Xoves 25 Abril 2024

Chega a fitominería: extraendo níquel das plantas


Raquel Pérez Vázquez Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela

 
Científicos do Grupo de Investigación de Microbioloxía do Solo de Santiago estudan os posibles usos de especies endémicas galegas na extracción de níquel. As subespecies alysum serpyfolum e alysum lusitanicum medran en solos que presentan altas porcentaxes de metais pesados.
Nos anos noventa un equipo do Departamento de Bioloxía Vexetal da Facultade de Farmacia en Santiago de Compostela presentaba un informe sobre as características dos  solos serpentínicos no noroeste ibérico. Os biólogos Juan Rodríguez Oubiña e Santiago Ortiz realizaron unha análise deste tipo de solos que, en Galicia, podemos atopar en Melide e na Serra da Capelada. Os altos niveis de metais pesados presentes neste tipo de terreos; tales como cadmio, cobre ou níquel, e a escasa presencia de nutrientes son dous condicionantes que explican o crecemento de moi poucas especies vexetais nestas zonas. Ambos factores funcionaron, ao longo dos anos, como filtro selectivo, de forma que só os exemplares que se adaptaron a tales condicións foron capaces de sobrevivir e reproducirse.

Exemplar de Alyssum, unha especie moi resistente a solos con metais.
Exemplar de Alyssum, unha especie moi resistente a solos con metais.

Ángeles Prieto, investigadora titular do Consello Superior de Investigacións Científicas  (CSIC) especializouse na investigación deste tipo de plantas. Afirma que as áreas nas que medran son ‘”moi raras, pero se atopan repartidas en distintas zonas de todo o mundo. En Cuba, Nova Caledonia, Australia ou no norte de Europa”. As que estuda Ángeles son as denominadas hiperacumuladoras. Estas plantas desenvolveron unha particular estratexia para convivir cos metais presentes no solo: “Absórbenos, transpórtanos ás súas partes aéreas e, así, almacenan o metal”.
No noroeste da Península Ibérica (en Galicia e no norte do veciño Portugal) existen dúas especies de hiperacumuladoras: a alysum serpyfollum e a alysum lusitanicum, ambas endémicas destas área. Son subespecies de alysum, unha hiperacumuladora que crece noutras áreas da península e en distintas partes da costa mediterránea. Para Ángeles Prieto, o feito de atopar tan preto do seu laboratorio unha área serpentinítica (a de Melide) na que ademais medran exemplares de alysum é unha gran oportunidade: “Observas un fenómeno así na natureza e pensas, como podemos aproveitalo?”.

A fitominería permite obter metais e recuperar solos contaminados

Nos laboratorios do Grupo de Investigación de Microbioloxía de Solos, unha das ramas de investigacións do CSIC, Prieto traballa cóbado con cóbado con expertos nos campos da bioloxía, a farmacia ou a xeoloxía no estudo deste tipo de plantas. Petra Kidd, outra das científicas titulares, leva dezaseis anos especializándose no ciclo vital e comportamento do alysum en Galicia: “Ate agora so traballamos en laboratorio, pero estamos preparando unha plantación en Melide para investigar a planta no seu propio terreo”. Este tipo de investigacións comezou aproximadamente nos anos oitenta, cando a observación das propiedades das hiperacumuladoras plantexou a dúbida dos seus potenciais usos na extracción de metais.  Outros países, como Estados Unidos, Gran Bretaña, ou Albania, plantexaron a posibilidade de empregalas de forma comercial, vendendo no mercado os metais extraídos.
Esta é unha das técnicas que explora o campo da fitominería: a absorción de metais empregando plantas con propiedades hiperacumuladoras. Son máis de catrocentas as especies xa rexistradas con esta capacidade, e entre os metais que poden acumular están o níquel, o cadmio ou incluso o cobre. Antón Vilariño, outro dos científicos titulares do grupo de microbioloxía explica como, nun principio “pensas de inmediato nas plantas de maior tamaño e cunha gran capacidade acumuladora”. Para este científico a opción ideal sería, non obstante, empregar unha especie endémica, evitando a introdución de especies foráneas. Na actualidade, tratan de profundizar nos seus coñecementos acerca do comportamento e necesidades desta subespecie.

Publicidade

As plantas son incineradas e obtense o níquel desde as cinzas

Como calquera especie vexetal é necesario un proceso de ‘domesticación’, no que se comproba o ciclo vital da planta: a súa forma de reprodución, as características hereditarias dominantes ou recesivas, o momento da súa vida no que a capacidade de absorción é máis alta, etc. Como explica Antón, ‘’un dos aspectos importantes a ter en conta é o momento de cortar as plantas, ou de replantar un cultivo. En Albania, por exemplo, fano cada dous ou tres anos, pero son unhas condicións diferentes’’. Para obter o metal da planta, esta cúrtase ou arríncase e é incinerada. No caso do alysum en Galicia as cinzas son procesadas para extraer o níquel.
A extracción do metal para a súa venda é un dos potenciais usos destas plantas, pero non é o único. Hai que ter en conta que os niveis de metais pesados nos solos serpentínicos son tóxicos para a maior parte das especies vexetais, polo que unha extracción continuada podería reducir a súa presencia de forma que, como explica Petra, unha vez a súa presenza no solo chegue a niveis tolerables estes terreos serían aptos para o cultivo: ‘’tamén poderiamos empregalas en terreos onde existiron ou existen refinerías de níquel ou que produzan residuos de níquel, para descontaminalos’’. A refinería de Repsol YPF na Coruña, por exemplo, emitía en 2010 case 6.000 quilogramos deste metal ao ano.
fitominería csic
A fitominería ofrece, non obstante, desvantaxes respecto a outros tipos de minería. A extracción de metais é un proceso bastante lento, polo que as empresas mineiras non apostan por este método á hora de buscar beneficios. Ademais, e a pesar de que se intenta estender o seu uso de forma comercial, as raíces das plantas son incapaces de extraer o níquel de menas a gran profundidade. Vanessa Álvarez López, tamén do CSIC, estuda formas de potenciar a capacidade de absorción das alysum: ‘’Experimentamos no laboratorio a adición de materia orgánica ou nutrientes no solo’’. Desta forma trátase de mellorar a calidade do solo para favorecer o crecemento da planta. Outro dos métodos investigados por Vanessa consiste na inoculación de cepas de bacterias no solo, comprobando as súas posibles asociacións simbióticas coas plantas. Estas bacterias poderíanse empregar para solubilizar os metais presentes no chan e inaccesibles ás plantas, facilitando a súa asimilación.
As plantas son, como explica Antón para finalizar: ‘’Un ecosistema en si mesmas, para cuxo estudo precisamos xente de moitas especialidades. A súa investigación, polo que pode chegar a supoñer no tratamento dos solos e dos residuos de metais, é unha pasada’’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte