O botafumeiro, pendurado na catedral de Santiago. Foto: Juantiagues / Wikicommons.
O botafumeiro, pendurado na catedral de Santiago. Foto: Juantiagues / Wikicommons.

¿Que explicación física ten o movemento do botafumeiro?

Nun templo no que reina a metafísica, un obxecto de grandes dimensións funciona grazas a un mecanismo físico que se foi perfeccionando ao longo de centos de anos. O movemento do botafumeiro da catedral de Santiago de Compostela é toda unha lección de ciencia que analizou polo miúdo un dos físicos máis prestixiosos de España: Juan Ramón Sanmartín Losada, un galego nacido na Estrada e catedrático na Universidad Politécnica de Madrid.

O botafumeiro xa chamou a atención dos peregrinos desde alomenos o século XIV. Ao longo da historia, ata a actualidade, foi cambiando de tamaño e composición, e o proceso para facelo oscilar foi mudando. Actualmente pesa arredor de 55 quilogramos. Grazas ao seu movemento e á forza que lle imprimen os tiraboleiros, o incensario traza un arco máximo de 82 graos a través do transepto da catedral e chega a alcanzar os 21 metros de altura, cunha velocidade máxima de 68 quilómetros por hora. Durante o seu traxecto realiza 17 ciclos completos, que duran, en total, arredor de 80 segundos.

 

 

Para comprender o baile do botafumeiro, hai que pensar nel coma se fora un péndulo. Neste tipo de movemento, un corpo está pendurado dunha corda en perpendicular ao chan, sobre a vertical. A gravidade loita por empurrar ao corpo, neste caso o botafumeiro, cara o chan, pero a corda impídello. En repouso, o corpo pendurado permanece estático, pero un pequeno empurrón pode cambiar todo.

Aquí entran en xogo os tiraboleiros. Despois do ritual relixioso no que se introduce o incenso no botafumeiro, o tiraboleiro maior dálle o primeiro empurrón. En resposta a este movemento, a gravidade intenta devolver ao obxecto á vertical. Así, comezan a complementarse as enerxías cinética (a que provocan os tiraboleiros) e a gravitatoria.

As enerxías cinética e gravitatoria compleméntanse para facelo oscilar

O outro punto clave deste fenómeno físico hai que buscalo na cúpula do cruceiro do templo. Alí, unha armadura de ferro sostén os tambores a través dos cales se enreda e desenreda a corda que agarran os homes situados a carón do altar. No momento no que o botafumeiro volve á vertical, é o momento do bombeo, un tirón de corda que no maior dos casos chega a acadar case tres metros. Así, o obxecto afástase máis da vertical, polo que a gravidade deberá responder con máis forza. E xusto despois, os tiraboleiros desenredan a corda de novo. Cando o enxeño volve ao seu punto de saída, un novo tirón incrementa a velocidade do sistema. Finalmente, tras chegar ao seu punto de máxima oscilación, abonda con deixar fixa a corda para que a forza de rozamento comece a frear o obxecto ata detelo por completo.

Porén, ao longo da historia non todo funcionou perfecamente. De feito, houbo varios accidentes como consecuencia deste ritual. Segundo recolle Sanmartín dos textos sobre a historia da catedral, o 25 de xullo de 1499, día do Apóstolo, romperon as cadeas que unen o botafumeiro co soporte no que se enganchan as cordas, e provocaron que o incensario saíra disparado coma un proxectil por riba das cabezas dos presentes, ata bater contra unha das portas laterais. Máis tarde, no 1622, foi a corda a que rachou, e o botafumeiro caeu ao lado dos tiraboleiros.

logo_MEIC_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.