Sábado 20 Abril 2024

Así se constrúen científicos en 5º e 6º de Primaria

Profe: canto traballamos e canto aprendemos!”, dixéronlle estes días os seus alumnos de Primaria a Isabel García, docente do CEIP Marcón de Pontevedra, un dos colexios que esta fin de semana participará en Pontenciencia, a feira científica que terá lugar na Escola de Enxeñaría Forestal. Igual que os alumnos de Isabel, centos de estudantes, nalgúns casos cos seus compañeiros, e noutros, coas súas familias, levan meses traballando nos experimentos que presentarán esta fin de semana.

En "Ósos de goma", mergullan pezas do esqueleto en diferentes fluídos.
En “Ósos de goma”, mergullan pezas do esqueleto en diferentes fluídos.

No colexio de Marcón presentarán catro proxectos: obtención de tinguiduras e estampación de teas, mosaicos e obxectos decorativos con tinguiduras e materiais naturais, conservación dos alimentos e a alimentación en mulleres embarazadas. Estes últimos dous traballos están dirixidos por Isabel.

Publicidade

Foi un camiño de longo percorrido que comezou en xaneiro. “Sentámonos a debater, a pensar temas, a buscar a hipótese… e a partir de aí comezamos a investigar”, conta a profesora. Unha das maiores satisfaccións para Isabel foi ver os avances que os rapaces acadaban no traballo en equipo. “Aprenderon que cada un tiña unha pequena responsabilidade que, se cumprían ben, ía axudar a que o traballo conxunto puidese saír mellor”.

Alumnos do CEIP Marcón preparan o proxecto.
Alumnos do CEIP Marcón preparan o proxecto.

Ao gozar aprendendo, di a profesora que os estudantes “adquririron un montón de coñecementos sen sabelo, inconscientemente: melloraron na observación, na xestión das situacións negativas, nos mecanismos de recollida de datos…”. O resultado foron dous proxectos, dos que se encarga Isabel, cunha sólida base de traballo detrás. “No experimento de conservación de alimentos estudamos como se comporta unha peituga de polo en diferentes condicións: fixemos fotografías, táboas, escalas co olor que desprendía, etc. E se por eles fose, faciamos moito máis”.

Para o outro traballo, sobre a alimentación nas embarazadas, desenvolveron unha enquisa na que se involucraron as familias de todo o colexio, co fin de obter unha mostra ampla. O resultado tamén poderá verse esta fin de semana.

O CEIP Froebel, situado no centro da cidade, é outro dos colexios que levarán varios proxectos a Pontenciencia. Os alumnos de 5º e 6º de Primaria prepararon catro proxectos, segundo explica o director, Manuel Carpintero. “Construíron un periscopio, estudaron como se descompoñían as plantas, fixeron outro traballo sobre plásticos e deseñaron un chaleco intelixente para peóns”, explica.

Outro dos traballos dos alumnos analiza o tempo de reacción ao volante.
Outro dos traballos dos alumnos analiza o tempo de reacción ao volante.

Engade o director que o profesorado procura implicar a todos os estudantes nalgún dos proxectos. Así, din “nótase un maior interese e motivación; os experimentos gústanlle moito”. Algúns deles, ademais, teñen unha transferencia importante á sociedade, como é o caso do chaleco para peóns, que leva incorporadas unhas luces LED que se encenden cando se achega algún vehículo e, deste xeito, protexen á persoa que o leva.

No colexio San Martiño danlle o último repaso estes días aos seus experimentos. Diego Fariña, profesor de Educación Física que tamén imparte Naturais e Sociais en 5º de Primaria e Naturais en 6º, é o encargado de axudar aos estudantes que participan en Pontenciencia. “Nós non valoramos tanto o resultado final como o proceso de aprendizaxe polo que pasan os rapaces. É un traballo interdisciplinar, porque cada proxecto implica ser competente en distintas áreas: cálculos e rexistros de datos (matemáticas), elaboración de informes (lingua), maquetas (plástica), e moito máis”, explica Fariña.

"Como voan os avións?" é outro dos proxectos do San Martiño.
“Como voan os avións?” é outro dos proxectos do San Martiño.

No caso do San Martiño, funciona a democracia directa á hora de escoller os proxectos que se presentarán en Pontenciencia. “En cada trimestre, cada grupo desenvolve un experimento, o que nos dá un total de 30 proxectos, máis ou menos, a estas alturas do curso. E os alumnos son os que escollen, ao final, cales son os 4 que van ir á feira”, conta Diego.

Este ano, os catro experimentos elixidos democráticamente tocan varios eidos de coñecemento. Hai unha maqueta funcional do aparello circulatorio no que tamén se explican as funcións de cada órgano, outra maqueta que explica as leis naturais que provocan que un avión poida voar, un experimento que demostra como o calcio lle dá rixidez e dureza aos ósos, e un estudo sobre como afectan as distraccións ao volante no tempo de reacción ante un accidente.

O balance desta experiencia ao final de cada curso non pode ser máis satisfactorio, segundo conta este profesor. “Cóllenlle cariño a este traballo, e cremos que así estamos fomentando vocacións, ou polo menos contribuíndo algo. Facemos unha enquisa de balance do curso e case sempre os proxectos de Pontenciencia son o máis votado. Están construíndo a súa propia aprendizaxe, e tamén aprenden sobre expresión oral, a falar en público, que é algo que moitas veces non traballamos o suficiente nas aulas”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade