Xoves 28 Marzo 2024

Os fármacos do futuro contra o cancro e a sida fanse en Santiago

Unha reportaxe de Paula Martínez Graña

Un grupo de investigadores do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) de Santiago de Compostela aplica a nanotecnoloxía aos fármacos contra o cancro e na creación dunha vacina contra a sida. As primeiras probas en animais conseguiron resultados positivos, polo que o seguinte obxectivo é comprobar se son eficaces en persoas. Ademais, tamén están traballando en novos campos de aplicación terapéutica como no tratamento da obesidade, a diabetes e as enfermidades oculares.

Publicidade

Nanotecnoloxía e fármacos contra o cancro

A profesora María José Alonso, investigadora principal no CiMUS e catedrática de Biofarmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, ábrenos as portas dun mundo tan descoñecido como esperanzador.

A nanotecnoloxía pode ser a solución a unha das grandes limitacións que presentan os fármacos actuais contra o cancro. Os tratamentos de quimioterapia e radioterapia non son selectivos; é dicir, non saben diferenciar entre células boas e malas. Isto significa que non teñen a capacidade de chegar unicamente ás canceríxenas ou metastásicas, senón que afectan tamén as células sás.

A nanotecnoloxía poderá conducir o fármaco ata o lugar exacto no que ten que actuar

Esta nova técnica consiste en introducir o fármaco nun nanovehículo que conduce o medicamento ata o lugar exacto no que ten que actuar. Na actualidade, ao non empregar este pequeno vehículo, os medicamentos poden dispersarse polo organismo producindo efectos adversos que dificultan a recuperación do paciente. Con esta nova técnica, os fármacos concentraríanse no órgano afectado, diminuíndo así o risco de prexudicar outras partes do corpo.

Como favorecer que o fármaco chegue ás células diana? A investigadora María José Alonso explica que as nanopartículas transportan o fármaco por sangue e o levan “preferentemente” ao lugar afectado e menos (nunca vai ir cero) as células sás.

A nanotecnoloxía, ademais de dirixir o fármaco ao seu lugar de acción, favorece a súa estabilidade e axúdao a superar todas as barreiras que encontra dende que se administra ata que chega ao seu sitio de acción.

O equipo de María José Alonso está centrado na actualidade nos cancros de pulmón e páncreas

Na actualidade o equipo de investigación está centrado no cancro de pulmón e no de páncreas. Esta investigación obtivo moi bos resultados en roedores. “Conseguimos que o fármaco se acumulara preferentemente no pulmón, no orde de corenta veces máis que o fármaco que xa está no mercado, que se utiliza en quimioterapia”, explica María José Alonso, investigadora farmacéutica deste proxecto. Aínda que as probas foran positivas en ratos, os resultados en humanos son imprevisibles. O seguinte paso é realizar os primeiros ensaios clínicos en pacientes. Este tipo de probas duran entre cinco e dez anos e, unha vez superadas todas as fases, decidirase se este novo produto é eficaz para comercializar e aplicar na loita contra o cancro.

Na actualidade, os investigadores non poden predicir os resultados destas probas en humanos, pero no caso de que os ensaios concluíran con datos positivos “sería un gran paso porque reduciriamos moito a toxicidade do tratamento actual e aumentariamos a eficacia. Sería algo bastante revolucionario”, afirma María José Alonso.

No caso do cancro, xustamente, o laboratorio acaba de conseguir un financiamento moi interesante da Xunta de Galicia, dentro do programa Ignicia, que ten como obxectivo desenvolver unha tecnoloxía nun prazo de tempo curto para facela vendible o antes posible. María José Alonso indícanos que “agora estamos nun punto con este proxecto que podemos decidir se se vai probar en humanos nun prazo dun ou dous anos. Pero unha vez que se probe en humanos, os ensaios clínicos poden durar entre 5 e 10 anos”.

“Nos levamos 20 anos traballando no eido do cancro. Consiste en ir acumulando coñecemento porque falamos de investigación, de crear algo totalmente novo”, asegura a doctora Alonso.

A vacina contra a sida

Este grupo de investigación tamén está traballando con nanotecnoloxía na vacina fronte a sida. “De feito traballamos en dous prototipos de vacinas; nun estamos en colaboración cun consorcio americano, e noutro estamos nun consorcio europeo”, comenta María José Alonso.  Nestes momentos, realizan probas en monos e os resultados son prometedores. “Un 50% dos animais que foron infectados directamente co virus non contraíron a enfermidade por estar protexidos coa vaiuna”, indica María José Alonso. Aínda que son cifras positivas, os investigadores buscan xerar novos coñecementos que lles permitan mellorar a porcentaxe de éxito. Por isto é moi importante colaborar con investigadores doutras partes do mundo para chegar a achados interesantes.

A nanotecnoloxía tamén é un campo con múltiples posibilidades nos tratamentos contra a obesidade e a diabetes. Un dos principais inconvenientes no caso da diabetes é que a insulina precisa ser inxectada. “Existe unha necesidade e un interese moi grande por desenvolver vehículos para administrar por vía oral ou nasal aquilo que a día de hoxe se administra por vía inxectable”, explica a investigadora María José Alonso.

Dende o CiMUS e, sempre en colaboración con outros grupos internacionais, tamén están traballando na aplicación da nanotecnoloxía en tratamentos contra enfermidades oculares. O equipo de María José Alonso está desenvolvendo unha nova terapia fronte o ollo seco severo e contra o glaucoma. “Isto consiste en que, en lugar de administrar o fármaco per se, administras unha secuencia de RNA que inhibe que se produza unha proteína que é a causante da enfermidade. Son as novas terapias xénicas”, afirma María José Alonso.

Estas novas investigacións con nanotecnoloxía representan os primeiros pasos dun novo camiño na loita contra as enfermidades con maior incidencia na actualidade. Como di a doctora Alonso, trátase de “crear coñecemento”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde