O colexio pontevedrés Santo André de Xeve xa está en marcha para a súa participación na feira Pontenciencia que organiza o concello de Pontevedra coa Uvigo e a FECYT. O seu proxecto consiste na creación de xabóns a partires das prantas pero… Como se lles ocurriu esta idea? A primera hipótese que lles xurdiu foi: pódense extraer aceites esenciais das prantas aromáticas utilizando aceite de oliva e de xirasol? E con eses aceites poderíamos facer xabón?
Para a súa elaboración, os alumnos de 5º de primaria, xunto ao seu profesor de Matemáticas e de Ciencias Naturais, Francisco Becerra, e a directora do centro, Susana Nieto, construíron un horto con plantas aromáticas como a lavanda ou o tomiño. Primeiro fixeron os aceites esenciais e logo os xabóns.
Á hora de facer estes xabóns non estiveron sós: Mercedes, a avoa da alumna Claudia, ensinoulles a elaboralos. A primeiras probas sairon mal porque a mostra era demasiado líquida. Tras novas tentativas conseguiron un material sólido ao que lle deron forma de flor.
Os nenos móstranse entusiasmados ante este concurso. O experimento deulles a ocasión de poñer en práctica os coñecementos adquiridos este curso. “Este tipo de traballos son polos que aposta o colexio porque os rapaces poñen en práctica o aprendido na teoría”, conclúe o profesor Becerra.