Imaxe dunha das conferencias celebradas nas JAI'18.

Os robots invaden Galicia

Unha reportaxe de Víctor P. Currás

A Universidade de Vigo invadida por brazos mecánicos, carretillas autodirixidas, impresoras 3D e ata unha planeadora non tripulada. Se Orson Welles vivira na actualidade en Galicia, o pasado mes de marzo tivo unha oportunidade perfecta para facer das súas pola radio, confundindo a todos os galegos sobre unha invasión robótica…aínda que na realidade só foran as JAI, as ‘VII Jornadas sobre soluciones y tecnologías para la automatización industrial‘.

O pasado 12 de marzo a Universidade de Vigo acollía catro anos despois unha nova edición das JAI tras unha interrupción no seu carácter bianual, motivada polo cambios producidos tras as sustitucións das licenciaturas por graos. Pero nunca unha pausa así sentou tan ben, xa que tras este tempo en barbeito, o mercado puido desenvolver máis novidades, convertendo esta edición de 2018 nun auténtico éxito.

jai 2

Centrada na denominada Industria 4.0, estas xornadas foron capaces de reunir a preto dun millar de profesionais do sector e estudantes nas instalacións da Escola de Enxeñería Industrial do CUVI, converténdose nun dos puntos de encontro entre Universidade e mundo laboral máis grandes de toda Galicia. Á súa vez, a participación de 25 multinacionais durante os cinco días das xornadas convertéronas nunha das máis importantes a nivel nacional do sector. Precisamente esta é a súa principal fortaleza: non se trata nin dunha feira de ventas dominada polo márketing nin dunhas pequenas xornadas universitarias sen maior percorrido, polo que se atopa no punto medio no que tanto empresas como Administracións Públicas séntense cómodas participando e contribuíndo ó seu crecemento.

A súa principal atracción sería o seu ‘showroom 4.0′ instalado no vestíbulo da EEI, onde as empresas participantes mostraron os seus últimos produtos xa non só aos potenciais compradores ou estudantes, senón a calquera visitante que se achegara a coñecelos. Por iso, ademais do millar de participantes no ciclo de conferencias, cabe destacar o gran número de universitarios doutras carreiras ou mesmo familias que se interesaron polas JAI’2018, achegando como nunca antes a tecnoloxía de vangarda á sociedade.

jai 3

As estrelas de cara ao gran público foron os robots domésticos, xa que permitían unha gran interacción con eles, destacando o prototipo de asistente bancario R4 de ABANCA ou a mascota das JAI Nao, empregada en centros educativos como reforzo. Outros dos autómatas máis aclamados serían o R2D2 caseiro fabricado por un pai e un fillo galegos, que fixo soar a banda sonora de Star Wars mentres bailaba polos corredores durante toda a semana; ou os distintos robots limpacristais, menos espectaculares pero moitísimo máis funcionais no noso día a día.

Pero a verdadeira revolución chegaría da man da realidade virtual. Empresas como ESI Group en colaboración coa galega Navantia presentaron o seu software empregado no deseño industrial. Coma nunha sorte de Minecraft, o programa permite comprobar mediante unhas gafas 3D e uns mandos se os deseños realizados poden axustarse á práctica, recreando por exemplo o interior dos barcos antes de ser construídos.

As impresoras 3D tamén suporían un gran avance respecto ás anteriores edicións das JAI xa que permitían o deseño e elaboración de case calquera peza nun par de minutos. Isto tamén foi sinalado por unha empresa tan importante do sector como HP na súa conferencia, apuntando que grazas a estas, os pedidos aos fabricantes serían moito menos habituais, trocando o modelo produtivo eliminando o stock e reducindo os prazos e custes de fabricación.

As xornadas permitiron o encontro e os contactos entre as empresas punteiras e os estudantes

Pero unha destas atraccións do showroom chegou a superar en tamaño á propia Escola. No medio da tormenta mediática provocada polo secuestro do libro de Nacho Carretero e o éxito da serie Fariña, unha enorme planeadora naufragaba nos exteriores do recinto, debido ao seu tamaño. Este dron mariño non tripulado -o primeiro do seu tipo fabricado en España e con tecnoloxía 100% galega– sería o branco de moitas miradas, vítima da retranca dos alí presentes ante a posibilidade de que fora adquirida por algunha familia das Rías Baixas nun exercicio de I+D en pequenas empresas.

Outros temas tratados nas conferencias por empresas tan recoñecidas no sector como Repsol, Kuka ou Rockwell Automation foron o Big Data, a ciberseguridade e o Internet das cousas (IoT). Mediante estas charlas pretendíase explicar no punto no que se atopa a industria e a sociedade nestas materias e as solucións que se están presentando no mercado de cara ó futuro.

O director da Escola Juan Pardo e o coordinador das JAI Nacho Armesto, entrevistados pola TVG // Manu Dibuja – UVigo.tv.
O director da Escola Juan Pardo e o coordinador das JAI Nacho Armesto, entrevistados pola TVG // Manu Dibuja – UVigo.tv.

Precisamente nunha cidade coma Vigo onde o sector da automoción ten tanto peso, o apoio do seu clúster non podía faltar. A presencia de CEAGA e da factoría de Citroën de Balaídos reforzouse coas Jornadas para la transformación digital de la industria de automoción de Galicia na veciña Escola de Minas e a Jornada para la Transversalización de la Innovación en las fábricas del Polo Ibérico celebrada a nivel interno polo Grupo PSA na cidade olívica. Coa visita dos distintos directivos da empresa gala en España e Portugal, confirmábase o tremendo alcance destas xornadas xa non só a nivel local, onde a planta da beira do Lagares segue a ser o maior motor económico do sur de Galicia, senón a nivel internacional.

Deste xeito, as JAI pechaban tras 40 conferencias e máis de 1.000 visitantes unha edición que copou titulares a nivel galego -con varias conexións en directo da TVG- ou na prensa nacional especializada, así coma un 80% de ocupación hoteleira na cidade. As empresas participantes xa reclamaron que se recupere de forma definitiva e incluso pasando a ser anual e dándolle tamén maior importancia á dixitalización, chegando a cambiar o nome das mesmas. Dende a organización do evento pola súa parte móstranse precavidos para “permitir ó mercado desenvolverse e ter máis novidades”, polo que teñen a vista fixada no 2020 para mostrar o que será xa a consolidación da Industria 4.0 e das fábricas intelixentes. Quen sabe se, para entón, un robot escribirá esta mesma crónica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.