Xoves 28 Marzo 2024

Pontevedra, terra castrexa

A riqueza dos xacementos arqueolóxicos galaico-romanos existentes na provincia de Pontevedra convértena nun lugar privilexiado para todos aqueles interesados en profundar nunha etapa da historia decisiva para a definición da Galicia actual. Tanto turistas como os propios cidadáns galegos poderán atopar nestes espazos o rastro dunha historia apaixonante e, ademais, atoparán unhas magníficas localizacións naturais que contribúen a facer aínda maior o atractivo destes espazos.

Máis aló do xacemento máis coñecido, situado en Santa Trega, a enorme diversidade de espazos existentes convidan a descubrir un mundo aínda moi descoñecido e fascinante que esconde moitas claves para profundar no pasado e tamén para explicar o presente. Quen se achegue a coñecelos e trate de responder algunhas das preguntas que nos fan, aínda que sexa sen palabras, acabará por descubrir un novo mundo de coñecemento con posibilidades practicamente infinitas.

Publicidade

Castro de Alobre (Vilagarcía)
Castro de Alobre (Vilagarcía)

A Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento asinaron un acordo en marzo de 2015 que ten como obxectivo a posta en valor deste patrimonio. Trátase de apostar por converter a estes espazos en instrumentos de dinamización socioeconómica, cultural e turística. O programa integral inclúe desde labores de limpeza, mantemento e escavación a actividades de promoción, creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D.

A Deputación encárgase de realizar os labores de limpeza e recuperación dos xacementos, mentres que o Ministerio de Fomento ocúpase da restauración, sinalización e musealización. Para esta última tarefa convocouse un concurso público de ideas, con xurado e premios.

A recuperación dos xacementos vai permitir mellorar a comprensión da dinámica socioeconómica de Galicia na antigüidade, así como ofrecer unha explicación da articulación territorial que permanece desde a Idade do Ferro ata a época tardorromana. Tamén se pretende contribuír á ampliación da oferta turística, tanto á desestacionalización como á captación de novos turistas potenciais, especialmente estranxeiros, a través dunha oferta cultura innovadora.

Rafael Rodríguez, responsable de departamento de Arqueoloxía da Deputación, apunta que na provincia de Pontevedra atópanse algúns dos xacementos máis singulares da Idade do Ferro de todo o noroeste peninsular. “Non só hai castros senón que tamén poden verse construcións doutro tipo que van permitir aos visitantes darse conta da gran complexidade que supuxo o desenvolvemento da Idade de Hierro ao longo deste territorio”, explica.

O gran asentamento de Santa Tegra, a factoría de salgadura do castro da Lanzada, o santuario situado no monte de O Facho, a pequena comunidade agrícola de Castrolandín ou os castros vinculados ao mar como o de Alobre en Vilagarcía son un claro expoñente da diversidade que podemos atopar nos asentamentos repartidos pola provincia. “Temos unha pequena enciclopedia sobre os castros na provincia”, indica Rodríguez.

Entre os achados que se puideron atopar durante as escavacións e investigacións realizadas recentemente destacan os importantes restos humanos atopados no castro da Lanzada. Estes descubrimentos están a achegar novos datos sobre un asentamento que, debido á súa privilexiada localización, esperta un gran interese turístico. A aparición de restos de ósos de nenos e doutros habitantes do castro en distintas épocas están a permitir coñecer novos detalles sobre os poboadores dun lugar que foi un importante centro comercial e que tiña como unha das súas principais singularidades o contar cunha factoría de salgadura, cuxos restos poden aínda verse na actualidade.

As investigacións na Lanzada achegaron moita información sobre a Idade do Ferro

As investigacións realizadas na Lanzada achegaron moita información para coñecer máis detalles sobre o mundo da Idade do Ferro no noroeste. Entre os máis importantes hai que destacar os relativos ao comercio xa que se documentaron materiais de diversos puntos do Mediterráneo, desde a actual Palestina pasando por Italia e Tunes. Isto permítenos concluír que o noroeste non era un “finis terrae” senón que estaba inmerso nos circuítos comerciais do momento.

Rodríguez tamén apunta que as últimas investigacións realizadas revelan que Santa Trega, o castro máis visitado e máis emblemático de Galicia, era un asentamento moito máis complexo do que se pensaba e tivo un percorrido cronolóxico maior do que inicialmente se pensaba, de forma que estivo ocupado desde o século IV a.C ao II d.C. Hai que lembrar que nun período de preto de catro séculos a partir do II a.C, Santa Trega foi o maior punto de concentración de persoas da provincia.

CASTRO DA LANZADA

Pero máis aló dos descubrimentos que afectan os castros máis famosos, tamén se fixeron achados importantes noutros que aínda non son tan coñecidos por turistas e veciños. Como exemplo, Rafael Rodríguez sinala o castro de Alobre, en Vilagarcía onde pode percibirse con gran claridade a ocupación dun asentamento deste tipo en época romana. “Neste castro descubriuse un gran concheiro que nos permite achegarnos aos hábitos alimenticios dos seus habitantes e a explotación do mar que realizaban. Ademais, apareceron pezas que mostran a existencia de intercambios culturais co Mediterráneo”, indica o arqueólogo.

Documentación e paneis explicativos

Os traballos que veñen realizando nos xacementos van máis aló do descubrimento de novas materiais ou construcións. “As escavacións tamén nos están permitindo aclarar lagoas de coñecemento sobre a Idade do Ferro e a época romana na provincia”, asegura Rafael Rodríguez. Os contactos co mundo romano e o púnico permitiron, por exemplo, avanzar no desenvolvemento da agricultura na contorna dos asentamentos.

O traballo de campo tamén está a servir para completar unha documentación sobre os asentamentos que ata agora non era tan extensa. Ademais, está a realizarse un rexistro dixital en 3D das construcións existentes nos castros que permitirán realizar simulacións en 3D para reconstruír unha vivenda ou recrear a vida cotiá dos poboadores dos castros. Desta forma, turistas e visitantes en xeral poderán ter unha experiencia moito máis interactiva durante as súas visitas aos espazos nos que se atopan os asentamentos.

Rodríguez apunta que outro dos aspectos que se van a mellorar e actualizar son os carteis explicativos que existen nos castros, xa que moitos deles están anticuados e as investigacións realizadas nos últimos anos permitirán engadir moitos datos que poden resultar de interese para os visitantes. “O obxectivo final é achegar recursos aos xacementos para que visitar os mesmos sexa unha opción imprescindible”, conclúe Rodríguez.

Para completar a experiencia que supón a visita aos asentamentos, os turistas e visitantes poden acceder á gran colección de materiais procedentes destes lugares coa que conta o Museo de Pontevedra. Alí pódense atopar pezas de cerámica, ourivaría, armas e outros elementos da Idade de Bronce, a Idade do Ferro ou a romanización que completan a amplísima oferta existente na provincia para achegarnos ao coñecemento sobre uns poboadores que deixaron un importante pouso cultural e social no noroeste peninsular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra
00:57:23

“En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”

A primeira actividade do ciclo 'Ciencia en feminino' analiza as vocacións científicas e como mantelas pese aos obstáculos por ser muller
00:57:23

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. As vocacións científicas

A bióloga Alicia L. Bruzos, a enxeñeira espacial Uxía García Luis e a paleontóloga Blanca Moncunill Solé falan da súa experiencia como mulleres de ciencia