Xoves 28 Marzo 2024

Nanotecnoloxía para a prevención do alzhéimer

Sara Pérez Seijo | Universidade de Santiago de Compostela

Rafael ten 72 anos e dende hai tres meses ten un novo compañeiro de vida. Unha visita ao médico delatouno. Esquecer os nomes, a comida do día anterior ou mesmo as anécdotas pasadas que contara mil veces aos netos. Todo isto tiña unha causa xustificada: o alzhéimer estaba matando as súas células cerebrais. As vítimas desta enfermidade non son unha minoría. Millóns de persoas en todo o mundo sofren o fado desta patoloxía, a primeira causa de demencia no adulto. Só en Europa, o alzhéimer afecta a máis de cinco millóns de persoas cada ano. No entanto, aínda non hai tratamentos eficaces. O alzhéimer só desemboca no esquecemento mental e na dependencia persoal.

O Grupo de Neurociencias Clínicas e Investigacións Sanitarias (IDIS), en estreita relación ca Universidade de Santiago de Compostela, puido ter atopado a chave do avance contra esta enfermidade. O freo ao esquecemento o queren poñer co proxecto europeo PANA, cuxo fin é detectar cinco anos antes a sintomatoloxía do alzhéimer mediante nanotecnoloxía. “Sen a diagnose precoz, ningún tratamento vai ser eficaz”, explica Tomás Sobrino, coordinador da investigación.

Publicidade

‘Sen a diagnose precoz, ningún tratamento vai ser eficaz’, explica Sobrino

Os fármacos actuais contra as secuelas do alzhéimer son ineficaces na meirande parte dos casos. A causa reside no momento de aplicación. Adóitase chegar tarde, cando “o 80% do tecido cerebral xa está morto”, argumenta. Porén, o que pretende PANA é desenvolver novas ferramentas que, grazas á diagnose precoz, permitan retardar o inicio da patoloxía. Falan dunha marxe de cinco anos, un lustro máis de envellecemento activo para a poboación. Se o proxecto logra alcanzar esta meta, habería unha redución dun millón e medio de novos casos anuais en Europa. Unha verdadeira vitoria.

Nesta loita a protagonista é a nanotecnoloxía. O fin é “administrarlle ao paciente, vía intravenosa, unhas nanoestruturas que selectivamente van ir ao biomarcador precoz do alzhéimer”, conta Sobrino. É unha substancia que poderá ser detectada no organismo tanto por resonancia magnética como por un tomógrafo de emisión de positróns (PET). E, a través disto, poderase determinar se o paciente ten altas posibilidades de ser vítima da enfermidade.

O proxecto dispón de cinco anos e 7,8 millóns para achegar resultados

É importante sinalar que as nanoestruturas son teranósticas, o que implica que, máis alá da diagnose coas sondas de imaxe, “permiten tamén albergar no seu interior fármacos”, confesa o líder do proxecto PANA. A vantaxe é notoria, pois “así poderíamos focalizar o tratamento onde queremos precisamente que actúe”, engade. O medicamento está en fase de estudo farmacéutico nestes momentos. Tras as probas en animais, os resultados determinarán se “administrando o fármaco nestas nanoestruturas, teñen unha maior eficacia en modelos preclínicos da enfermidade”, relata. Se os efectos son positivos, entón pasaríase á fase clínica.

Mais aplicarlle as nanoestruturas a toda a poboación sospeitosa de padecer alzhéimer non é viable. Ante isto, PANA vai desenvolver tamén un test de inmunodiagnose de screening a nivel poboacional. A proba é sinxela, similar ás das análises de sangue. Permitirá detectar as pegadas da patoloxía xa que o biomarcador disporá dunha fracción soluble que se poderá liberar ao torrente sanguíneo ou ao líquido cefalorraquídeo. “O test aplicarase á poboación sospeitosa de ter a enfermidade para que, se dan valores máis elevados dos normais, nos poña en alarma e así pasemos á fase das nanoestruturas”, explicar Tomás Sobrino.

PANA comezou a súa andaina contra o alzhéimer o 1 de marzo deste mesmo ano 2016. Mais os recursos e tempo son limitados. Dispón de cinco anos e 7,8 millóns de euros para desenvolver novas ferramentas para a diagnose e tratamento precoz da enfermidade. Se o logra, mellorará a calidade de vida de milleiros de persoas mentres envellecen.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217