Xoves 28 Marzo 2024

O silencio da natureza

Unha reportaxe de Mikaela Viqueira

As sociedades nutrímonos de información que, a través das interaccións entre individuos, aprendemos, compartimos e difundimos entre nós. É un proceso que se fixo sempre e que se coñece como saber común. A característica deste século é que a cultura universal tamén se pode expandir a través de Internet. O Doutor en Ciencias da Educación Pablo Ángel Meira Cartea, defíneo como “unha serie de nocións e crenzas pola experiencia ou pola información que nos chega para interpretar a realidade”. E se por culpa de non entender ben esta existencialidade podemos estar obviando un dos maiores retos aos que se enfronta a humanidade?

Publicidade

O grupo Respostas Educativas e Sociais ao Cambio Climático (Resclima) encárgase de analizar as representacións sociais que adoptamos sobre unha das maiores ameazas que constitúen no século XXI: o cambio climático. Deste xeito, pretenden obter o que pensamos sobre este fenómeno que se move por un mesmo espazo xeral para entender as orixes dunha problemática, ata agora, “moi invisibilizada e pouco considerada”, tal e como remarca o coordinador do colectivo, o profesor Meira.

Neste sentido, é necesario localizar o xerme do noso pensar que se produce, por un lado, dende a educación e, por outro, nas relacións sociais. Nas escolas constrúense representacións sobre a realidade que se elaboran en base a un contexto moi estrito: o método científico, do que xorde a interpretación científica. Pero no mundo real, as persoas non interpretamos seguindo o mesmo código de representación, senón que, máis ben, en palabras de Meira “a interpretación e valoración que se fai sobre determinados obxectos, e o comportamento da xente sobre eses obxectos, depende máis da representación social”.

En RESCLIMA non só investigan, senón que tamén organizan charlas, seminarios e encontros para todo tipo de grupos sociais, co obxectivo de promulgar a educación medioambiental | Mikaela Viqueira.
En RESCLIMA non só investigan, senón que tamén organizan charlas, seminarios e encontros para todo tipo de grupos sociais, co obxectivo de promulgar a educación medioambiental | Mikaela Viqueira.

Chegados a este punto, somos capaces de asociar os medios de comunicación como axentes difusores de elementos científicos, xa que actúan como vectores da información. Neste sentido, atopámonos con xornalistas especializados no medio ambiente que, ao falar dun determinado tema, como poden ser as cicloxéneses explosivas, saben interpretar ese concepto no marco científico e axustalo á poboación. Mais pode darse o caso no que ese profesional carece da capacidade para traspoñela ao linguaxe da divulgación, producindo ‘erros de transacción’ que distorsionan a adaptación do termo.

É así como a profesora Lucía Iglesias da Cuña, membro do grupo Resclima, demostra a forte conexión que ten a súa investigación cos medios. “Preguntámoslles ás persoas dos círculos que facemos que nos fagan un debuxo sobre como lle explicarían o cambio climático a alguén que non soubera nada. A maioría das imaxes proceden das infografías que aparecen en prensa e na Internet, polo que iso está integrado na cultura común e, polo tanto, no pensamento das persoas”, argúe.

As ramas dunha árbore que traspasa fronteiras

A formación da xente, tanto por vía científica como común, é o corazón do coñecemento medioambiental. Nas sociedades contemporáneas, antes de que a ciencia nos chegue por canles sociais, xa temos representacións desenvoltas na cultura universal. O grupo Resclima, neste sentido, a través de cuestionarios que elaboran para os estudantes de diferentes cursos, coñecen o que saben sobre a percepción do cambio climático na poboación. “Aí é onde se ve a distancia que hai entre o marco común e o científico”, explica Iglesias. Este aspecto é o que debería ter en contra o sistema educativo para permitir que eses coñecementos previos encaixen co seu aprendizaxe.

O equipo desenvolve a súa investigación en países como México, Brasil, Portugal e Italia

O proxecto tamén se está levando a cabo en distintas culturas académicas, a través de entidades colaboradoras en México, Brasil, Portugal e Italia. Contribúen a comprobar que os patróns de representación do cambio climático son similares en todos os países baixo o análise. As enquisas que realizan tratan de considerar dous compoñentes fundamentais: comparar estudantes de ciencias sociais e humanidades cos de ciencias naturais e tecnoloxía, por unha banda, e estudantes de primeiro cos de ultimo curso, pola outra. Os resultados son evidentes, “tratándose dun obxecto que se trata máis ben do campo das ciencias naturais, os mellores resultados van ser moito máis competentes nese tipo de estudantes. E o mesmo cos estudantes de último curso”, demostra.

A sorpresa foi ao comparar os niveis de ensinanza, pois as competencias dos alumnos de primeiro e último curso apenas obteñen diferenzas significativas. “Unha das interpretacións que lle damos é que a formación universitaria non está tendo unha incidencia significativa na representación que teñen os estudantes universitarios con respecto ao cambio climático”, di Meira.

O gran de area que pode cambiar o mundo

“A nosa achega é pequena en comparación ao problema que se aborda”, sinala Iglesias, mais deixa entrever que aínda debemos adaptarnos ao vangardismo deste século, pois moitos aspectos que tradicionalmente se concibían por separado, agora parecen seguir un fío: “Os comunicadores xa non só comunican, senón que tamén educan”, indica. Polo tanto, toda a tarefa formal –saber científico– cada vez está máis condicionada polos procesos non formais –os medios de comunicación– e informais -as interaccións persoais- que se producen fóra dese sistema, “porque as persoas que forman parte do mesmo tamén se atopan dentro dos outros dous. Do mesmo xeito, os educadores, ademais de ensinar, tamén comunican neste tempo”, remata.

A conclusión do estudo parece que corresponde á indiferenza do medio ambiente na presente sociedade, na axenda política e na mediática. “Entón, se estamos diante do reto máis importante da humanidade para este século, pero non é relevante para na axenda curricular, nin política nin social e cultural, temos un problema aínda moito máis grave, porque vai ser moi difícil impulsar políticas de resposta se socialmente non se considera como algo no que vale a pena investir e prestar atención”, conclúe o profesor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Intelixencia artificial ante o cambio climático: ameaza ou aliada?

Os algoritmos que fan a vida máis sinxela teñen unha gran pegada de carbono. Esta tecnoloxía tamén axuda a resolver problemas ambientais