Martes 19 Marzo 2024

“Isto é un gran estímulo para que no futuro sigan investigando”

A Escola de Enxeñaría Forestal e a Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra están cheas de ilusión, inquedanza e futuro. Entre o trafego dos rapaces montando os experimentos, os organizadores colman o vestíbulo. Saleta González, responsable do evento, admite estar nerviosa. Non é doado conter a inquietude nunha edición repleta de celmosas novidades. Pontenciencia 2018 vén con ímpeto. Cativos, adolescentes e profesores agardan ilusionados polo veredicto dun xurado abraiado, un ano máis, ante tanta profesionalidade.

Saleta organiza Pontenciencia por quinto ano consecutivo
Saleta organiza Pontenciencia por quinto ano consecutivo.

A feira bota a andar ben cedo. Ás 9:45, ultiman os preparativos para recibir a decenas de estudantes dos centros pontevedreses. Como todos os anos, Saleta móvese no espazo efusivamente. Faino co empeño e cas ganas propias de quen confía de forma acérrima nun proxecto. Un proxecto ambicioso que pretende desenvolver nas persoas a curiosidade e a maneira de pensar. “Este é o día da festa. Hoxe é o día no que os cativos locen as súas primeiras galas”, adianta a organizadora.

Publicidade

Os oradores da ciencia do futuro

Antes de comezar, os nenos presentan certo nerviosismo. Segundo Saleta, un nerviosismo motivado. “Van compartir algo que eles fixeron”, matiza. Os postos dos rapaces perfecciónanse con rapidez. Os cativos acoden axiña aos seus postos. Os profesores, convertidos temporalmente en mestres de oratoria, tamén amosan certo desacougo. O xurado está a piques de empezar a visitar os mostradores dos centros educativos. Namentres, os pequenos científicos ensaian.

Os alumnos do CEIP Santo André de Xeve preséntanse á Pontenciencia 2018 cun proxecto sobre as resinas
Os alumnos do CEIP Santo André de Xeve preséntanse á Pontenciencia 2018 cun proxecto sobre as resinas

Os escolares de Santo André de Xeve, segundo clasificado do pasado ano, cren que o importante é participar. Veñen na compañía de Susana, a súa profesora de linguas. O seu traballo aborda o tema das resinas. A idea xurdiu do pai dun alumno, dedicado a esta profesión. “Durante todo o curso estivemos indo ao monte e vivimos o proceso”. Hoxe expoñen os resultados desta longa investigación. “As nenas que teñen que presentar están algo nerviosas”, explica.

Mais esta inquedanza non se presenta do mesmo xeito en todos os colexios. Os alumnos do CEIP Villaverde están “tranquilos pero moi nerviosos”. Así os describen os seus mentores. Aplicaron o método científico ás merendas do patio do recreo. Unhas gráficas comparativas son esclarecedoras. “O alumnado pequeniño ten merendas máis variadas”, conclúe a profesora. Os seus discípulos fan gala do seu gran espírito competitivo. Fanse chamar “Os Villaverdiños”. “Imos gañar”, apuntan.

Na foto, os alumnos do CEE Pontevedra xunto coas súas profesoras
Na foto, os alumnos do CEE Pontevedra xunto coas súas profesoras.

Marta é profesora do CEE Pontevedra, un centro de educación especial. Os nenos veñen con moita forza. Na edición pasada levaron o terceiro premio. “Pontenciencia para eles é fantástico: unha suba de autoestima necesaria”, aclara Marta. As súas pescudas abordan o tratamento de manchas: remedios populares, ou o funcionamento dunha lavadora.

Na Facultade de Ciencias Sociais atópanse algúns dos traballos que se presentarán pola tarde, os do alumnado da ESO. A participación dos estudantes de Secundaria é unha das principais novidades desta quinta edición. Todas os postos están baleiros agás un: o do Instituto Xunqueira I. Nel, o profesor Antonio adestra aos seus alumnos de 3º da ESO para a exposición. O proxecto fala da lenda das orixes do xadrez. Explícano moi ben os mozos e mozas que, ademais, demostran moito agarimo polo docente.

Á espera do veredicto do xurado

Maite, Víctor Alfonsín e Xana valoran os proxectos dos cativos que participan en Pontenciencia 2018
Maite, Víctor Alfonsín e Xana valoran os proxectos dos cativos que participan en Pontenciencia 2018.

Maite, Víctor e Xana son tres integrantes do xurado. Pontenciencia é para eles unha oportunidade. “Isto é un estímulo para que no futuro os nenos sigan investigando”, define Maite. A orixinalidade, a técnica de investigación e a actitude nos rapaces son algúns dos criterios de valoración. Tras visitar cada un dos postos, os integrantes do xurado reuniranse para elixir os proxectos gañadores.

Unha vez recibida a visita dos xuíces, a rapazada xa está máis calmada.  “Foron moi amables con nós”, di unha alumna do centro Santo André de Xeve. Após a exposición, o equipo dos Villaverdiños segue a estar convencido de gañar. “Están relaxadísimos”, describe a súa mentora Azucena. “Os concursantes teñen unha disposición marabillosa, unha capacidade de explicación e de oratoria estupenda”, afirma Ana Rey, compoñente do xurado, nada máis presenciar un dos proxectos da Feira da Miniciencia.

Sobre as once da mañá iníciase a exposición e o Xogo das Mulleres Faro na Facultade de Ciencias Sociais. Marta Uxía organízana e explican primeiramente a decenas de cativos a importancia dunha serie de mulleres galegas na historia. Entre elas, atópanse Concepción Arenal ou María Barbeito. Despois, os nenos poñen en práctica o aprendido mediante un xogo de cartas. As dúas coordinadoras ficaron abraiadas ante o coñecemento dos rapaces. “Coñecían algúns aspectos dalgunhas das mulleres. Iso é difícil atopalo”, di Uxía. En palabras de Saleta, Pontenciencia 2018 representa a alegría de compartir. De compartir coñecemento e ilusión. E de moito futuro por diante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O programa InTalent da UDC e Inditex devolve a Galicia a dous investigadores de excelencia

A bióloga Ana Rey e o filólogo Jorge Ledo, cunha ampla e prestixiosa traxectoria no estranxeiro, continuarán as súas carreiras na Coruña

O CSIC súmase tamén ás actividades de Pontenciencia 2018

O organismo presentará o obradoiro “As plantas tamén sofren”: o venres 1 para alumnos de diversos centros e o sábado 2 para o público xeral

Pontenciencia 2018: onde se reúnen os futuros científicos

Os escolares presentarán os seus proxectos de investigación na Feira da Miniciencia de Pontevedra, que chega cargada de actividades

O cambio climático será o protagonista na Galiciencia 2018

A Tecnópole de San Cibrao das Viñas acollerá as presentacións de 77 proxectos de estudantes entre o 9 e o 11 de maio