao conseguir unha boa oclusión, a estética xeralmente vai parella.

Como se corrixen os problemas ortodóncicos?

En primeiro lugar, realízanse anotacións previas ao tratamento. Estas anotacións son ferramentas importantes para o ortodoncista para realizar un diagnóstico seguro. Deben incluír a historia médica e dental do paciente, un exame clínico, fotografías, radiografías da boca e os dentes, e un molde de xeso dos dentes. Esta información usarase para decidir o mellor tratamento. Normalmente trázase un tratamento adaptado a cada caso e constrúese o dispositivo ou aparello apropiado. Hai moitos tipos de aparellos que se poden usar.

Cando se coloca o aparello ortodóncico comeza a fase de “tratamento activo”. Os aparellos axústanse periodicamente para asegurar que os dentes se moven na dirección correcta e de forma eficiente.

O tempo necesario para o tratamento ortodóncico varía para cada persoa. Un factor importante para a duración do tratamento é o ben que o paciente coopere durante o tratamento, é dicir se segue todas as instrucións entregadas polo ortodoncista.

A que idade se pode comezar coa ortodoncia?

O proceso biolóxico implicado en mover os dentes é o mesmo para calquera idade. Tanto os nenos como os adultos pódense beneficiar dos tratamentos ortodóncicos. Recoméndase que todos os nenos reciban unha avaliación ortodóncica cando teñen ao redor de sete anos. Existen casos onde hai que facer unha tratamento previo a estas idades, e outros onde é máis conveniente empezar cando xa teñan todas as pezas definitivas na boca (aos 11-13 anos). Como os ósos dos adultos xa non medran máis, certas correccións ás veces non se poden realizar unicamente mediante aparellos ortodóncicos.

En que consiste a preortodoncia?

É un tratamento que hai que realizar en idades temperás cando se identifican determinados problemas na dentición de leite, como poda ser, por exemplo, unha mordida cruzada ou outros problemas oclusais que xustifiquen actuar sobre eles para evitar maiores problemas no futuro. Nestes casos hai que intentar realizar un tratamento para guiar da mellor maneira posible a forma de morder. Unha vez completada a erupción das pezas definitivas, e nunha segunda fase, faríase a ortodoncia convencional.

Existe algunha limitación para realizar unha ortodoncia?

Si. Así como o implantólogo necesita dunha certa cantidade e calidade de óso, o ortodoncista tamén necesita unhas proporcións adecuadas dos ósos maxilares nos tres planos do espazo. O maxilar superior e inferior deben ter unhas proporcións dentro duns parámetros determinados. Na ortodoncia non só hai que fixarse nos dentes, os ósos onde asentan as raíces son fundamentais.

Que ocorre cando non se dan esas proporcións?

Cando estas proporcións óseas están claramente fóra da norma, o ortodoncista pode aliñar os dentes pero logo non poderá conseguir unha boa mordida. Non poderá coincidir perfectamente esas dúas arcadas entre si. Nestes casos, para solucionar adecuadamente o problema, necesitarase un tratamento multidisciplinar. Previo diagnóstico do ortodoncista e tratamiento conxunto co cirurxián maxilofacial, realizarase a cirurxía ortognática necesaria a cada caso, co obxectivo de facer coincidir ambas arcadas, dando o ortodoncista os axustes finais a esa oclusión.

Cada vez hai maior demanda de ortodoncia en persoas adultas. Hai algunha contraindicación?

Ningunha distinta á que se poda dar nun adolescente. Basicamente, o tratamento é o mesmo, se ben poden existir máis limitacións, sobre todo porque pode haber unha ausencia de pezas ou por unha enfermidade periodontal máis ou menos establecida, o cal implica a corrección, xeralmente previa, desa enfermidade periodontal. Do mesmo xeito, poden ser necesarios tratamentos adicionais como implantes dentais ou próteses fixas para que o tratamento rehabilitador oclusal, que é o obxectivo último dunha boa ortodoncia, sexa óptimo.

Existen aparellos ortodóncicos que se noten menos?

Os aparellos ortodóncicos da actualidade nótanse, por regra xeral, moito menos cós de hai uns anos. Os brackets (a parte do aparello que suxeita os arames) están pegados á parte frontal do dente. Os arames na actualidade fanse de materiais avanzados que exercen unha presión constante no dente, conseguindo un proceso de movemento máis rápido e máis cómodo para os pacientes.

Canto tempo dura o tratamento ortodóncico?

Ainda que o tempo medio de tratamento é de 12-18 meses, isto varía para cada paciente. Outros factores a ter en conta son a gravidade do problema, a saúde do dente, enxivas e ósos, e como cumpra paciente as indicacións do ortodoncista. Aínda que o tratamento ortodóncico require un compromiso temporal, a maioría dos pacientes cren que os beneficios compensan o tempo investido.

Como cepillarse os dentes ao ter o aparello posto?

Unha vez cun aparello ortodóncico, o cepillado necesitará un poco máis de tempo e de pericia porque ao levar brackets existen máis recunchos onde se acumula con máis facilidade a placa dental.

Pódese colocar ortodoncia se faltan dentes?

Si, é totalmente posible, pero fai que o tratamento sexa máis complexo, ben pola dificultade á hora de montar o aparello ortodóncico en determinadas rexións, ou pola propia dificultade de estabilizar algúns dentes para mover outros, a denominada ancoraxe ortodóncico. Unha das solucións que traballamos na Clínica Médico Dental Pardiñas é xustamente o uso das ancoraxes esqueléticos, en especial as miniplacas, para controlar os movementos dentarios e anular os efectos colaterais, facendo a mecánica máis eficiente compensando a falta dalgúns dentes. Ademais, traballamos con alta tecnoloxía para realizar simulacións dos tratamentos en software de última xeración e poder definir o posicionamento dalgúns implantes, antes mesmo de iniciar o tratamento ortodóncico, o que se coñece como Planificación Inversa en Ortodoncia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.