Xoves 28 Marzo 2024

Augas Santas, luz científica sobre unha lenda cristiá

Silvia Troncoso / Universidade de Santiago de Compostela

Hai unha lenda cristiá que está moi presente na vida dos habitantes de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz. O interese arqueolóxico radica en que o escenario da historia está composto de elementos castrexos e románicos presentes na paisaxe real do pobo. Isto permitiu que a historia calase na memoria da xente e se asentara ata chegar a hoxe en día. Mariña, a Santa mártir, é a protagonista que fixo posible a cristianización en Augas Santas e lle deu o seu nome. Entendemos por cristianización o proceso mediante o cal unha sociedade abandona o politeísmo en favor do monoteísmo, neste caso o Deus cristián.Existían diversas técnicas de cristianización que ían dende a imposición violenta (derrubamento de edificios pagáns, dominación de pobos, queima de bruxas…) ata formas moito máis sofisticadas como a introdución de novas coordenadas de pensamento de xeito paulatino. Neste caso a paisaxe foi un elemento clave que permitiu embeber do pensamento cristián a tradición.

Plano general de la sauna

A lenda sitúa cada episodio da vida e martirio de Mariña en lugares recoñecibles de Augas Santas. Marco García Quintela, catedrático en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, explica que dende a Antigüidade e ata Idade Moderna os especialistas en retórica sabían que para memorizar os seus discursos era moi útil ligalos a imaxes espaciais. Cada argumento vencellábase cun espazo e ao rememoralo a narrativa tamén se recordaba. Este ten moitas aplicacións en estudios culturais e, no caso de Augas Santas, implica que a presenza física dos sitios onde se sitúan episodios da historia de Mariña sexan garantía da súa conservación.

Publicidade

A historia está tan presente no imaxinario da zona que a maioría dos veciños son capaces de contar o martirio sen ter lido ningún texto orixinal. Foi a partir do século XVI cando diversos eruditos recollen parcialmente a historia de Mariña. Pero o texto de referencia que recolle detalladamente a lenda atópase en Vida de Santa Mariña, obra do ano 1719, escrita polo bispo de Ourense, Juan Muñoz de la Cueva.Todos os elementos vencellados a Santa Mariña pódense ver e tocar. Non só son parte da historia dun libro, senón que son parte da vida cotiá dos veciños. A Basílica da Ascensión, tamén chamada Forno da Santa, é un claro exemplo disto. Trátase dunha estrutura con dúas partes diferenciadas: unha igrexa inacabada do século XIV, ao nivel do chan, e unha cripta subterránea que era orixinalmente unha sauna castrexa. Segundo a lenda, Mariña foi encerrada no forno da sauna sentenciada a ser queimada viva, pero o lume non lle afectaba.

A cripta subterránea era en realidade unha sauna castrexa

Pódese trazar un paralelismo entre o martirio que sufriu Mariña e os sistemas de funcionamento dunha sauna. O que na sauna é auga que se quenta ata converterse en vapor, na lenda é Mariña condenada á queima nos fornos. Isto faise patente tamén na reminiscencia etimolóxica á auga presente no nome de Mariña (nacida do mar). Esta readaptación do uso dun elemento pagán e unha manifestación do proceso de cristianización, que busca novos sentidos para antigas realidades.

O desafío das investigacións levadas a cabo é rastrexar o momento no que xurdiu a lenda. Tratase de determinar a orixe dunha tradición a través do estudio arqueolóxico. Unha figura histórica clave no proceso de cristianización en Augas Santas foi, Hidacio, bispo de Chaves (400-470 d.C.). Marco García Quintela sostén a hipótese de que puido ser el quen introduciu nos fieis a lenda de Santa Mariña como preparación espiritual para a apocalipse, a cal pensaba que era inminente. É posible que os seus sucesores, conscientes de que o mundo non ía rematar, emprendesen as primeiras reformas dos lugares relacionados con Santa Mariña coa pretensión de que a lenda perdurase.Polo tanto, dedúcese que a orixe da lenda sitúase no lapso entre a morte de Hidacio (470) e a primeira remodelación da sauna de Augas Santas en honor a Mariña cara a metade do século VI.

Basílica Alto Medieval

As accións emprendidas tiñan por finalidade establecer a data desta primeira intervención. Os estudos centráronse na, xa citada, Basílica da Ascensión. A principios do século XX leváronse a cabo na edificación varios traballos arqueolóxicos que non lograron concretar a utilidade orixinal do forno situado na cripta subterránea. O INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) retomou as investigacións arqueolóxicas sobre a Basílica co comezo do novo milenio.Actualmente seguen abertas as labores de investigación, xa puido descifrar cal foi a evolución da basílica e cal é a relación destes cambios coa lenda.

Para comprender a evolución da Basílica da Ascensión, o equipo do INCIPIT, dirixido por Rebeca Blanco Rotea, elaborou unha documentación xeométrica do elemento arquitectónico. Este proceso comeza co emprego dun escáner tridimensional composto dun medidor láser e unha cámara. O láser sitúase en distintos lugares apuntando á estrutura, de xeito que rebota cos obstáculos, e rexistra con precisión tódalas molduras e xuntas que compoñen a construción. Este rexistro permite realizar un bosquexo tridimensional de tódolos contornos do edificio. A este traballo debe sumarse unha fase de documentación sobre a evolución estilística do lugar (ornamentos dos arcos, das columnas…) de xeito que se poidan intuír as correntes artísticas, e consecuentemente, o momento histórico.

Incipit e as universidades da Coruña e Santiago colaboraron neste gran estudo

A seguinte fase consiste nunha análise dos datos co obxectivo de determinar os lugares onde extraer mostras de argamasa que se empregaba como equivalente ao actual cemento. Estas mostras tómanse para poder precisar as datas nas que se realizaron os cambios na estrutura. As datacións dos morteiros foron feitas a través dun sistema chamado Luminescencia Opticamente Estimulada (OSL). A OSL consiste na medición da carga radioactiva contida nos electróns do cuarzo das argamasas. O encargado desta labor foi Jorge Sanjurjo Sánchez, do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade de A Coruña. A elección da OSL fronte a outras técnicas de datación como o Carbono-14, radica no feito de que este último determinaría a idade do material orgánico pero non o seu momento de fusión coas paredes da basílica.

Tras realizar a documentación xeométrica e facer as datacións, púidose concretar o inicio das intervencións cristiás na Basílica no ano 540, d. C., tendo en conta unha marxe de erro de 40 anos. Estes resultados permiten desvelar unha importante incógnita en torno ás orixes da lenda: é nesta época cando a Basílica da Ascensión comezou a ser un espazo de culto, e como tal, era necesario conservalo e adaptalo para que a xente identificase nela o martirio de Santa Mariña.

Recordemos que Hidacio de Chaves morreu no ano 470 d.C., o que deixa unha marxe de 70 anos entre a aparición da lenda e as primeiras modificacións orientadas á celebración de cerimonias cristiás. Dende hai preto de 1500 anos os relatos en torno a Santa Mariña explican a paisaxe de Augas Santas e conviven cos seus veciños na memoria colectiva converténdose nunha herdanza de transmisión oral. Mentres os veciños conten estas historias, Mariña seguirá viva como cimento e cemento dos veciños da parroquia os que lles da nome e identidade.

2 COMENTÁRIOS

  1. Un pouco máis arriba tés o topónimo “cibdá”, se non me equivoco. Polo menos iso me dixeron dous paisanos de alí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais