Xoves 28 Marzo 2024

Implantes dentais: como funcionan e como se fan?

O proceso de substituír a raíz natural por un implante no que se asentará o novo dente é complexo e require dun estudo ao detalle de cada caso

“Unha cousa son os implantes e outra son os dentes”, aclara Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas. Estas pezas, ao contrario do que se adoita crer, correspóndense cos aditamentos de titanio, xeralmente cilíndricos, que se ancoran no óso dos maxilares, coa función de crear unhas raíces nas que asentar posteriormente os dentes.

Ao tratarse de estruturas non naturais para o organismo, a tarefa dos profesionais da saúde bucodental é a de garantir a correcta adaptación do implante e o seu dente correspondente na cavidade bucal. “Esta conexión dente-implante pode ser aparafusada ou cementada”, explica Simón Pardiñas. “Se falta un só dente colócase un implante e o seu dente correspondente; pero se faltan moitos ou toda unha arcada completa, non se necesitan tantos implantes como dentes, pois poden substituírse, por exemplo, doce dentes con só seis implantes, actuando estes a modo de alicerces de ponte, como cando se fai unha ponte fixa apoiada en dentes naturais”, engade.

Publicidade

Alén disto, “a partir de aquí, todo funciona de maneira distinta”, continúa o director da Clínica Médico Dental Pardiñas. “A natureza dota aos dentes dun sistema de amortecemento contra impactos, e entre os alveolos e as raíces existe un ligamento periodontal que cumpre a función amortecedora coma se fose unha articulación coa súa cartilaxe e líquido sinovial”. Así, non existe unha unión íntima entre raíz do dente e o óso. Os implantes colocados no óso, aínda que funcionan como ‘raíces’ non teñen ese ligamento periodontal, senón que acaban integrándose perfectamente co óso, é dicir, que se soldan literalmente con el, de aí o termo ‘osteointegrados’. Por tanto, os dentes apoiados sobre implantes non dispoñen dese colchón, co cal a sensación de presión á hora de morder non existe.

O ligamento periodontal do dente natural permítenos notar a presión e a forza que exercemos ao mastigar, grazas a uns propioceptores que hai no seu interior. Unha boca rehabilitada con implantes ten que ‘aprender’ de novo a controlar a presión. É importante ao principio ter a precaución de non forzar demasiado a mandíbula, debido a que se poden facer forzas enormes sen darnos conta. “A natureza é moi sabia e aínda falta bastante percorrido para poder substituíla de maneira plena”, resume Simón Pardiñas.

Como se leva a cabo o tratamento con implantes dentais?

En cada caso realízase un estudo personalizado, valorando a anchura, altura e calidade do óso, o espazo entre dentes veciños, a oclusión, a liña de sorriso, o estado das enxivas, etc. e procédese á colocación dos implantes.

O paciente debe saber que existen moitos tipos de implantes con distintas calidades e custos, aínda que as técnicas de inserción son similares. Os implantes deben quedar ancorados no óso de tal maneira que as pezas dentais que van ir sobre eles poidan asentar correctamente en relación cos dentes veciños e os antagonistas, e poidan ser harmónicos co conxunto do rostro. Hai varias técnicas de inserción dos implantes no óso maxilar. A máis clásica consiste en facer uns pequenos orificios exactamente no lugar onde se prevé que van ir os futuros dentes.

Empézase cunha pequena fresa para marcar o lugar de colocación. A continuación, vaise pasando unha serie de fresas de menor a maior diámetro para, aos poucos, chegar a un diámetro lixeiramente inferior ao do implante. Finalmente colócase o implante a moi baixas revolucións. “Previamente temos previstos a lonxitude e o diámetro do implante en función do óso dispoñible”, aclara Pardiñas.

Unha vez colocado e asentado na posición correcta, pódese colocar un parafuso de peche e suturar a enxiva por enriba. Neste caso hai que facer unha pequena intervención posterior ao cabo de 2-4 meses para poder acceder á cabeza do implante.

En lugar do parafuso de peche, é posible colocar xa un alicerce de cicatrización, deixando que este emerxa a través da enxiva. Neste caso evítase a segunda cirurxía, aínda que cada opción ten as súas indicacións.

“O paciente candidato a implantes debe de saber que a súa boca é especial. Non hai dous ósos iguais, e mesmo dentro da mesma boca hai moitas rexións anatómicas que nada teñen que ver entre sí”, salienta o director da Clínica Pardiñas, que conclúe: “O profesional competente sabe moi ben que, aínda que aplique protocolos similares, o caso no que traballa é único”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os riscos do ‘piercing’ na boca e como evitalos

Este tipo de perforacións están de moda, pero non son inofensivas, poden causar numerosas complicacións e lesións

Un estudo busca atopar a relación entre e a saúde bucodental e a do resto do corpo

A Fundación Clínica Pardiñas busca pacientes con periodontite para participar nun traballo sobre a eficacia de diferentes enxaugues bucais para a súa prevención

Un investigador da USC deseña un sistema para calcular idade e sexo en radiografías dentais

A tese doutoral de Nicolás Vila basease nunha metodoloxía de alta precisión e de fácil implantación que reduce os tempos e usa a intelixencia artificial

Que causa a perda de esmalte? Tipos e tratamentos do desgaste dental

A perda da estrutura dental máis externa, que tamén provoca a caída dos dentes, pode ter varias causas, así como solucións acordes a estas