Xoves 18 Abril 2024

A Física vai ó balneario 


Autora: Lidia Dosil Tajes Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Campus de Pontevedra.

España é unha das principais potencias en produción científica –ocupa o décimo posto a nivel mundial, e o quinto a nivel europeo–, producíndose o 70% desta investigación na universidade. Sen embargo, descende ata o posto 35 á hora de poñer en práctica estas investigacións, en termos de competitividade empresarial, segundo o informe sobre Competitividade Global 2013-2014 elaborado polo Foro Económico Mundial. Segundo o mesmo informe, atopámonos no posto 57 en canto á capacidade das empresas españolas para innovar.

No ano 2012, só 18.077 empresas españolas realizaron actividades innovadoras, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Este desaxuste entre a baixa demanda de proxectos I+D+i por parte das empresas e a gran cantidade de produción científica que se fai na universidade ten varias consecuencias: por un lado, afecta á competitividade das empresas, ao non apostar pola innovación, e por outro lado, provoca un excedente de alumnos formados pero sen experiencia real, que ademais non atopará lugar nun mercado laboral que apenas demanda investigación.

Publicidade

A pesar de ser organismos con obxectivos distintos —a universidade busca o aumento do coñecemento, a empresa o aumento do seu beneficio—, xuntos poden conseguir as súas metas. Como conseguir que, con obxectivos distintos, se acerquen? A universidade debe ter en conta o valor real dos resultados das súas investigacións e a súa aplicación na sociedade. A empresa por outra banda, debe apostar máis pola innovación e por proxectos I+D+i.

Moitas empresas xa se deron conta da importancia da colaboración coa universidade e cada vez é mais frecuente que unan as súas forzas desde as primeiras etapas da investigación. É o caso do Hotel Balneario Talaso Atlántico de Oia, que actualmente colabora co Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo (FA2), nunha investigación sobre a aplicación de microalgas en técnicas balneoterápicas.

Tanques de cultivo
Vista dos tanques de cultivo cedidos polo Talaso Atlántico ao Departamento de Física Aplicada da Uvigo. / Duvi

Concretamente, o balneario pon a disposición deste grupo de investigación parte das súas instalacións, con catro tanques de aproximadamente 1.000 litros de auga cada un e con acceso directo a auga do mar. Sometidos a un control de pH mediante o suministro de CO2, iluminación artificial e adición controlada de nutrientes, os tanques permiten obter semanalmente un quilo de pasta de microalgas para a investigación, que doutro xeito terían que mercar.

Os investigadores están a estudar os efectos das microalgas na pel a través de técnicas balneoterápicas como baños e envolvementos

Nesta investigación, o departamento está a estudar os efectos das microalgas na pel a través de técnicas balneoterápicas como baños e envolvementos onde se emprega o cultivo. A investigación céntrase nas especies Nannochioropsis gaditana e Tetraselmis suecica que, segundo o departamento de Física Aplicada, se caracterizan polo seu valor cosmético, debido ao seu contido en antioxidantes, pigmentos, aminoácidos, vitaminas, polisacáridos e outras substancias. Ademais de aplicacións no ámbito cosmético, os investigadores esperan conseguir logros no campo médico, sobre todo para problemas da pel.

Paralelamente están estudando as propiedades do biofilm que se forma nas paredes dos tanques e a súa posible aplicación en tratamentos terapéuticos para enfermidades da pel como psoríase, dermatite ou acne. Ademais, este biofilm no campo cosmético mellora características da pel como a hidratación, a elasticidade e a regulación do sebo cutáneo, entre outras. Trátase pois, dunha investigación que traerá beneficios non só para a empresa e para a universidade, senón para a sociedade en xeral.

A investigación atópase na fase inicial, pero esta colaboración non é de agora. Esta unión comezou no 2006 co curso de extensión universitaria de Termalismo, ao que logo seguiron o mestrado en Física Aplicada e actualmente o de Ciencia e Tecnoloxía: Termalismo e Balneoterapia. En palabras dunha das integrantes da investigación, a colaboración co balneario “abre a posibilidade de traballar fóra da universidade, noutro espazo, con instalacións diferentes e sobre todo, coa perspectiva que achega un empresario”.

O Hotel Balneario Talaso Atlántico e só un dos moitos exemplos de empresas que apostan pola colaboración coa universidade. Sen embargo, o desaxuste entre a produción científica e a súa aplicación práctica no ámbito empresarial amosa que aínda queda moito por facer. É preciso fomentar este tipo de colaboración na cidadanía e concienciar á sociedade e sobre todo aos empresarios de que a ciencia tamén se pode aplicar na empresa. Para iso, é necesario divulgar e publicitar a investigación que se está facendo na univesidade, en termos alcanzables para a todos. Noutras palabras, contar a ciencia.


Premio Contar a Ciencia

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Debemos alarmarnos polo aumento de casos de tosferina?

En 2023, o número de casos desta enfermidade altamente contaxiosa aumentou en máis de nove veces con respecto ao ano anterior

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

O achado do maior réptil mariño da historia: así o descubriu unha rapaza de 15 anos

Un pai e a súa filla atopan en Reino Unido os restos dun peixe lagarto extinto que puido medir tanto como unha balea azul