Alba Rego Lage | Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (campus Pontevedra) |
Segundo un estudo realizado pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) no ano 2011, o cancro colorrectal é un dos tumores máis frecuentes entre a poboación, afectando tanto a homes como a mulleres. Sen embargo, o nivel de información e coñecementos sobre este tumor é maioritariamente baixo. O 54% da poboación recoñece ter pouca ou ningunha información sobre esta doenza, mais si doutros como poden ser o cancro de mama nas mulleres ou o cancro de próstata nos homes. Esta falta de información e coñecemento amósase polo xeral relacionada a un descoñecemento sobre os propios factores de risco, que poden influír no seu desenrolo.
No que se refire á existencia dos programas de cribado e as técnicas empregadas, estes tampouco son coñecidos, chegando a ser máis da metade da poboación os que carecen de idea de cales son as probas que diagnostican precozmente este tipo de cancro. Sen a existencia de aquelas persoas anónimas que dedican a súa vida para loitar contra este mal que afecta a milleiros de persoas, non se poderían ter acadados logros para coñecer máis esta enfermidade.
A Universidade de Vigo é unha institución máis nesta batalla. O laboratorio de bioquímica, emerxeu fai xa dúas décadas no complicado e laborioso estudo en relación coa proteína CD26 como biomarcador , mais a partires de dous anos para aquí o obxecto ramificouse aínda máis, a través da investigación de cultivos celulares en tumores. Porén, a universidade non é a única neste proxecto, senón que as colaboracións proveñen de toda a xeografía galega dende a axuda de docentes da universidade compostelana até médicos especialistas en dixestivo do Hospital Xeral de Vigo, o Meixoeiro e o Hospital de Ourense, encargados de enviar mostras de pacientes con cancro. Traspasando tamén fronteiras, ofrecen a súa man hospitais de Barcelona, Alicante ou mesmo Canarias.
“Empezamos a estudiar buscando marcadores tumorales de diagnóstico para distinguir los tipos de cáncer, de colon y de pulmón sobre todo” explica María Páez, xefa de grupo de biomarcadores moleculares. A obtención de novas probas de diagnóstico, de prognóstico e de seguimento dos distintos tipos de cancro, constitúe o obxectivo principal do grupo de investigadores, baseándose na avaliación da proteína CD26 como biomarcador, por un lado nas distintas liñas celulares e por outro no suero.
A proteína CD26 serve como marcador para detectar o cancro de colon
A CD26 é unha proteína presente nas células do corpo humano e que é indicativa neste caso de cancro de colon. “No noso caso o CD26, sería unha proteína que se expresa nas células de cáncer colorrectal e a través da súa función pódese previr un pouco como pode ser o avance do tumor, serve para caracterizar o tumor e detectalo”, como explica a investigadora Andrea Díaz. Mediante o cultivo celular de distintas liñas celulares de cáncer colorrectal, caracterizadas cada unha polo estadío tumoral no que se encontran, o CD26 xa sería parte dos resultados expresados en membrana. É unha proteína que aparecería nas liñas celulares de estadios primarios ou iniciais, e tamén naquelas liñas tumorais que xa son metastásicas– concretamente nos estudios realizados, observouse que a célula do cancro de colon metastatiza no pulmón-.
Despois de moitos estudos, crese que a proteína CD26 podería ter actividade enzimática. Que supón isto? De maneira máis explícita, a función desta como enzima é romper proteínas, podendo ser un actor clave no proceso metastásico, axudando ás células á hora de quebrar a matriz extracelular para avanzar. As células encóntranse en medio do texido conxuntivo, polo que se ésta se quixese mover tería que romper a matriz extracelular para poder avanzar.
Constitúe un marcador de cáncer colorrectal e podería axudar a expansión do tumor, pero tal e como explicou a investigadora “as cousas non son tan sinxelas, porque non son a única proteína nin enzima que ten unha célula, teñen un montón de factores, sería unha cousa pola que empezar”. Paralelamente tamén tratan as células nai tumorais e nun futuro próximo o grupo comezará outro proxecto dentro da mesma liña de investigación, a migración das células e o seu comportamento nun proceso tumoral.
Ningún paso é de balde. Pouco a pouco, a ciencia avanza, e grazas a esta xente que adica a súa vida a procurar melloras, a salvar as nosas vidas co seu traballo, e que moitas veces teñen que facer fronte as adversidades, hai que apoialos e dalos a coñecer. A ciencia progresa, non por outros, senón por eles, os superheroes do século XXI.