Martes 19 Marzo 2024

Algas no agro galego: saber popular e ciencia por un futuro sostible

David Fontán Bestilleiro
André Vicente Liz
Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago

 
“Eu isto aquí vino facer sempre”, afirma Pura Rivera, veciña de Canduas, ao tempo que recolle o algazo que descansa, húmido, sobre a area. A marea, segundo baixa, descobre unha alfombra escura, de considerable espesor, que cobre a beira do Anllóns neste tramo final do seu camiño. Martín Senande, o seu marido, axúdalle a cargar o cesto, cheo de Laminaria, unha alga parda que é frecuente atopar na carta de calquera restaurante xaponés. Mais nesta parroquia do concello de Cabana o seu destino é outro: o de fertilizar, en fresco, a horta familiar. Martín infórmanos da rápida rexeneración deste recurso. “Limpouse hai moi pouquiño, antes das patacas, e agora mirade como está, que parece unha pradeira”.

“Argazo na area vén para a aldea”, recolle o refraneiro. E o certo é que non hai tanto tempo, as algas eran moito máis que un residuo que lixa as nosas praias até que o concello de turno, con frecuencia en época estival, se molesta en retiralas. “A Igrexa mesmo prohibía a súa recolección en festivos e domingos para así poderlles sacar rendemento”, apunta Emilio Fernández Lema, que como investigador traballou a fondo o tema, especialmente na enseada de San Simón. “Se a Igrexa se mete polo medio…”, sinala, en referencia á importancia que este recurso tiña para as comunidades costeiras. Pero hoxe, como tantas outras cuestións nun país en constante e acelerada transición, o panorama mudou drasticamente. “O abandono do campo, a dificultade de extracción das algas, a chegada doutros fertilizantes… Todo foi fiado”, xustifica Emilio. O papel do agro nas zonas de litoral foi perdendo peso, e con el tamén decaeron os usos tradicionais para daren paso a novas actividades económicas. “Que prima para a administración? O turismo. E se o turista non quere algas nas praias, metemos un tractor que as leve e acabouse”, reflexiona Emilio. “É como quen quere ir ao monte e non ver toxos e xestas”.
[wzslider interval=”5000″ height=”400″ exclude=”15648″]

A ciencia confirma o que os labregos xa sabían

As algas ocuparon un lugar clave na historia do rural galego, mais non só polas súas funcións como fertilizante, senón tamén por toda a vida que xiraba en torno a elas nas vilas e nas aldeas da costa. “Tanto, que até existía a figura de recolledor de algas”, destaca Elvira López Mosquera, ao tempo que nos ensina unha fotografía dun home coa roupa axeitada para o oficio. Elvira é profesora de Produción Vexetal e máis dirixe o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Nos últimos anos, xunto a compañeiros como Emilio Fernández, está a centrar neste asunto boa parte dos seus esforzos como investigadora. “O primeiro abono químico chegou a Galicia en 1904; antes tíñase que fertilizar con outras cousas”, explícanos Elvira. E aí estaban, claro, as algas, que ademais gozan dunha diversidade enorme no noso mar, superior á do resto da península. “Os labregos comprobaron empiricamente que as algas daban xeito como abono; agora, nós podemos explicalo cientificamente”, afirma.

Mulleres carrexando algas. Noia, 1924.
Mulleres carrexando algas. Noia, 1924. Fotografía de Ruth Matilda Anderson.

As arribazóns, nome que reciben as algas que o mar deposita na costa, albergan certas propiedades que as converten nun fertilizante natural de grande valor. Conteñen, por exemplo, elevados índices de potasio e dalgúns micronutrientes, elementos indispensables para unha eficiente produción vexetal. Porén, o que as fai especialmente valiosas é a súa riqueza nuns polisacáridos do grupo dos ficocoloides, denominados alxinatos, que reforzan as propiedades físicas do solo: protéxeno da erosión e dunha excesiva compactación, melloran a retención da auga… Ademais, estes alxinatos reaccionan co aluminio, moi abundante nos solos galegos, liberando certos nutrientes asociados a el que pasan a estar accesibles para os cultivos. Por outra parte, as arribazóns posúen unha serie de hormonas vexetais que melloran a resistencia dos cultivos a perturbacións externas, como as pragas, os fungos, o frío ou o vento. Por se isto fose pouco, tamén actúan como eficientes bioestimulantes do crecemento dos cultivos.
“Atopámonos ante un produto natural, de fácil acceso e común no noso litoral, ao que non se lle está a sacar rendemento”, apunta Elvira López, que resalta o feito de que un produto tan aprezado no pasado pasase hoxe a ter “consideración de residuo”. Precisamente é a xestión de residuos o punto de partida que levou a Marta Illera a desenvolver a súa tese, dirixida pola propia Elvira, e que agora está lista a ser presentada. “Decidimos colaborar con Pescados Rubén, unha empresa de Foz que buscaba obter un valor engadido aos restos de peixe e algas que producían”, explica Marta. “Con eses residuos, mediante a compostaxe, desenvolvemos un abono óptimo para a agricultura ecolóxica”, engade, ademais de remarcar que este é un campo onde hai “grande déficit de abonos de calidade”.

Publicidade

Botarmos a vista atrás para darmos un salto adiante

O potencial do rural galego é, para a directora do IBADER, innegable, e o caso das algas, se analizamos a súa evolución durante o último século, é paradigmático para comprendermos a evolución do noso sector primario. Por un lado, apunta Elvira López, “o agricultor de hai cen anos sabía como estaba organizado o territorio, onde plantar isto ou aquilo; esa sabedoría popular perdeuse”. Por outra parte, lamenta, “somos dados a non aproveitar o que temos”. Porén, non todo está tan negro. “Cada vez hai máis xente que volve traballar no agro; cada vez hai máis experiencias que demostran que si que se pode vivir do rural”, afirma a investigadora. “Temos recursos de grandísima calidade; o que nos falta é aproveitalos e darlles o valor engadido”, conclúe.

As algas constitúen, en definitiva e sen perdermos de vista o resto das súas aplicacións, un xeito de potenciarmos o desenvolvemento sostible da agricultura e de revitalizarmos o noso rural. De seren residuos pódense converter nun subproduto cun alto valor engadido e cubrir así un oco no mercado ecosostible. E recuperarmos o uso das algas como abono de calidade non implica, para Elvira López, que haxa que volver atrás. Significa “aproveitarmos os coñecementos que veñen de atrás” e polos en práctica “coas técnicas que temos hoxe en día para podermos vivir dos nosos recursos”. Así, poñendo a vista no pasado e sabendo de onde vimos, é como poderemos construír o futuro. Está nas nosas mans.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

Os grelos poden previr o cancro? Estudan a dieta atlántica como vía terapéutica

Unha revisión analiza as propiedades farmacolóxicas dos alimentos consumidos no sur de Europa que poderían ter propiedades antitumorais

A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos